leoeosseus

sábado, 30 de xuño de 2007

Canastro furado pola publicidade


Teño poucas fotos neste ordenador pero aínda teño esta que no seu momento titulei canastro publicitario.
Muito se ten falado do feísmo urbanístico pero máis que nada restrinxido ó entorno rural. Vamos, para rir da xente do campo. Pero esta foto está sacada en Vigo, la ciudad de los defensores de los gatos, e non pode ser unha proba máis do feísmo, do pouco gusto, da pouca cultura, da barbarie e da falta de escrúpulos de xente que non aprecia o seu: a ruina dun canastro furada por un valado publicitario.
Millor cambiarlle o título e chamarlle: Seamos modernos y cambiemos nuestros hórreos por chalets.

Etiquetas: ,

mércores, 27 de xuño de 2007

Nove meses


Hoxe o Leo fai nove mesiños. Como pasa o tempo !. Gústalle xogar coas mans dando palmas e arrandear a cabeza para negar. Encántanlle algunhas cancións. Segue esbarrufando e agora pon cara de vello arrugando o nariz e mostrando os dous sachiños. Tamén apreta as mans e a boca e ponse todo tenso cando quere. Quere agatañar pero só da un paso e tírase para arrastarse. Cando dorme colle as posturas máis raras posibles e asoma un pé pola separación dos barrotes e levanta o cu mentres pon a cabeza de lado. Segue coa teta e a papa do mediodía e a fruita da tarde. De noite segue espertando bastantes veces pero é a única lata que dá en todo o día.
Hoxe levámolo para facer unha foto cos primos pero non houbo xeito de que rise: había demasiadas novidades.
No choio aprendín un refrán dun camioneiro novo que non quixo estudiar seguindo os consellos dos pais. Díxome: quen non segue os consellos da boa mai segue os da mala madrastra.

Etiquetas:

martes, 26 de xuño de 2007

Interneteando

Estes días tiven tempo para coñecer as fotos de Carlos Valcárcel Gay , visitar as antípodas de Vilaguindastre ( é o parque nacional de Paparoa en Nova Zelanda, á beira do mar ) e para escoitar música de Los Berrones.

Etiquetas: ,

luns, 25 de xuño de 2007

Oleiros


O sábado fixo mui bo tempo e fomos ata Culleredo e Oleiros para faceren un exame Cris e Ana. En Culleredo paseei co Leo polo paseo da ría do Burgo mentres había xente facendo footing e un parrullo lle fuxía a Leo cando falaba co el como fala con tódolos animais que topa no camiño. Eu quería mostrarlle os muxos a Leo pero el miraba para o muro de pedra.
Logo fomos con Cris e Ana a Oleiros, xantamos nun restorán do paseo e visitamos o castelo de Santa Cruz que sae na foto " roubada " no flickr. Eu non sabía que era do concello e que se podía visitar e levei unha grata sorpresa. Dentro había unha exposición sobre os lobos e o Leo falou cun lobo desecado.
O Leo desfrutou do paseo e da viaxe no coche. Despois paramos en Marín un chisco e volta para Vilaguindastre.
O domingo fomos xantar a Arbo e á volta na tardiña empezou a chuvia outra volta.
E hoxe luns volta á rotina do traballo.

Etiquetas: ,

sábado, 23 de xuño de 2007

Costumes de san Xoán

Hoxe é a noite das fogueiras de San Xoán. Esta noite é mui especial e máxica. Tanto vale para amañar a infertilidade das mulleres bañándose na praia da Lanzada como para darlle a felicidade a unha rapaza se lle dá de beber unha pinga de auga a unha lavandeira. Esta noite quéimanse monecos e co fume purifícase o corpo se saltas por riba da fogueira. Esta tamén é a noite das sardiñas e da troula.
Por esta zona o costume é pasar a rapazada a noite roubando carros e cancelas das casas e levalos a unha praza ou, como na foto do ano pasado, a unha rotonda ou unha fonte ou un cruce de camiños. De cada vez hai menos carros e xa valen remorques ou carretillos ou contedores de lixo. O caso é roubar algo.
Pois iso; pasa boa noite.

Etiquetas: ,

venres, 22 de xuño de 2007

Hoxe lin algo bonito e cargado de sentimento.

Etiquetas:

mércores, 20 de xuño de 2007

O Matalobos


Esta foto retrata o momento que enterran os restos do arquitecto Antonio Palacios na súa vila natal que non era outra que Vilaguindastre. Este feito aconteceu no 1976 e reuniu muita xente. Entre esa xente estaba " O Matalobos " que era o home do centro da foto detrás da nena con sombreiro. O tal " Matalobos " lémbroo de xardineiro coa vasoura na man esperando que caíse unha folla para varrela con muita pachorra. Logo caía outra e alá a empurraba para o montonciño. Eu non tiña trato co el e co ese alcume eu barallaba se sería un bo cazador ou se tivera no pasado algunha pelexa cun lobo a man limpa e o matara... que sei eu. Vamos, que o tiña coma un mito. E pasou o tempo e morreu ese home que era tan pausado para traballar e tan lixeiro cando bailaba nas festas coa muller. E seguiu pasando o tempo e un día descubrín nun dicionario a palabra matalobos: persoa pouco traballadora...e nese momento aparecéuseme diante a imaxe do tal " Matalobos " que deixou de ter unha vida heroica para min e se fixo humano.

