Vintesete meses ( e un día )
Os días de festa pasan lixeiros e enleados entre visitas, paseos e comidas. O Leíño chegou aos seus vintesete meses e non tiven tempo onte para escribir no blogo. El segue avanzando pese ao pouco que come. Da teta case non se lembra pero está feito un adicto aos postres e o chocolate. Gústanlle os contos repetidos ata o infinito como o de Pinocho e Peter Pan. Gústalle xogar coa granxa dos Lunnis e ir á mesa co neno Xesús, a vaca, o burro e a galiña e pide que lle cantemos as cancións de Miliki: Había una vez un circo " Había sírcolo ", Susanita " Ratón titín ", La Gallina turuleca " Ghaliña teca e ovos ". Sabe que mamá ten unha nena na barriga ( ao primeiro localizábaa polas tetas ) e sabe como se chama porque lle demos a escoller entre os nomes de Sabela e Xiana e dixo: Xiana.