leoeosseus

Monday, 31 March 2008

Velocidade



Esta fin de semana houbo motos para os afeccionados en Jerez. A min nunca me gustaron as motos e menos correr con elas ou cos coches. Pero parece que o meu gusto por unha condución tranquila está pasado de moda mirando como se mira a xente na estrada toda tola e frenética. E non me extraña co ritmo de vida actual que levamos e onde ata nos libros infantís se incita ás carreiras anque os protagonistas non saiban conducir. E así nos vai.

Labels:

Saturday, 29 March 2008

Na praia



Hoxe quixemos osixenarnos na praia e xogamos nela en boa compaña e non faltou nin o Colín que anda lixeiro e delgado desde que lle cambiamos a dieta. Como vou camiño dos corentadous e non teño práctica con xogos da pelota deume un tirón na perna dereita pero non é nada.

O malo e que mañá virá a chuvia de novo.

Labels: , ,

Thursday, 27 March 2008

Dezaoito meses



Hoxe o naipelo chega aos dezaoito meses ou ano e medio. Fisicamente está mui ben, en altura sae fóra da táboa e no peso estabilizouse. Usa mui ben as mans pero falla un chisco na coordinación dos pés e di a pediatra que xoguemos co el á pelota pero el non quere e prefire pasar páxinas de libros, catálogos ou contos. Come ben e encántanlle o zume de laranxa e os iogures e tamén lle gusta probar todo pero o malo é que hai que darllo case todo que non colle garfos nen vasos nen culleres. Na fala non avanza nada e só fala coa boca fechada. O día que se solte non vai parar máis. Ten dez dentes e moas, dous flemóns das moas altas e fáltanlle os cairos. Adica o día a explorar almarios e caixóns e a xogar a montar pezas ou follexar libros. Tamén lle gusta ver propaganda da tele e escuitar cancións e bailar. Na rúa encántalle subir e baixar escaleiras e mirar para as rapazas sorrindo...E así vai indo.

Labels:

Monday, 24 March 2008

Manitas malfalado


Case parece pecado falar de traballo despóis destes días non que quen máis quen menos descansou pero o traballo tamén forma parte das nosas vidas, non é ?.
No choio hai un mecánico que é un manitas no seu oficio amañando problemas lixeiro. O que ten é que é un chisco malfalado e mentres arranxa algo císcase en toda a corte celestial. Pero el remata por reparar o que faga falta. Tamén pensa na seguridade dos traballadores e como exemplo poño este cartel feito por el no que a palabra " joder " pode valer de sinatura súa.

Labels: ,

Friday, 21 March 2008

Os monecos e o curso



Hai uns meses o avóM parou o coche á beira dun valo de barro e colleu un pouco para unha bolsa. A avoaM preguntoulle para que era e respondeu que era para facer un moneco. Eu quedei coa mosca detrás da orella e agora xa sei que os monecos son unhas masas de barro na que se enxertan as pólas como a que sae na foto tirada en setembro.

E hoxe mesmo aprendín que en Arbo lle chaman " curso " ao ollo do cu... E por suposto que non poño foto que xa sabes como é.

PD: pois volvín preguntar e o curso ten o significado que apuntan a Rifenha e Kaplan e non só se refire ao ollo do cu senón ao recto enteiro.

Labels:

Thursday, 20 March 2008

Río Miño



Nestes días de case parón total no blogomillo mirei un vídeo dun garañón pelexando con lobos e resistíndose aos aloitadores dunha rapa das bestas.
Na vida real onte cruzamos a ponte de Tui con Valença a pé para evitar o atasco de coches. O día estaba soleado pero con aire e lembrei cando era pequeno que cría que río Miño significaba río Meu. Claro que daquela non sabía que o nome viña do latín " minium " pola cor vermella das súas augas carregadas de minerais.
Cousiñas que vai aprendendo un.

Labels: ,

Wednesday, 19 March 2008

Feliz día do pai



Esta persoa pequecha fai que hoxe sexa un día especial para min.

Felicidades a tódolos pais.

Labels:

Monday, 17 March 2008

Camelias e cadros en Soutomaior

O domingo fomos ata o castelo de Soutomaior onde había unha exposición de camelias pero a sorpresa era que tamén había cadros dun tal Alfredo Erias nos que pinta esculturas e figuras medievais de monumentos galegos.
Gustoume o castelo, gustáronme as camelias, gustáronme os cadros, gustoume o xardín e aledoume ver aos abueloscrisytoño.

Labels:

Friday, 14 March 2008

Millor estar calado

Non sei se lembras cando mandei un email dicindo que había unha imaxe cun texto mal redactado en galego ?. Bueno, deberon de recibir o email pero non contestaron. Iso si; no exemplar deste mes corrixiron o texto como podes ver na imaxe.
Por iso digo eu que ás veces sería millor estar calado.

Labels:

Wednesday, 12 March 2008

Humanada suprema



Pór unha pilla de lixo nunha exposición de arte xa non é moderno. Ca. O super moderno é pór un can atado sen comida e auga diante dunha frase feita con comida para cans: " Eres lo que lees " e deixalo morrer de fame. Esta abominación ocorréuselle o ano pasado ao " artista " Guillermo Habacuc Vargas en Honduras. Enteireime lendo no blogo do trasno viaxeiro e asinei para que ese malnacido non volva montar unha exposición de " arte ". Asina aquí para que o caso do can " Natividad " non se repita e aproveito para cagharme na parteira que aproveitou a ese artista.

