leoeosseus

mércores, 27 de febreiro de 2008

Dezasete meses




Hoxe o naipelo fai dezasete meses e podes ver na foto que ten bastante autonomía e que lle gusta fuchicar nos caixóns. Tamén lle gusta mirar DVDs de nenos cantando e xogando e baila dando voltas. Logo adícase a pasar páxinas; hai meses collía un dicionario enorme de alemán pero agora gústalle a revista do IKEA. Tamén lle gustan os contos con debuxos e fotos. Hai un de animais e eu fágolle os ruidos para que repita pero el só repite o ruido das abellas. O ruido dos coches sabe facelos así como o de auga que se bota dunha botella ou dunha billa aberta. De falar non quere saber nada e fala coa boca fechada. Se lle preguntas onde están as cousas sinálaas cun dedo pero hai veces que dubida entre papá e mamá e eu estou contente pola parte que me toca. Cando quere auga di " a " e ao Colín chámao " i ". Outro xogo que lle gusta é o de meter e sacar cousas dun sitio e facer torres. Pola noite dorme dun tirón por fin e apenas dorme sesta despóis de xantar e xa non quere que o arrolen para durmir. Dá bicos cando quere e despídese coa man tamén cando quere. Segue tomando teta polo menos dúas veces ao día e gústalle probar comidas novas e sentarse na mesa cos maiores. Rilla pan e galletas pero ponos verticais e logo ten que comer de lado ata que chega aos dedos e cabréase e tira todo.


E aquí deixo outra foto con cara de non romper nada.


Etiquetas:

martes, 26 de febreiro de 2008

Veighiñas





Ten razón Vanessa cando di que hai que tratar de conservar o que nos vén de antes. E seguindo o seu consello eu onte cortei as uñas porque din que hai que cortalas nun día que non teña " s", ou sexa domingo, para que non se levanten as peles arredor da uña. Tamén lembrei a expresión " mirarlle o cu á curuxa " co significado de " coller medo " e hoxe aprendín unha xogueta que se lle fai a un neno: tocánselle as meixelas e pregúntaselle " De quen son estas veighiñas ? " e cando di " Son miñas " tíraselle do nariz e díselle " Entón que fai este marco no medio ? ".

E aquí queda anotado para a posteriedade...

Etiquetas: ,

domingo, 24 de febreiro de 2008

Salgueiro



Pois si: o home sen plumas é de apelido Salgueiro.

Andei buscando en google persoas co nome " Pedro Salgueiro " e topei un profesor de informática da universidade de Évora, un xogador cubano de béisbol e un escritor brasileiro. Para toparme a min teño que ir ao sétimo lugar onde saio como cooperante en Galicia Encantada por dous textos que mandei de lendas.

Os comentaristas que atinastes co nome da árbore estades convidados a fabada o próximo sábado que se celebra a Primeira festa da fabada de Torneiros xusto detrás do salgueiro da foto do posteo anterior.

Etiquetas:

venres, 22 de febreiro de 2008

Árbores en flor

Nestes días de calor empezan a florecer muitas árbores. Na foto sae unha flor sinxela e sen graza pero apreciada por min porque o nome da árbore coincide cun apelido meu.
A ver quen acerta coa árbore.

Etiquetas:

xoves, 21 de febreiro de 2008

O Quixote



Pois sigo con cans. Nesta foto está o can que chamo eu " O Quixote ". Este can é de Arbo e descubrín hai pouco que é fillo da Pitusa, unha cadela que tiñan os bisavós de Leo. Este can é un fervellico e seguro que caza ben como a nai. Non creo que sexa de raza pero é parecido ao podengo galego. A foto foi en branco e negro por despiste pero quedou ben, non ?.

