leoeosseus

mércores, 29 de xuño de 2016

Askondo e máis



O outro día merquei un libro dun escritor de Vilaguindastre: Diego Giráldez. Merqueino non mui convencido non sei polo que. Eu coñézoo de vista e algo sei del; menos do 1 %, polo visto. E o libro abraioume. Son relatos curtos, minibiografías de xente actual que pode ser un veciño calquera ou un compañeiro de traballo. Están escritos de maneira que cada frase é un xogo literario que xa me gustaría a min escribir dese xeito. Os textos son mui orixinais e están cargados de tensión e rematados de maneira inesperada. Vaia, que o recomendo.
Aparte ten unha ilustración por relato e así aprendín da cova de Askondo que a descubriron hai poucos anos e que retrato aquí.
" Galería de saldos " é o título deste libro que evidencia que o galego é un idioma totalmente válido para escribir marabillas.
Este  libro e " Un animal chamado néboa " de Ledicia Costas son mui bós exemplos de literatura galega actualísima anque o de Ledicia Costas é tan real e duro que ata deixa mal o estómago.
Unha curiosidade: buscando na interrede descubrín que os debuxos paleolíticos da ilustración non son de Askondo e si son de Akakus en Libia.

Etiquetas:

martes, 28 de xuño de 2016

Os nenos de vacacións


Rematou o curso dos nenos e non comentei como o remataron. Leo sacou mui boas notas: todas notable menos un ben e un sobresaliente e segue especializado en linguas. Leo le muito ( leu 86 libros para un concurso de lectura que quedou en auga de castañas ) e escribe; anque agora está enganchado á serie dos Yo - Kai watch e canta, escribe e busca todo sobre esta serie.
Xela tamén saiu ben do curso e a profe está contenta con ela que traballa, non fala e obedece para abraio meu que lle preguntei se falabamos da mesma Xela. Todos os obxectivos están conseguidos menos coñecer o nome de todos os compañeiros pero que non sei que pasa aí que ela sábeos e da clase do lado tamén muitos. E Xela non para quieta que tanto mira a tele como debuxa como xoga cunha pelota ou fai coleccións de fotos de animais ou observa como xoga o irmán.
Na foto están nun dos poucos momentos de paz entre eles porque ou Leo chincha á irmá ou ela quere xogar a algo e Leo non quere e empeza a de San Quintín.

Etiquetas: ,

sábado, 25 de xuño de 2016

Repeticións varias


Repetimos as eleccións e tratei de fotografar a evolución da campaña nun taboleiro veciño. Empezou mal que o mal tempo de principio tirou co taboleiro e co que tiña pegado que foi o madrugador " En Marea ". Levantaron o taboleiro e volveron colar o cartaz de " En Marea " que se mantivo en solitario uns días ata que se arrimou o " PSOE ". Estiveron os dous sós ata que estes últimos días chegou o " PP " e arrasou no taboleiro. " Recortes cero - Grupo Verde " tamén apareceu e chantou  a súa amostra. Outros partidos non apareceron en escea e os coches dos altofalantes case non rodaron. O " Nós - BNG " pendurou os seus cartaces azuis e a versión negra case como disparando os últimos cartuchos.


E en Torneiros, remedando aos políticos, van e organizan unha fogueira de San Xoán no día seguinte repetindo a da víspera.


Pero, claro, segundas partes nunca foron boas e semella non ter muito éxito esta repetición.
A ver agora que pasa coa repetición das eleccións...

Etiquetas: ,

venres, 24 de xuño de 2016

Quinto ano


Neste día que empeza con fogueiras e trasnadas a nosa Xela fai os cinco anos. A xoubiña está toda contenta a pesar de que non tivo festa cos amigos. A festa foi coa familia e recibiu roupa e xoguetes ( unha pizarra, unha mochila, un peluxe de Everest, un moneco Yokai e o xogo Ido3D para facer figuras tridimensionais con rotulador ). Agora está toda entretida co seu dinosaurio tridimensional e a súa pizarra.
Saiunos unha nena mui activa.