Labels:

Tuesday, 11 March 2008

Couselos



Eu aprendo palabras oíndo falar pero tamén aprendo lendo. Hai muitos anos lía eu un libro de poesía e apareceu a verba " couselo " que eu non sabía que significaba. Busquei nun dicionario galego-castelán e dicía " couselo: ombligo de Venus ". Eu pensei mal e supuxen que o couselo viña a ser o sexo das mulleres porque cadraba ben no poema e aparte " ombligo de Venus " soábame a iso das mulleres pero dito de forma ben fina. E pasaron os anos e aprendín que couselo era a pranta que sae retratada arriba.

Labels:

Monday, 10 March 2008

Futuro verde



Por fin actualicei fotos da Refontán de Arbo e pode verse que está rodeada de deserto provocado polo lume. Pau pensaba que agora estaría recuperada a zona despóis do incendio do 2006 pero aínda non. O bó é que agora van prantar árbores de folla caduca que hai unha subvención e van deixarse de piñeiros e eucaliptos. O malo é que tardará anos en ser un bosque verde pero cando medre será a imaxe que terá o Leíño da casa dos bisavós.

Labels: ,

Sunday, 9 March 2008

Paseo pola democracia



Pola mañá fomos votar e ao rapaz que metía os sobres nas urnas notábaselle que traballa de camareiro que dixo " gracias " cando non devolveu o carné de identidade. Logo collemos o coche e pasamos por concellos gobernados polo BNG, polo PSOE e polo PP e ata fomos a unha zona na que non se votaba porque fomos ao estranxeiro mercar cueiros que son máis baratos que aquí.

Bueno, que gañe quen gañe que non suban máis os prezos das cousas.

Labels:

Thursday, 6 March 2008

Proxecto Identidade



Lembro a primeira vez que saín de Galicia. Non, non me refiro a ir a Portugal que xa tiña ido moitas veces e cruzado a ponte internacional de Tui con cartóns de leite ao lombo porque había un cupo de leite por coche pero os peóns podían levar o que quixeran. Entón miña nai traía leite no coche e esperaba por min a que cruzase a ponte e a alfándega con máis leite. Non, non me refería a Portugal. Refírome a España. Foi na viaxe de fin de curso de octavo de EXB e fomos á costa mediterránea. Lembro as boas temperaturas e unha auga morna coma caldo esperando por unha culler. Tamén lembro pasalo ben e comer galletas de gratis que nos dera unha rapaza que traballaba no supermercado do cámping e que era galega coma nós. O que si non nos chistaba eran uns rapaces que se metían con nós polo acento galego e que dicían " Gallegos, gallegos, gallinas, gallinas " sen vir a conto. O profesor que ía con nós dicía: " Non lles fagades caso "; e os rapaces seguían e seguían. E chegou a víspera da nosa marcha e estabamos todos na terraza do restaurante. E os rapaces teimaban coa parvoeira e nós aturándoos e o profesor: " Tranquilos ". E chegou a hora da queimada, ritual de despedida de festa que non debe faltar. E os nenos rindo mentres o profesor botaba os ingredientes e o profesor tranquilo. Chegou o momento de prender lume e xa os nenos calaron. Entón recitamos o conxuro e os nenos xa empezaban a inquedarse. Pasou o tempo e o profesor meteu o dedo na queimada que tiña no cullerón. Os nenos quedaron abraiados coa boca aberta cando viron aquel dedo ardendo co ese lume azul lixeiro. Logo soprou e chupou o dedo e deunos a probar aos seus alumnos que repetimos a operación coa naturalidade de quen fixo iso moitas veces. Logo o profesor ofreceulles queimada ardendo para que probasen co dedo eses rapaces e eles refusaron facelo. O profesor mirou para min e chiscoume un ollo. Empezamos a beber e os rapaces marcharon. Eu alcancei a oír algo de que os galegos eran uns bruxos. Naquel preciso momento decateime de que me identificaba coa miña xente galega, xente capaz de meter un dedo no lume e non queimarse.

Este texto e foto foron a miña aportación para o Proxecto Identidade, un libro con fotos, debuxos, poesías e textos de varios blogueiros e que me tocou de premio nun sorteo feito por Besbe, unha dos argallantes do Proxecto.

Graciñas, Besbe.

Labels:

Wednesday, 5 March 2008

Outro saúdo rápido





Outra foto curiosa e orixinal. Chega a estar nos USA e chamaríanlle Oxcart Bridge.

Labels:

Tuesday, 4 March 2008

Un saúdo rápido

Estes días ando liado no mundo real. A ver se normalizo o ritmo blogueiro.

Labels:

Saturday, 1 March 2008

Festa da fabada

Si. Hoxe foi a festa da fabada. Eu non a probei que o Leo tiña medo da foguetada e da música. O pregón de Gudelj foi do máis soso e simple e hai quince minutos este era o ambiente da festa cando paseaba a Colín.

Labels: