Dezasete meses
Hoxe o naipelo fai dezasete meses e podes ver na foto que ten bastante autonomía e que lle gusta fuchicar nos caixóns. Tamén lle gusta mirar DVDs de nenos cantando e xogando e baila dando voltas. Logo adícase a pasar páxinas; hai meses collía un dicionario enorme de alemán pero agora gústalle a revista do IKEA. Tamén lle gustan os contos con debuxos e fotos. Hai un de animais e eu fágolle os ruidos para que repita pero el só repite o ruido das abellas. O ruido dos coches sabe facelos así como o de auga que se bota dunha botella ou dunha billa aberta. De falar non quere saber nada e fala coa boca fechada. Se lle preguntas onde están as cousas sinálaas cun dedo pero hai veces que dubida entre papá e mamá e eu estou contente pola parte que me toca. Cando quere auga di " a " e ao Colín chámao " i ". Outro xogo que lle gusta é o de meter e sacar cousas dun sitio e facer torres. Pola noite dorme dun tirón por fin e apenas dorme sesta despóis de xantar e xa non quere que o arrolen para durmir. Dá bicos cando quere e despídese coa man tamén cando quere. Segue tomando teta polo menos dúas veces ao día e gústalle probar comidas novas e sentarse na mesa cos maiores. Rilla pan e galletas pero ponos verticais e logo ten que comer de lado ata que chega aos dedos e cabréase e tira todo.
E aquí deixo outra foto con cara de non romper nada.

Etiquetas: leo II