Etiquetas:

mércores, 22 de xuño de 2016

Nos ollos de Torneiros





 

 
 


Onte facía muita calor e entramos os nenos mais eu na casa da cultura do Porriño que hai aire acondicionado. Alí botei unha ollada á exposición de fotos " Nos ollos de Torneiros " feita polos alumnos do CPI da Ribeira. E alí mirei retratadas persoas e paisaxes que pasan por diante miña día si e día non que por algo vivo aquí dende o principio. Ata semella que muda o meu concepto deste bairro que naceu hai corenta anos nunha parroquia rural. Fixéronno en varias fases en zona de monte, prado e gándara e agora ten un instituto, dous colexios, un cuartel da Garda Civil, unha igrexa, a oficina do Inem, panadería, supermercado, etc, etc. É un bairro marxinal, obreiro e afectado por esta crise que non desaparece pero segue aí no día a día dos seus case catro mil habitantes.
A exposición está o resto do mes.

Etiquetas: ,

domingo, 19 de xuño de 2016

A cento quince quilómetros


Aparece este espantallo que non é para paxaros senón para toupeiras. A botella dá voltas co aire e transmite movemento á vara de ferro espetada no chan. A vara vibra dentro da terra e as toupeiras non se acercan, seica.


Os nenos xogaron no seu caseto propio para merendas onde tiñan os seus fillos-globos.
Na casa duns familiares os nenos miraron coellos ( bebés incluidos ), años, galiñas e a enésima reencarnación do burro Rocky. Leo explicou á nai que visitou unha granxa rara onde vivía xente tamén.
Logo Xela e Leo atoparon unha cadela grande, cariñosa e cuidadora de vacas chamada Lía. Foi conosco de paseo e ata Leo me pediu que comprara un can do enamorado que quedou dela.
No día seguinte foron buscala á aldea veciña pero non a toparon. Mentres eu e tíoNan dabamos á gadaña na herba cunha sega nunca vista polos vecinos co seu " xaque, xaque " que parecía que lle dabamos machadazos á herba.
Fomos á capital do concello e na praza teñen unha novidade: un caixón con libros para nenos e adultos en español, inglés e galego. Eu collín prestado " Un sábado longo " e a ver que tal.


Tamén hai niños de cegoña nos edificios altos.


Fomos á capital da bisbarra ao parque infantil cheo de nenos de equipas de fútbol e algún neno ruso e outro brasileiro.
A saída no coche levounos por bairros descoñecidos onde había as casas típicas con corredores de madeira, unha capela pequena e esta pintada dun mundo apocalíptico onde supoño que humanos e cans atacan as últimas rans ( se amplías miras muitos detalles ).
Saímos pola estrada vella e non parei a fotografar unha casa con torre curiosa en Distriz.
E todo isto a cento quince quilómetros de Vilaguindastre.

Etiquetas: , ,

mércores, 15 de xuño de 2016

A Xela revirada


O outro día no centro comercial quedei abaraiado coa proibición da foto pero é case o único que lle falta por facer a Xela. A nena está nunha etapa mui dura que nsulta, pega e protesta por todo. Chama a todos " cerdo ", " burro ", " viejales ", " vieja en bragas ", " pringao " e outras lindezas polo estilo. Así que de premio quedou sen festa de cumpreanos.
A ver se as cousas volven ao rego.

Etiquetas:

luns, 13 de xuño de 2016

Neste tempo tolo


Neste tempo tolo pasamos do calor á chuvia e así non hai maneira de que saia nada no campo.E, falando da escaseza de cereixas, aprendín un dito da zona que ten unha variante máis para o interior de Galicia. O refrán é: " Das cereixas ás castañas todo son apañas e das castañas ás cereixas todo son queixas ". E precisamente estamos no tempo que aínda non saíron as cereixas.
Gústanme os refráns e as palabras bonitas como as da bolsa do Eroski.

Etiquetas:

domingo, 12 de xuño de 2016

Aparecín


Aparecín, si. Levaba uns días sen ideas ou cando as mastigaba non me chistaban para escribir pero un tirón de orellas de Kasege e a pintada esta da foto animáronme a escribir. E, cando estaba animado; a rebelión das máquinas impidiu o feito. Empezou un móbil que non quixo traballar, a lavadora rompeu un anaco da goma que pecha a porta e verque auga, a neveira que lle saltou a alarma do frío, a cociña eléctrica que non prendía e Blogger que só me daba opción para escribir o título do posteo e máis nada. Pero todo se foi solucionando e aquí estou.
A semana pasada foi a primeira festa do pan do Porriño pero non fomos que había actuación de patinaxe de Xela e o primeiro é o primeiriño.
En canto a Leo está nervioso coa fin de curso e os exames pero vaino levando.
E en Vilaguindastre houbo a enésima protesta dos traballadores do matadoiro que están exprimidos ao máximo como muitos dos afortunados que temos un choíño nestes tempos de crise.



Ata logo !.

Etiquetas: , ,