Etiquetas: , ,

luns, 18 de xuño de 2007

Interneteando e o meigo


Esta fin de semana tan chuviñenta ( almorzos con xarope de arce e merendas con chocolate ) non deu para paseos reais pero si algúns virtuais. Encantoume a defensa da lingua galega de eunoutrolado. Aprendín algo sobre os nomes dos galegos e ata sobrevoei terras de Arbo gracias ó Youtube.
O Leo tamén aproveitou o tempo para aprender e xa agatuma, ou sexa, arrástase polo chan coma un soldado .
E aquí está na súa bañeira mostrando os sachiños de abaixo. É un meigo ( como di a avoaE ) e tamén é un macaquiño da caixa dos mistos ( como di o avóM ).

Etiquetas: , , ,

sábado, 16 de xuño de 2007

Loa a Ana


Mañá cúmprese un ano da nosa volta dos EEUU. Foron tres anos naquelas terras que quedarán para sempre na nosa memoria. Pasar ese tempo alá e muitas máis cousas débollas á rapaza da foto. Unha rapaza que medrou e que se converteu no motor que saca o que teño de bo e que purra por min. Unha rapaza cariñosa, comprensiva e traballadora coma unha formiguiña. Unha rapaza que quero anque non llo diga a miudo. Unha rapaza que merece un imperio por ser como é. Xa o adiviñaches; esa rapaza é Aniña.

Etiquetas:

xoves, 14 de xuño de 2007

Crise da gandería


O sector da agricultura e gandería está en crise contina e os productos non renden o que deberían. Muitas explotacións fechan. Manolo Rivas de escribir hoxe o seu " Un millón de vacas " tería que cambiarlle o título por " 400000 vacas ". Outros productores optan por cambios radicais. Sae o bum e fan cartos a moreas os primeiros que explotan esas novidades. Pasou cos kiwis, cos visóns, coas búfalas, coas avestruces, etc.
En definitiva, hai que dar de comer a toda esa fauna e así na fábrica pódese topar pienso para polos, porcos, vacas, ovellas, cabras, cabalos, coellos, cans, gatos, pombas e perdices... Incluso hai pienso para avestruces. Pero o que si me abraiou foi topar pienso para caracois ou coscos !!!. Quen sabe cal será o próximo ?.
En fin, a imaxinativa ó poder.
Na foto está o Colín hai dous anos cunhas avestruces na illa de Arousa. O Colín non estaba acostumado a esas pitas tan enormes e apañou un bo susto.

Etiquetas: , ,

mércores, 13 de xuño de 2007

Vista dende a Torredocaminho


Non teño falado do meu lugar de traballo e ben merece unhas palabras. Como é unha empresa de alimentación animal ten uns silos enormes e a vista dende o alto é case unha vista aérea. Por diante da entrada pasan os pelengríns que van a Santiago seguindo o Caminho Portugués. Pola altura da construción e por estar abeirado ó Caminho voulle chamar á empresa Torredocaminho.

Etiquetas:

martes, 12 de xuño de 2007

Voda e visita a Monçao



O sábado foi a voda e tivemos oportunidade de ver familiares ós que levabamos tempo sen ver. Tamén demos a coñecer o Leo en sociedade e aínda había tres embarazadas e algún naipelo máis. O sitio do banquete é novo e con gusto e ten unhas vistas da ría de Vigo preciosas ( apréciase na foto ). O Leo pasouno ben pero despois quedou durmido e tivo un mal despertar cando tocou a gaita un amigo da parella e non lle chistou nadiña ese son tan agudo ó Leo.
O domingo fomos xantar a Portugal co avóM e coa avoaM e primeiro fomos a Casa Álvaro e non había sitio. Logo fomos ó Escondidinho e foi difícil topalo alá por un camiño na ponte vella de Chamosinhos e estaba cheo tamén así que logo acabamos en Cerdal, camiño de Ponte de Lima, na Adega do Joao. De alí fomos a Monçao e puidemos ver a Coca coa filla e a neta. Na estación ( xa non hai tren nin vías ) estaba a mostra do Alvarinho e había postos de artesanía e exhibición de como se traballaba o liño. Tamén había unha rosquilleira que vendía as rosquillas soltas e un posto de churros " á espanhola ". Paramos pouco tempo que empezou a chuviñar.
Monçao pareceume bonito coa súa muralla e o seu aire decaído e a cantidade de nespereiros que ten. Quedoume pena de non levar a cámara que había escenarios ideais.
E así foi a fin de semana.
Hoxe luns traballei de tarde e o Leo durmiu fóra de control.

Etiquetas: ,

venres, 8 de xuño de 2007

Voda I


Mañá temos unha voda e o Leo coñecerá a unha parte da súa familia ( máis ben ó revés ).

