leoeosseus

Sunday, 30 November 2008

Baixón pola arañeira



Non sei se notaras que escribo menos ultimamente pero si que escribo e ando menos pola interrede. O motivo non é o frío galego que está facendo nestes días senón o Leíño que require máis a miña compaña para ir durmir. Nós preguntamos: " Con quen queres ir durmir, con papá ou con mamá ? ". Antes dicía sempre con mamá pero agora quere con papá. E teño que contarlle o conto do oso que viaxa e o osiño e a mamá e o do gato con botas e espero que quede durmido...e alá a espicho eu tamén. E saio da súa cama para ir á cama grande.

A outra noite fixémoslle a mesma pregunta e case safo de ir co el: " Con quen queres ir: con papá ou con mamá". E el respondeu todo cheo: " Con Papa Nel ! ".

Labels:

Thursday, 27 November 2008

Vinteseis meses



Hoxe o Leo fixo os seus vinteseis meses de vida. Está nunha etapa de afirmación da personalidade negando case todo. Esperemos que non dure demasiado esta etapa. Aparte a semana pasada tivo unha otite e estaba mimento de máis e co " non " preparado para todo: a comida, a tele, os contos, os sitios, etc. Agora parece que recuperou o apetito e a alegría para xogar e estar coa xente. Do resto non hai grandes cambios e avanza lentamente no seu desenrolo.

Labels:

Tuesday, 25 November 2008

R. Fogheiras



O día do magosto fixen a foto esta onde Leo " chocaba " contra unha árbore e se mira un canastro no fundo. Ese canastro fíxome lembrar a R. Fogheiras porque pasou noites durmindo nel cando o botaran da casa. O Fogheiras non era mal rapaz. Tiña un aire de gnomo ou trasno porque era pequeno, con pencas e cando sorría rasgaba os ollos e ata semellaba que se lle afiaban as orellas. Era puro nervio e un tolo polo lume e de pequeno facía fogueiras con todo e a todas horas e daí lle quedou a alcumada. El deume a coñecer o grupo asturiano de agrorock Los Berrones e comigo sempre se portou ben. Coñeceu a droga, afundiuse nela e chegoulle o final unha vez que abusou dela.

Deixo este posteo en lembranza del neste día de nortada fría.

Labels:

Saturday, 22 November 2008

Magosto 2008



Hoxe fixemos o magosto deste ano cun día fresco e rodeados de follas de outono. O calor das castañas, da boa compaña e dos pións non foi suficiente para aguantar no parque da Risca. Houbo que recollerse e quentarse cun chocolate caseiro.

Labels:

Friday, 21 November 2008

Miquimáus



Estes días non atendín o blogo e o blogomillo como teño acostumado. O Leo non estivo mui católico de saúde e quería estar aghalimadiño todo o tempo. Iso si, o outro día tivo un detalle simpático dos del. Preguntoume o que tiña eu na camisola e díxenlle: " Nunca máis ". El repitiuno ao seu xeito e dixo: " Miqui máus ".

Labels:

Monday, 17 November 2008

A lúa e os porcos



Hai unha viñeta xenial de Castelao onde saen dous porcos falando e un di: Que boa vida a nosa ! e o outro contesta: Mágoa que non durase ( creo lembrar ). Bueno, pois aos porcos de Arbo chegoulles o seu san Martiño hoxe porque a lúa estaba boa para matalos.

Labels:

Thursday, 13 November 2008

Risos



O Leo aprende palabras rapidamente pero tamén ten erros e malentendidos simpáticos. Hai uns días cando quería dicir " piratas " dicía " patas " e agora xa avanzou un paso máis e di " patatas " e non hai xeito de que diga " piratas ". O outro día pregunteille: " Encendemos a tele ?. Que queres mirar; o que boten ? " e el respondeu todo cheo: " Si !. Boten ! ". Por sorte para Leo imos conseguindo DVDs infantís como o de Robinson Crusoe. Nesta versión hai un momento no que fala co loro e di: " Tengo que empezar un diario para no perder la cuenta de los días que llevo en la isla " e vai e empeza polo 30 de febreiro !. Calquera se fía das contas de Robinson Crusoe !.

Nada, que entre o Leo e detalles así boto uns risos.

Labels: ,

Wednesday, 12 November 2008

Xoguetes



Xa se cheira o Nadal cos seus adornos, lambonadas e anuncios de xoguetes. Hai un feixe de folletos de xoguetes pero hai algún adulto que merece non carbón senón un libro de ortografía.

Labels:

Tuesday, 11 November 2008

Trompo



Hoxe fomos ao parque tarde e xa se pousaba o sol. Fun ata o kiosko e merquei un trompo coa súa baraza por un euro e uns " gusanitos " para Leo. Senteino nun banco cos gusanitos e eu púxenme a lanzar o trompo ata que lle entrou cobiza e quixo tiralo el. Por suposto que o tirou coma unha pedra pero tamén lle gustaba velo bailar e tocábao cando bailaba.

Eu case non lembro botar partidas cos trompos. Facíase un circo no chan e saía perfecto porque un agarraba o extremo da baraza ( corda ) e outro marcaba coa punta do trompo. Había que tirar dentro do círculo. Cando bailaba podían tirar os demáis e había casos que rompían trompos coa punta. Para evitar muitas roturas púñase unha chincheta na piricota ( parte de arriba ) e muitos tamén lle puñan chinchetas polas beiras do trompo. Outros pintábanos para distinguilos dos demáis e para que quedasen máis bonitos. Na foto sae o que merquei o ano pasado para Leo que, cando empece a xogar, xa terá uns cantos.