Etiquetas:

mércores, 20 de febreiro de 2008

Cans


Cando comemos o taco no choio falamos de temas diversos e o outro día falamos de cans, non sei a conto de que. Bueno, un compañeiro contou o caso dun can que se lle cruzou no camiño cando ía con bocadillos para os compañeiros da obra onde traballaba. O can era grande e tivo que aganchar a un carballo e botou alí máis de dúas horas mentres o can ladraba debaixo do carballo. Ao final baixou cando apareceu a dona do can e levou o can despóis de pedir perdón. O xefe da obra despóis muito riu co raio do conto; coma rimos nós cando nolo contou. Eu tamén contei unha historia que me contaran a min do caso dun can que lle ladraba á comida cando estaba quente. Ladráballe con mal xenio e daba voltas arredor do prato todo histérico.
Dende logo que hai veces que os cans parecen reencarnacións de xente como o can da foto que se me acercou con tranquilidade e con ese ollar amigo e posou para a foto como sabendo que ía saír na interrede adiante.

Etiquetas:

domingo, 17 de febreiro de 2008

Portugal curioso



Onte fixen unha viaxe a Portugal e, cando miro as súas praias abertas ao mar, lembro as súas moliceiras coas proas altas coma barcos viquingos para poder cortar o seu mar bravo e as súas cores rechamantes e os debuxos con mensaxes pícaras.

Tamén me entra polo ollo o acueduto da Póvoa de Varzim ou tomar unha cervexa tranquilamente na praia de Moledo...

Como dicía aquel grupo musical: menos mal que nos queda Portugal.

A foto fíxoma Aniña hai un feixe de anos.

Etiquetas: , ,

venres, 15 de febreiro de 2008

Humanadas


Hoxe mirei nas novas da televisión que apareceran mortas unhas eguas pola capital da arte rupestre de Galicia. Eu chamo " humanadas " ás cousas malas que lle facemos aos animais como matalos a tiros ou a coiteladas no monte.
Na foto están uns " pochincos " nun curro do concello de Gondomar xa hai anos. Por alí chámanlle pochincos aos cabalos de monte.

E como nota alegre deixo unha ligazón a un experimento que lle fixeron a un chimpancé no que demostra que é capaz de sacar un cacahuete do fundo dunha probeta sen ferramenta pero con intelixencia. Descubrino gracias a F. Míguez.

Etiquetas: , ,

xoves, 14 de febreiro de 2008

Día dos Namorados



Hoxe é o día marcado pola nosa sociedade para demostrar cun agasallo que queremos a unha persoa. No canto de agasallos sempre hai probas para mostrar ese amor. Na foto hai unha mostra de amor que me resultou curiosa e ata un chisco falsa. Un deles di " Te amo " e engade " Lo juro ". Non sei pero escribir unha data e facer o corazón cun rotulador non semella mui romántico e teño curiosidade por saber se hoxe seguen xuntos.

Con respecto á boa nova dicir que ten que ver coa miña saúde e non cun hipotético irmán para Leo. Non sería unha mala nova pero non é este o caso.

Desfruta do San Valentín.

Etiquetas:

mércores, 13 de febreiro de 2008

Mimosas


Onte tiven que ir a Ourense e o camiño soleado estaba abeirado de mimosas florecidas. Son unha praga, xa sei, pero este amarelo de cedo aleda o corazón e máis se vén con boas novas engadidas.

Etiquetas:

sábado, 9 de febreiro de 2008

Tempo de atar viñas



Levamos uns días de calores primaverais boas para podar e atar viñas e tamén enxertar. Eu nunca fixen nada disto pero hoxe axudei a preparar un valado novo da casa da Refontán. O valado vai pechar a horta por diante. Aparte de axudar aprendo algunha palabra nova coma " churir " que significa pingar a mangueira. Aprendendo palabras así de fermosas xa me dou por ben pago.
A foto é da casa da Refontán despóis do incendio de 2006. Creo que teño que actualizar a miña galería fotográfica.

