En Arbo din que cando o labrador ten o millo no canastro, o viño na pipa e o porco na salgadeira entón xa ten a colleita do ano feita e así o domingo os avós remataron a colleita coa mata dos porcos.
A matanza foi coma de costume anque á hora de queimar o pelo dos animais usaron este ano o soplete de butano pero rematar, remataron cos fachucos de colmo de sempre para darlle o dourado da pel. Logo tocou penduralos e vacialos das tripas e as entranas.
Á tarde adicámola a larear de todo: alimentación de porcos ( con millo escarrolado, ou sexa, partido), política, curas, veciños coas súas nomeadas curiosas como " Pato Bravo " ou " Cona Chiva " ou veciñas que son calouras, signifique o que queira significar isto anque non creo que sexa un piropo. Souben dos tempos dos " guardias de campos " que non deixaban levar o gando ao monte reprantado de piñeiros onde antes pastaba o gando de todos os veciños. Tamén aprendín que non toda a xente pode ver a Santa Compaña ou
As Xans e que aínda existen. O remedio que empregan por aquí para que non te leven é arrimarte á dereita do camiño, cruzar os brazos e non mirar para a aparición.
No luns tocou partir e salgar e houbo máis lerias e contos verdes como o do moniño dos tres biberóns. Apareceron vareixas zoando e fun quen de matalas cun pano e evitar que caguen na carne. No xantar saiu na tele o coche sen condutor que foi de Vigo a Madrid. A xente dicía que era un adianto pero eu dixen que era para mandar ao paro a camioneiros e chóferes de autobús. Unha señora dixo: - E de que vai traballar esa xentiña ?. " Iso non lle importa aos políticos " - respondinlle eu. - Terán que matar vareixas - retrucou a muller. E todos riron.
E así foi.
Etiquetas: arbo III, etnografia VII, lingua X