Se baila o trompo anque sexa un par de voltas a tirada é válida. O trompo tiña que bailar ese mínimo e ter unha boa arrincada final para saír do círculo sen que lle batesen os contrarios. Conviña que bailase pouco e tivese unha boa arrincada e conseguíase muitas veces cambiando a punta " de fábrica " por unha máis longa e afiada. Se o teu trompo estaba a bailar e arrimábase outro bailando despóis podía quitar o teu se os envolvía coa baraza e saían bailando os dous do círculo. Se non bailaba ou quedaba dentro había que apouchar que era deixar un trompo, polo xeral vello, no centro do círculo. Se ao tirar sacas fóra do círculo unha apoucha quedas co ela. Había o caso de bailar o trompo de piricota así que todos tiñan dereito a tirarlle unha pedra encima e lembro de chorar por un trompo que me romperan nunha ocasión cunha pedra enorme. O xogo terminaba cando quedabas sen trompos e apouchas así que un procuraba retirarse se tiña un día malo.

E creo que xa escribín bastante sobre xogos tradicionais.

Labels:

Monday, 10 November 2008

Pincha



Estes días pasados non foron de demasiadas novidades polo tempo que fixo que non animou a facer nada especial. O sábado estivemos nunha casa onde había unha Wii pero non quixen xogar. Supoño que preferiría botar unha partida de pincha que é como coñecemos por Vilaguindastre o xogo da billarda.

Na Liga Nacional de Billarda xogan dun xeito pero eu lembro outras normas que tratarei de explicar. Nós xogabamos dous contra dous ou tres contra tres. Escollíase o grupo xogando a pares ou nones. O que gañaba escollía compañeiro pero logo empezaban o xogo os outros. No chan marcábase un cadrado cos lados da lonxitude do palán ( pau longo ) e no centro un suco que era onde se cruzaba a pincha ( o pau pequeno de puntas afiadas ). Co palán facíase palanca por baixo da pincha e lanzábase a pincha polo aire. Os contrincantes estaban diante e se a collían no aire pasaban a sacar eles. Se non a collían tiñan que lanzar a pincha dende onde caíra á base onde se deixaba o palán cruzado no suco. Se a pincha tocaba o palán ou quedaba dentro da base o lanzador quedaba eliminado e se non se daba ese caso o lanzador pasaba a golpear a pincha elevándoa polo aire e lanzándoa lonxe da base cun golpe dado co palán. Tiña tres golpes e logo pedía os puntos que eran múltiplos de cinco ( o mínimo era cinco ) e coincidían coa medida do palán. Se os contrarios admitían o pedido o lanzador volvía tirar ata que o eliminaban. Se non admitían os puntos pedidos había que medir e quen tiña razón levaba o dobre dos puntos pedidos e pasaba a tirar a pincha. Así se xogaba ata chegar aos puntos prefixados antes de empezar o xogo que normalmente eran douscentos ou cincocentos.

Aquí deixo unha ligazón a un vídeo interesante cunha variante de billarda que tamén xogabamos nós pero que, neste caso, é das Canarias.

A foto é da interrede pero é dun ministerio así que é de todos.

Labels:

Wednesday, 5 November 2008

Primeiro vistazo



Hoxe puiden ver o irmán ou irmá de Leo por primeira vez nunha ecografía. Pensei que ía levalo con máis tranquilidade porque non era a primeira vez que vía unha ecografía pero emocionoume igual cas outras veces. A criatura é mui pequena ( imaxina: o fémur mide dous centímetros de longo ) pero estaba chea de vida e ata intentaba tapar cunha man a luz que lle chegaba dende a cámara. É unha sensación indefinible poder ver o corazón, os pés, as mans e a cara dun ser case imperceptible para min ata hoxe. Foi mágoa que xuntase tanto as perniñas que non houbo xeito de mirarlle se é neno ou nena. Supoño que quedará para a seguinte ecografía que xa me tarda.

A foto é dende o hospital cando naceu o Leo hai máis de dous anos.

Labels:

Tuesday, 4 November 2008

O " Lady Mariana "



Cando eu era un rapaz botaban na tele Sandokán. Nesa época os rapaces do meu barrio tiñan unha banda cunha especie de cabecilla para quen o seu ídolo era Giro Batol, un dos piratas ás ordes de Sandokán. O tal xefe non era malo pero cando querían meterse co el non había máis que chamarlle " Lady Mariana " porque pórlle o nome dunha damisela era o pior para el.

Logo pasaron os anos e quedou atrás esa época e, para meterse co antigo xefe, só facía falla convidalo a xogar ás damas. O " Lady Mariana " tiña a extraña peculiaridade no seu falar de pronunciar con " n " o verbo " mover " e todas as súas formas. Así que se puña a xogar un co el e facía tempo para que o " Lady Mariana " acabase dicindo: " A ver, nueve."; " Te toca nover "; " Ahora nuevo yo "... Muitas risas provocaba...

Labels:

Monday, 3 November 2008

Maldade



O Leo ten unha " admiradora " na gardería que xa lle mandou tres trabazos. Sabemos que son cousas de nenos pero non deixa de plantexarme unhas dúbidas que xa me apareceran cando mirei esta pintada da foto. A dúbida que teño é esta: a que idade un neno comeza a ser malo ?. Todos coñecemos casos de xente mala como ditadores, asasinos, militares, etc. Pero esa xente foi un bebé e logo un neno. En que momento se fixo mala persoa e por que ?.

Bueno, aparte desa dúbida na foto aparece a falta de decisión dun rapaz novo, supoño, que quere ser malo e non sabe como selo e daí que oriente os brazos da cruz gamada nun sentido e noutro.

Labels: