leoeosseus

Friday, 31 August 2007

Carretilleiro

Non é un espantallo nin é unha caricatura; é o paideleo ou acedre conducindo unha carretilla ilegalmente. A foto foi tirada hai uns meses. Agora estou noutra empresa e hoxe conseguín a autorización para manexar carretillas elevadoras. Dentro duns días cambia de empresa un compañeiro con falar teísta do concello de Tui e que me ensinou unha palabra nova. Callamba: moza alegre. Así que xa sabes: se me ves por diante, millor aparta.

Labels:

Thursday, 30 August 2007

Espantallos

Nas viaxes a Portugal apenas miramos diferenzas entre Galicia e Portugal. Na estrada hai funchos e herbas rapudas que son as primeiras colonizadoras dun terreo queimado ou urbanizado. O millo en Portugal está cultivado máis xunto que en Galicia e non me cadrou de mirar ningún espantallo. Buscar espantallos é unha afección que teño coma outra calquera. A verdade é que se miran de cada vez menos e menos. Agora póñense máis Cds pendurados ou fitas de cores ou bolsas plásticas. Na foto está un espantallo que descubrín en Vigo o ano pasado e a verdade que mete medo. Se queres ver un concurso inglés de espantallos clica aquí.

Labels:

Tuesday, 28 August 2007

Caricatura de Paideleo



Estamos con reformas na biblioteca da casa e entre libros e trangalladas descubro papeis que cría perdidos. Un deles é esta caricatura que ma fixo un mudo hai once anos. Eu estaba nunha cafetería e apareceu o home co seu bloc e utensilios para debuxar. Ofrecía facer caricaturas por cincocentas pesetas. Eu non tiña ningunha caricatura miña e dispuña de media hora e tamén desas cincocentas pesetas así que me ofrecín para que ma fixera. Fíxoma, leveina a casa todo gabacho e coas mudanzas e o paso do tempo rematou por desaparecer ata que estes días a volvín descubrir. Gustaríame conservala porque segue sendo a única caricatura miña que teño e porque César, o caricaturista, pode que un día se faga famoso e obras asinadas por el adquiran gran valor...Nunca se sabe...

Labels:

Monday, 27 August 2007

Once meses


O tempo pasa e o Leo chegou ós seus primeiros once meses de vida. Está grande e longo e ten bastante forza que se amarra coma unha lapa ó que lle gusta. É dono de sete dentes e un sorriso especial con ollos chispeantes para Ana e para outros nenos. Segue sendo un naipelo e dá malas noites pero no día faise querer. Ten o seu falar estranxeiro e o seu gatañar lixeiro polo chan ou ó longo do sofá; pero tamén bota tempo de pé e dando pasiños agarrado a unha silla ou á cancela da sala. Gústalle xogar a pillar, explorar e tirar con todo e pasa muito do día xogando e lareando el só. Pola rúa xa non fala e adica o seu tempo a mirar e remirar. É a admiración das caixeiras do Froiz, das veciñas e dunha xitana vella que lle deu a súa benzón e que se admira dos seus pés espidos como " perro de cura " ( segundo di ela )... E xa sabemos que as maldicións e benzóns das xitanas son poderosas; polo que o Leíño seguirá progresando.

Labels:

Thursday, 23 August 2007

Oporto

Oporto é complexo. Rúas con lastros, edificios a caír e negros de fumes.









Monumentos. Ribeira con terrazas e camareiros ineficaces.







Oporto é cor e calor e turismo. Oporto é bo para facer fotos.



Labels:

Friday, 17 August 2007

Album de fotos antigas de Vilaguindastre


Teño un libro precioso de fotos antigas do Porriño e quero compartir algunhas delas.

Labels: , ,

Thursday, 16 August 2007

Cabo Home, Costa Rica e dailyphotoblogs



Onte puidemos pasear cuns amigos polo cabo Home, onde remata a península do Morrazo. Á mañá parecía que ía chover todo o día pero abriu o bastante como para podermos pasear. Xantamos coa compaña dunha amiga costarricense profesora nos EEUU que nos falou dos hoteis pegadiños a volcáns con lava que ilumina a noite e as carretas de cores tan típicas dese país. Nós mostrámoslle este rincón da nosa costa con esa aldeíña de Donón asomada ó océano. Podes crerme ou non pero eu soñei co esa aldea antes de vela por primeira vez hai uns anos.



Tamén estes días, como está o blogomillo bastante parado, andei a visitar blogos de dailyphotoblogs con fotos máis que interesantes e daí que veñan comentarios en inglés e brasileiro.


Labels: , , ,

Monday, 13 August 2007

Teste de intelixencia


O outro día fedellando pola arañeira adiante topei un sitio onde podes calcular o teu coeficiente de intelixencia ( IQ ). Fíxeno e non vou negar que levei unha desilusión pois conseguín 100 puntos que me deixa nun posto de intelixencia normaliña de todo. O teste está feito de corenta series de imaxes para completar en corenta minutos. As primeiras son fáciles pero despois complícase o asunto de mala maneira ( polo menos para min ) e rematei respondendo ó chou.
Se tés corenta minutos e gañas de facelo clica aquí. Lembra que son corenta minutos cronometrados e que non che dan as solucións.
Sorte.

Labels:

Sunday, 12 August 2007

Embotellando II

A lúa estaba minguante esta fin de semana e tocou embotellar un pouco de viño albariño, de híbado e tinto.
A encorchadora levou bo ritmo e as botellas foron xuntándose.

Libramos dous bocois e unha pipa pequena. Pasaron máis de cen cabazos ( 20 litros ) coma o da foto.


As rollas eran portuguesas que para iso son os principais productores de corcho do mundo e o viño levou con orgullo a rolla co lema " vinho de lavrador "... un viño de casa, fresco, afrutado e sen artificios; o digno premio a un ano de traballos e suores.

Labels: ,

Thursday, 9 August 2007

Valença do Minho





Hoxe á tarde fomos a Valença do Minho a cambiar un cobertor. Unha excusa boa como outra calquera para visitar esa fortaleza e o seu mundo comercial. Valença é un formigueiro de xentes e cores. Cidade de sorrisos e carantoñas para o Leo por parte das vendedoras. Valença son xentes falando portugués, galego, español, francés, italiano, catalán, etc. Valença é unha cervexa á sombra do museu dos Bombeiros. Esquivar coches e ver pedras e arte. Ver á nena Caterina xogando co seu can e pasar polas portas das murallas rozadas por espellos retrovisores. Ver cans e gatos deambulando. Valença é un paseo polo estranxeiro máis veciño.



E despois de Valença fomos á cidade irmá de Tui. Percorremos rúas silandeiras e valeiras e paseamos a súa beira co Miño. Nenos na auga, futbolíns fixos e útiles se aportas as bólas, xente nova remando e un pelengrín viaxeiro co seu coche esmendrellado cheo de pegatinas bascas, galegas e alleas. Un pelengrín motorizado coa compaña do seu can vello coma el.

E a despedida dese mundo cercano e idílico foi no Fornos: local con fiestra a este cadro do Miño coas súas dúas ribeiras verdes e bucólicas.

Viaxar viaxa calquera; o caso é vivir a viaxe.






Labels:

Wednesday, 8 August 2007

Feira do libro usado



Onte e hoxe fomos dar unha volta ata Vigo pero por razóns distintas. Onte fomos á feira do libro antigo e de ocasión pero os prezos estaban fóra do noso alcance. Boto de menos as feiras de libros usados dos EEUU nas que os libros estaban realmente tirados de prezo.

E hoxe estivemos cunhas excompañeiras de estudos de Ana que a vida levou ós EEUU, a Inglaterra ou deixou por aquí.

Labels:

Tuesday, 7 August 2007

Juan e cóxegas



Onte a familia recibimos unha visita especial do curmán Juan que fixo o camiño de Santiago cuns veciños. E non, non é o da foto; tirada precisamente pola súa dona Bea no 1999.

Juan é un home mui agradable, cun falar alegre e o sorriso eterno na boca. O seu idioma é o mallorquín e aprendeunos a dicir cóxegas na súa lingua: coxigales ou algo así. Esta forma engádese ás tiligas que se din por terras de Acedre e as cóxicas que se din pola zona de Arbo. En inglés chámanse tickles pero a forma que sobrepasa a todas con diferenza é a basca co seu kilikili. Unha forma expresiva e rotunda coma unha gargallada.

Labels: ,

Sunday, 5 August 2007

Fin de semana movida para o Leo


Esta fin de semana puido co Leo que sae na imaxe como chegou hoxe a casa.
Onte estivemos en Pías e xogou co curmán Fiz. Á tardiña fomos á praia e agatañou pola area adiante. E hoxe estivemos en Marín desfrutando cunha familia blogueira e outros amigos que teñen un fillo que non chega ós dous anos. O tute que levou foi de máis.

Labels: ,

Saturday, 4 August 2007

Aniversario do blogo



Hoxe este blogo fai un ano. E para celebralo poño a foto dun codeso en flor que para iso esta é a época de floración. Os codesos viven xuntos coas xestas pero botan flor máis tarde que as xestas.

Cambiando de tema; hoxe fomos á praia contra a tardiña e o primeiro que facemos sempre é ver se a marea sobe ou baixa para pórnos no límite que marcan as algas secas. A marea subía e por baixo do límite había dúas parellas de turistas que non sabían que a marea lles viña enriba. En detalles coma este, aparte do socate, distingue un se a xente é turista ou non. E unha diversión tonta que teño é esperar que a marea suba e molle as toallas dos despistados. E iso que a marea vai avisando que sobe !.

Labels: ,

Friday, 3 August 2007

Cow parade e Horse Parade

Bueno, xa está ben de fotos en branco e negro e con mal tempo que estamos no verán.

No mesmo lugar de Vigo teño eu esta foto da " cow parade " ou exhibición de vacas deste verán. E teño que dicir unha cousiña. Eu estou de acordo con que disfracen as vacas de Cristobo Cowlón ou que as poñan de pé ou surfeando. O que me parece mal é que lle poñan seis tetos no canto dos catro regulamentarios. Xa está ben, non sei onde iremos parar...

E embaixo poño outra foto de hai tres anos dunha mostra de cabalos coa representación dun cabalo representando a España na costa de Carolina do Norte, concretamente en Nags Head que vén a significar Cabeza de Egua.

Labels:

Solución á pregunta de onte


Nesta foto volve saír a avoaE cun paraugas no mesmo sitio e acompañada neste caso pola irmá.
Creo que me excedín co amor de fillo gabando a miña nai e comprobei que non é a máis guapa para todos. Fixeime máis na foto e feas, feas, non hai e a do pano na cabeza é guapa. A min gustoume tamén a rapaza da dereita coa chaqueta curta que me semella estranxeira.
Bueno, aquí está a resposta. A avoaE era a chica do centro do grupo.
Graciñas a todos por participardes nesta lideira de verán.

Labels:

Thursday, 2 August 2007

Cal moza é a avoaE ?



Esta foto foi tirada na rúa do Príncipe en Vigo hai unha chea de anos. Alí había un fotógrafo e raro é o vigués daquela época que non teña unha foto feita aquí. A foto gústame pola frescura que desprende e o guapa que sae a avoaE. Adícolle esta foto porque onte estivo de cumpreanos.

Unha adiviña; sabendo que a avoaE era a máis guapa do grupo sabes cal delas será ?. Podes ampliar a foto clicando nela.

Labels:

Wednesday, 1 August 2007

Mortadelo benéfico


O verán tamén ten días longos que dan para muito. É a época das reformas na vivenda como pintar, cambiar mobles, decoración, cortinas, etc; e a iso andamos estes días. Tamén apetece xantar fóra e dar paseos. Hoxe aproveitamos para cambiar a impresora que se esmendrellou e xantamos fóra. E de paso tamén puiden mercar un Mortadelo por dous euros dos que un euro vai para un proxecto de axuda para o autismo.
Hoxe sentinme dúas veces feliz: teño outro Mortadelo para engadir á colección e axudo a un fillo dunha amiga.

Labels: