leoeosseus

martes, 31 de marzo de 2015

En rodaxe


Como Xela explorando a casa de cartón estou eu explorando o novo ordenador.
A vida real : cinema de toda a familia por primeira vez para ver " Home ", despois de intentar ir ao zoo de portas abertas cunha ringleira de xente enorme, paseos por Melgaço, estrea de parques en Redondela, goce dos nenos no Ifevi coas atraccións das festas e momentos menos dóces como a obra do baño ou buscar un taller para o coche hoxe que pechou o taller que o reparaba para mostra de que a crise está aí aínda.
En fin, a ver se me poño ao día.

Etiquetas: ,

venres, 20 de marzo de 2015

Eclipses



Esta mañá o sol lucía deste xeito detrás dunha nube a iso das nove e media. Sería este un eclipse nubeiro porque despois non puiden mirar para el que non tiña protección para a vista. Iso si, notouse una luz apagada no ambiente, silencio e un frescor esaxerado. Logo o sol recuperou a forza e puidemos gozar dun triple cumpreanos con comida no exterior.
O tío Nesi mirou o eclipse montando lentes dunhas gafas de sol para ciclista e así fixen esta foto de como miraría el o sol cando foi o eclipse, sen o eclipse, claro; que foi muitas horas máis tarde.
E hoxe habería outro eclipse que sería o do ordenador que fixo " puff " e apagouse por completo.
Só espero que teña solución.





Etiquetas:

luns, 16 de marzo de 2015

Escritores, neves e máis


Esta fin de semana principiou co encontro con Carlos Vila Sexto, guionista e escritor e curmán de quen isto escribe. Foi mui ben recibido no clube de leitura de Redondela e tivo a sorpresa da visita de curmáns e tía. Falou das vicisitudes no mundo da televisión da súa serie  " Los misterios de Laura " e do libro que publicou a catro mans con Javier Holgado. Eu tiña un exemplar e adicoulle o seu libro a Leo " de escritor a escritor ".
Estou orgulloso de ter un curmán tan grande e sinxelo.


No sábado partimos cara a Cabeza de Manzaneda que estabamos coa teima de ir á neve e non dabamos topado o momento ideal.
A neve non era muita e estaba dura pero tivemos a sorte de que estaba aberta a estrada ata o alto de todo e aforramos o timo da telesilla ( 8 euros por persoa ). Alá nos tiramos neve, esbaramos cun plástico, intentamos facer un moneco de neve e gravei o silencio.


Fixemos un amago de moneco de neve que levamos de volta a Catro Caldelas onde iamos durmir. Aguantaría toda a noite se non pasasen por alí uns nenos que empezaron a xogar coa pouca neve que quedaba. Á mañá seguinte pasaron uns nenos e Xela e Leo dixeron que eran eles dende o balcón. Os nenos miraron para arriba e dixéronlle a Xela: " Chao, guapa " e Leo, coa súa lóxica dixo: " No, estos no son que no son malvados ".



O hotel era o encanto da foto. Está mui ben cuidado e é novo e está exquisitamente adornado. O prezo era de risa e o trato mui amable. Recomendo este hotel.


A catro pasos estaba o castelo que visitamos. Aparte da catapulta da entrada tiña de curiosidade, polo menos para min, a copia do primeiro texto escrito en galego que foi escrito en Castro Caldelas alá polo ano 1228.
Na foto aparece un selo dese texto.


Rematou o paseo no cemiterio de Castro Caldelas de onde marchamos para o hotel antes de que aparecesen os zombis.


E hoxe empezou ben o día coa descuberta por parte de Leo de que o ratiño Pérez tamén está por Castro Caldelas que lle trouxo un estoxo para o cole e unha libreta para escribir os seus libros.
Baixamos a Ourense e aínda tivemos tempo de dar unha volta no tren dos Carrileiros, un asunto que tiñamos pendente dende hai tempo.
Na foto está un xigante ou un don Quixote feito con material ferroviario e unha roda dun carro de bois.
Quedamos contentos desta fin de semana !.