Etiquetas:

xoves, 7 de xuño de 2007

A Coca de Monçao


Dá gusto aprender cousas novas. Teño un compañeiro de traballo portugués e díxonos que hoxe era festivo en Portugal e que en Monçao fan a festa da Coca. Eu coñecía a Coca de Redondela pero non coñecía a de Monçao. No día de Corpos en Monçao no recinto das touradas, fan unha luita entre a Coca e San Jorge como sae na foto e normalmente gaña San Jorge porque a Coca se retira ou perde unha orella que lle corta o cabaleiro. Pero hai ocasións nas que o cabalo ten medo ( cada ano o cabalo e o cabaleiro son distintos ) e acaba fuxindo entre os apoupos e risas do público e resulta gañadora a Coca. Este feito tern a súa parte positiva porque din que se gaña a Coca o ano é bo para a agricultura.
Eu non puiden ir hoxe e non sei o resultado final pero gustaríame que gañase a Coca... Hoxe e sempre.

Etiquetas: , ,

martes, 5 de xuño de 2007

Dez millores romances en galego


Parzival propón no seu blogo unha enquisa interesante. Quere saber cales son os dez millores romances en galego para ti. E aquí están as bases desa enquisa.
A miña lista é esta. Non lin tódolos libros en galego e hai outros que lin pero que non me gustaron tanto. Eu non sei de literatura nin estilos e a miña opinión é simplemente personal. E aí vai a lista de máis a menos.
1- " A vila sulagada " de Daniel Cortezón.
2- " Beiramar " de X. M. Martínez Oca.
3- " Pensa nao " de Anxo Angueira.
4- " Aventuras de Alberte Quiñoi " de Manuel García Barros.
5- " En salvaxe compaña " de Manuel Rivas.
6- " Código morse " de Xavier Alcalá.
7- " Licor de abelá con xeo " de Xurxo Sierra Veloso.
8- " Atuado na braña " de Xabier Quiroga.
9- " Ébora " de Xosé Carlos Caneiro
10- " As crónicas do sochantre " de Álvaro Cunqueiro.
11- " Tres segundos de memoria " de Diego Ameixeiras.

Etiquetas: ,

luns, 4 de xuño de 2007

Pedro Chosco


Xa case temos un home na casa. Explícome. O sábado levamos ó Leo a un partido de balonmán e facía muita calor. Logo paseeino pola rúa coa mesma roupa e debeu de coller un frío e xa esa noite durmiu mal e con tos. O domingo millorou bastante e hoxe está rouco e con vozarrón augardentoso pero a el gústalle que fala en alto e ri. O malo é cando chega o momento de durmir. O Pedro Chosco atácalle pero o Leo tuse e respira mal e esperta chorando un pouco ( como agora mesmo ). Ana arrólao un pouco e volve quedar durmido. Pero, bueno, o naipelo vai millorando.
E falando do Pedro Chosco; miña sogra sempre me canta " o pedro mailo bandullo foron xuntos á festa no cabo do mundo, o pedro como era máis bellaco meteu a tres nun saco " e meu pai di que a cantiga é " o Pedro Chosco mailo bandullo foron xuntos á festa no cabo do mundo "... e eu non sei quen terá razón dos dous.
En fin, a imaxe está tirada do libro " Diccionario dos seres míticos galegos" onde se ve o Pedro Chosco facendo das súas cun neno.

Etiquetas: ,

sábado, 2 de xuño de 2007

Escatoloxía en galego


O outro día saiume un posteo triste e hoxe saeme un posteo escatolóxico ou merdento. Todo vén a conto pola palabra " peleiro " que busquei nos dicionarios que teño e só apareceu nun pero non co significado de " un pelo " senón de " conxunto de excrementos de cabalo ". Seica din esta palabra pertiño a Lugo capital.
Por outra banda, polo sur da provincia de Pontevedra dicimos " cachicha " para o que " fan " as galiñas. Busqueino en tódolos dicionarios que teño e non aparece. En portugués aparece " cachicha " como expresión co significado de " que nojo ! " pola zona de Braga.
Logo en Arbo chámanlle " caghatias " ás boliñas que depositan os coellos polo monte adiante ( saen na foto que non fixen eu ) e a iso mesmo chámanlle " feitíos " pola zona de Bande.
E iso é o que teño que dicir de escatolóxico por unha tempada.

Etiquetas: ,

Nin coas pegatas de san Cristobo


Dende logo que non se pode luitar contra o destino. A foto pertence a un camión que viña cargar á miña empresa. Este camión e outro máis pequeno eran propiedade dun home que tiña gran devoción por San Cristóbal, patrón dos camiñantes e dos automovilistas. Os camións ían incluso a un taller chamado San Cristóbal e non lle faltaba a pegatina da procesión de cada ano. Ó dono non lle valeu de nada: morreu coa súa filla nun accidente cun camión haberá uns catro anos e a empresa pasou a outra xente. Esta semana o camión da foto sufriu un accidente e quedou desfeito. A boa noticia é que o chófer está ben.
Estas son as cousas que pasan.

Etiquetas: ,