Etiquetas: , , ,

xoves, 7 de febreiro de 2008

Outro premio: Proxecto Identidade



A man inocente de Besbe sacou un papeliño cun nome escrito dun dos comentaristas no seu blogo e resulta que ese nome é o meu. Seguín o vídeo da escolla dos dous premiados e foi emocionante ver o meu nome na pantalla.

Graciñas. Seguro que desfruto co Proxecto Identidade.

Etiquetas:

mércores, 6 de febreiro de 2008

Novos premios








Recibo este premio dende o blogo de Ana. Con isto prémiase o blogo que se visita habitualmente e que se lle deixa comentarios por considelalo bó blogo. Logo debería premiar eu a outros sete blogos e exibir a Skynet como criador deste premio. Pero eu non elixo sete blogos por non saber con cales quedar.


Este premio recibino dende o blogo de Elvira Carvalho e o criador do premio explica en que consiste o premio:


"Aquele blog é do tipo que, apesar da sua vida corrida, com milhões de relatórios pra entregar, clientes pra recepcionar, patrão te enchendo o saco, você não pode deixar de dar uma olhadinha pra conferir as novidades? É aquele blog que você lê todo santo dia, mesmo que não haja novidades? Aquele tipo que, no trabalho, ou numa caminhada, ou num churrasco entre amigos, você não vê a hora de acessar a interNerd pra dar uma olhadinha? Enfim... pra com esse selo o/"atalhar... é aquele blog que não te sai da cabeça??? Presenteie, então, o autor desse blog".


Neste caso tería que premiar dez blogos pero como dubido déixoo así.


Graciñas a Ana e Elvira.


Etiquetas: ,

martes, 5 de febreiro de 2008

Ata o ano, entruido



Este ano o rei do entruido foi Cuquín, digno contrincante de Mortadelo nisto dos disfraces.

Eu despedín hoxe o entruido comendo lacón con grelos de tapa con orellas de sobremesa. Iso e máis unha cervexa e un café no bar do Gran Botellón pagando 2.90 euros ( aínda non subiu os prezos ).

Etiquetas: ,

luns, 4 de febreiro de 2008

Desta non puido ser



Hoxe luns queriamos ver a comparsa Colores pero non puido ser. Había cousas que facer e o tempo tampouco animaba. Terá que quedar para outra ocasión.

Na foto estamos Leo máis eu o sábado. O Leíño non o pasou mui ben que tiña medo de tanta xente e tanto ruido.

Ah, case o esquezo. Viñeron dúas nenas veciñas disfrazadas de demo pedindo pola porta e dixeron: " Trato o truco ? ". Case me dá algo.

Etiquetas: ,

sábado, 2 de febreiro de 2008

Xogo da ola

Estamos de cheo nas festas do entruido que por Vilaguindastre se celebran case do mesmo xeito que calquera cidade ou vila galega. Hai pregón, desfile de comparsas e actuación desas comparsas. A música brasileira retumba na megafonía e vese xente disfrazada con disfraces mercados. Vamos, o típico agora.




Pero se hai algo distinto en Vilaguindastre é o xogo da ola. Neste xogo participan seis ou máis xogadores en roda. Ademáis hai unha madriña e un árbitro. O xogo consiste en ir lanzando unha ola de xogador a xogador e sen que escache. Se escacha a ola o xogador culpable paga unha multa e bebe viño. Así ata que se rompen tódalas olas.
Neste xogo a madriña é a encarregada de pór as olas en xogo, cobrar as multas, dar viño e pedir cartos entre o público.




En canto ao árbitro dicir que está enriba dunha escada adornada con mimosas, leva un asubío e un chocallo e ten a cara enfeluxada como os xogadores. Ten mando sobre todos ( ás veces ) e dálle a gracia ao xogo coas súas multas sen ton nin son, as multas que fai pagar ao espectador que lle pete por calquera parvada ou cando obriga a beber viño. De cando en vez pide tempo morto para beberen todos e ao final acaba peneque máis dun. Xa no remate acaban co viño que quede e cos cartos xuntados fan unha cea para todos.





Etiquetas: ,