Etiquetas: ,

xoves, 12 de marzo de 2015

Esperas


Tras varias semanas de esperas por fin apareceu o home que nos vén cambiar o baño.
Facía tanto ruido que se puxeron Leo e Xela na liteira de Leo coas cabezas cubertas co edredón. Nunha destas Xela caiu dalá arriba. Caiu de costas no chan e queixábase da espalda e de que non podía andar. Leveina ao centro de saúde de Vilaguindastre e non lle toparon nada malo pero, por seguridade, millor que a levase ao Xeral de Vigo. Alá fun e tocounos esperar e esperar. Eramos muita xente con bebés e nenos con problemas e, aos poucos, foise despexando o asunto. Xela durmiu no meu colo e só espertou cando estaba unha médica co ela. Fixéronlle unha radiografía e un analise de orina e tivemos que agardar polos resultados e, por fin, ás tres da mañá puidemos volver para casa despóis de estar alí dende as nove.
Foi longa a espera pero o importante é que Xela está ben.
Agora xa ten outra anécdota para contar de maior: non todo o mundo cai dunha liteira de costas e non lle pasa nada !.

Etiquetas:

luns, 9 de marzo de 2015

Zeta de Curro Jiménez


O futuro é dos nenos e Leo exerce de ensinante con Xela. Na foto está Xela hoxe mesmo repetindo palabras co son " z " que é complicado para os nenos pequenos e para os estranxeiros. A min sóame ben tal como o di Xela pero Leo é un perfeccionista e non está conforme.
O que dicía: o futuro é deles e o pasado doutros. Mirando un vídeo de Carlos Velo de Galicia do ano 36 lembrei cando fun de extra ( con dous autobuses cheos de xente de Vilaguindastre e vendedores ambulantes ) alá polos oitetantos na película Gallego de Sancho Gracia. Faciamos de refuxiados da guerra civil en Francia e no segundo número seis podo recoñecerme á dereita de todo da imaxe na ringleira coas mans nos petos. Atrás miña viñan dous grandes amigos.
Que tempos !.
P.D: Engado o vídeo dunha Escuela Nacional de Friol alá por finais dos setenta. Igualiña á que fun eu anque eu non era do rural, senón dun barrio obreiro.
Este vídeo buscábao Tartaruga e topou cunha amiga que llo recuperou.
Aí queda para que non se volve perder.

Etiquetas: , ,

domingo, 8 de marzo de 2015

Sol e ciencia


Venres tocou percorrer o paseo polo río Louro onde Leo e Xela saltaron charcos e tiraron pedras.


Sábado tocou xantar en Cesantes, na tasca onde está o burro José, amigo dos nenos e os anacos de pan.


Non faltou a voltiña pola praia onde o vento convocou cores en forma de papaventos, windsurfs e kiteboards.


Despóis acercámonos a Pontevedra onde había Salón do libro e exhibicións de traballos infantís de ciencia. Os nenos demostraron ter imaxinación e ganas de traballo e os adultos quedan como simples cando pensan que tres indios " civilizados " van contaxiar á tribu enteira.
Nada. Que non estiveron mal estes dous días.

Etiquetas: ,

venres, 6 de marzo de 2015

A canicouva e outras porcalladas


Vai rematar esta semana laboral e eu rematarei ás sete da mañá do sábado metido na canicouva da foto limpando a estrumeira que caia aí.
Canicouva chámalle un compañeiro a este sitio cando entra no seu turno e me atopa aí metido. Para min que será como a cova dun can anque para outra xente cambia o significado e noutras fontes tamén varía o significado e a grafía.
Nesta semana tamén oín da boca dunha caixeira do Froiz a frase " Cousa ghabada, cousa caghada " falando da primeira empanada que fixo unha compañeira. Atopei o refrán aquí e aquí na interrede.
E, seguindo con porcalladas varias, vou contar un chiste que contaron no choio.
Ían dous madrileños de paseo por un parque de Madrid e miran un home cagando nunha esquina. Entón dille un ao outro: " Si ahora acaba y mira para la cagada es gallego ". E, meu dito meu feito, o home rematou a faena e botoulle unha ollada rápida á obra. Os madrileños riron para eles e animáronse a preguntarlle por que facía iso e así seguir rindo coa resposta. O galego ante a pregunta tonta dixo: " Estaba a mirar a cantidade de merda. Para min solo é muita, para nolos tres é pouca pero para volos dous é a xusta. "

Etiquetas: ,

luns, 2 de marzo de 2015

No vezo


Empezo marzo metido no vezo. Merco un libro electrónico para Naideleo, un libro para Leo que estaba triste que vai botar uns días sen mirar o curmánF e outros dous libriños para Xela que se atreveu a dicir o outro día que os libros son aburridos e aínda non sabe que quen non quere caldo, sete cuncas. Para min merquei unha batería nova para a cámara e, como non todo vai ser gozo para o espíritu, merquei xarope de arce para tomar no almorzo que nestes días de mollaparvos ben que presta.
A foto é da bolsa que me deu a libreira con chaleque Quechua e riso de axóuxere.

Etiquetas: