leoeosseus

domingo, 30 de agosto de 2020

Sendeiro en Arbo

 



Tantos anos visitando Arbo e non coñeciamos o Sendeiro dos Pescadores !. Pasa pola praia fluvial de Arbo e vai seguindo o Miño e o Deva ata a ponte de Mourentán. O sendeiro está limpo e é amplo e pasa por zona boscosa de ribeira ben sombreada. Aquí e alá había lugares bonitos co río baixando entre pedras. Pasamos por algún muiño arruado coma o do Ghato onde ía moer de pequeno avóM coa súa avoa.
Chegamos á praia fluvial de San Xoán en Mourentán onde non se aconsella o baño pola auga contaminada que baixa da área industrial da Caniza.
 
 
 

Iso si, a presa coa serrería reconstruida e a ponte románica de Mourentán fan unha bonita estampa. Nesta ponte resistiron labregos de Arbo contra soldados de Napoleón en 1809.
Eu coñecía as praias pero non o camiño que as unía.
Agora quédanos o camiño dende a praia de Arbo ás pesqueiras de Sela.

Etiquetas:

sábado, 29 de agosto de 2020

Pesimismo no aire


Esta normalidade 2.0 non me acaba de convencer. Aos poucos, imos saíndo e facendo algo semellante ao que era a vida anterior. Así fomos ao monte Aloia que tantas veces botei de menos cando o ollaba dende a casa no confinamento. E tamén fun por Vigo por segunda vez anque deprime mirar os baixos comerciais pechados e mirar a todo o mundo con máscara. Tamén fun hoxe a un centro comercial mercarlle botas de fútbol a Leo pero as setas no chan indicando o sentido do camiño, os botes de xel e o cuidado con non rozar con ninguén agobia bastante.
E pronto empezan os nenos coas clases e o sentir da xente é ben pesimista.
Ten razón a pintada: Cuidado ! Sigo aquí fóra ;)
Que llo digan a un curmán de Naideleo !

Etiquetas: ,

mércores, 26 de agosto de 2020

Recuncando

 
 
Pois Leo empezou a adestrar anque non haxa liga de momento. É o que ten o fútbol afeccionado ! Se tivesen cartos farían probas PCR e xogarían contra outros. Como non é o caso, tómanlles a temperatura cando entran con máscara, saltan ao campo e tiran a máscara. Cada un bebe da súa auga ( como tería que ser de sempre ) e ao finalizar non se duchan no campo. Polo menos fan exercicio.


Eu puiden facer algunha foto como a da boira tipo tsunami que vén do mar e que predice unha mañá seguinte cuberta de nubes. Esta foto coas torretas de luz ten un aire apocalíptico.

Aproveito que se pode facer de momento.

Etiquetas: , ,

martes, 25 de agosto de 2020

Centésimo décimo mes ( e mais un día )



Aquí temos a pizpireta que non ten pelos na lingua e di as cousas tal como as pensa e mira. É curiosa e se imos no coche pregunta de todo. Tamén vixía que non sobrepase a velocidade permitida. Gústalle a fruita e o chocolate canto menos " sano " sexa. Está tranquila ante o comezo do cole e das súas actividades que serán case as mesmas ca antes. O inglés xa non o terá presencial. As actividades serán fóra do cole que as Anpaa ( Asociación de nais e pais de alunas e alunos )  non están para luitar contra o Contraviros.
A ver como queda a cousa que nunca houbo un comezo de curso tan neboento.

Etiquetas:

luns, 24 de agosto de 2020

Catoira e Cortegada

 
 
Onte iamos ir a Cortegada e decidimos xantar antes nas Torres do Oeste en Catoira. E alá xantamos nunhas mesas á sombra duns estripeiros ou " maulinos " como lle chaman en León. Este ano non houbo desembarco viquingo e os " drakkar " descansaban amarrados. Tamén había outro " drakkar " de adorno á beira do centro de interpretación.

 
 
Despois dun café con xeo en Carril embarcamos no iatiño que ía a fume de carozo os tres minutos mal contados que nos separaba da illa Cortegada.


Cortegada tivo a súa vida de illa habitada cunha aldea que contaba con lavadeiro, capela da Virxe dos Milagres, escola e unha casa para viuvas que tiña forno. Na corredoira había rodeiras de tantos anos pasando carros. Daquelas terras labradas hoxe non queda nada. Os loureiros que servían para limitar as leiras remataron extendéndose pola illa para formar o maior bosque europeo desta especie. Hai zonas con tantos que pelexan buscando a luz solar e acadan os quince metros de altor. A aldea tamén contaba cun piorno enorme porque era comunal. Nos pes un guarda forestal montou unhas cortes para os animais que tiña. Pero ademáis tiña emús e outros animais atípicos cos que organizaba cacerías.



Seguimos polo camiño e pasamos pola árbore máxica que comeu dúas cabras. Os aldeáns non llo crían ao pegureiro e dicían que quedara durmido e soñara esta historia. Pero cando estaban alí a árbore abriu a boca e o que fixeron é encherlle a boca con pedras para que gastase o tempo co esa comida tan dura.


Pasamos por distintos bosques de loureiro, de eucalipto, de piñeiro, de estripeiro e de cerquiño. Xela fixo unha amizade e andaron por libre muito do tempo.


Dende unha punta míranse as Malveiras que forman parte do arquipélago de Cortegada. Nesta punta hai un piñeiro manso que sandaba os meigallos e a infertilidade. Había que darlle nove voltas contra as agullas do reloxio.
Todas as illas teñen o problema da xente que vai en iate, motos naúticas ou kaiaks e non cuidan o parque e supoño que o cambio climático rematará varrendo as illas baixiñas.
Estas illas forman parte do parque nacional porque o rei Alfonso XIII non quixo a illa para construir un palacio. Tampouco Cortegada S.A logrou construir un Marina DÓr na illa.

Xela rematou bañándose antes de coller o iatiño Corticata que nos devolveu a Carril despois dun día que sería marabilloso se non fose pola máscara que remata abafando.

Etiquetas:

sábado, 22 de agosto de 2020

Paseos e visitas


Marchou a chuvia e xa se pode pasear con Xela e os amigos polo río Guindastreiro. Lembrei cando me bañaba no Peirao, présa que agora non sei onde está se é que existe hoxe. Tamén xoguei á pita coa beba que me chama Pepe e que lle dá zurras no cu aos bambáns porque están maliños.
Tamén fun por ese Vigo en obras coa rúa Príncipe onde a xente enmascarada viña contra min ata que caín da burra e mirei no chan as pegadas pintadas indicando o sentido de marcha. Merquei tapabocas do Rei Zentolo farto de tanta bandeira rojigualda. Non puiden evitar a visita de Librouro despois de tantos meses. Un emigrado en  Bruxelas  dicía que non aprendemos e que as máscaras e establecementos pechados chegaron para non marchar.
E hoxe os veciños convidáronnos a xantar e houbo unha parella de visitantes. A lereada e o licor café rularon e falamos de todo, ata de piscinas; unha de tinto e outra de branco cun dono peneque el que quería nadar coma un porpiaño.
E mañá haberá unha paseata a unha illa que non quixeron os reis de hai cen anos, parviños que eran !

Etiquetas: ,

mércores, 19 de agosto de 2020

Kyle está aquí


Tanto tempo esperando pola chuvia e agora que leva uns días xa estamos aburridos dela. Non se pode pasear e todo semella gris de máis. E menos mal que non vén con muita forza que cai mansiña coma se non quixese molestar. É bo para as uvas que xa pintan e necesitan engordar e coller azucre.
Kyle estase despedindo de nós e para o fin de semana xa recuperaremos o sol e os paseos. Mentres toca recollerse e mollarse o mínimo imprescindible.

Na foto un pouco de cor e de movemento da man do mercado de Vilaguindastre coa xente enmascarada.

Etiquetas:

luns, 17 de agosto de 2020

A guerra das máscaras


E seguimos coa teima das máscaras. Chegaron para botar unha boa tempada e hai que apandar co elas. Hai incongruencias e erros pero está claro que é unha das medidas máis eficaces que temos para evitar o Cornoviros. Elas e o sentidiño.
Á mañá levei a cadela a pasear e chovía. Esquecín a máscara e non me acordei ata que mirei unha veciña co ela posta. O que fixen para non dar volta foi taparme co paraugas cada vez que viña un coche non fosen multarme. Xa á tarde fun co coche e nada máis baixar a costa había un home cunhas bolsas da compra aos pes como esperando que viñeran recollelo. Non levaba máscara e pasou a Garda Civil e parou. Falaron un nada, marchou a patrulla e o home puxo a máscara. Despois no centro estaba a policía local falando cun home que non levaba máscara e aínda botaron un tempo e non sei como remataría a figura. Tamén mirei algunha xente fumando pero nada tan descarado como no bairro obreiro. Estiven o venres alí nunha cafetería onde entraba xente sen máscara e saía á porta a fumar. Había unha merendola de aniversario e a propietaria do bar tomaba a temperatura á xente e mandáballe levar máscara pero durou un pouco a xente así. Iso si, entraba un velliño ao baño cunha máscara que tiña escrito " Amante de papá " en inglés. O que fai non saber inglés !. E tamén deben de regalar as máscaras cunha bandeira española que teño visto bastantes.
Sexa coma for, as máscaras están aquí para axudar anque algún " iluminado " coma Miguel Bosé pense que é unha forma de controlarnos o goberno.
Sentidiño !


Etiquetas:

sábado, 15 de agosto de 2020

Sabadete

 
 
 
Hoxe choveu pola mañá pero quedou unha tarde agradable para pasear e alá fomos Xela, Llechat, Naideleo e mais eu coa cadela. Naideleo sabía dun camiño na parroquia veciña e buscamos onde era e despois dun par de intentos topámolo. Deixamos o coche e comezamos a andar costa arriba seguindo o camiño dunha levada que surtía de auga a varios muiños.
 


Eu contei trece muiños: cinco arruados e oito en pe que non traballan, está claro. O camiño está limpo e sombreado por castiñeiros, salgueiros e amieiros.



Os muiños xa non traballan pero había unha poza baleira cun anaco de papel no chan onde demostra que usan a auga para regar por quendas.




Como curiosidade topei esta imaxe dunha muller ou un cristo con algo que semella unha espiga nunha man e un chupachups na outra. Isto estaba nun merendeiro onde empezamos a construir unha cabana con paus.
Tamén topamos unha parella e un parello por eses camiños que aproveita algunha xente para sabadetear e tamén para tomar unhas cervexas e fumar uns cigarros sen máscara, lonxe da policía neste día festivo.

Etiquetas: , ,

xoves, 13 de agosto de 2020

Lombear


O outro día preguntoume o xefe que me quedaba por facer e dixen: " lombear ". Pero resulta que hai xente que non coñece esa palabra. Lombear significa facer un traballo físico duro que esixe dobrar o corpo.
E hoxe aprendín unha frase feita que significa facer algo doadamente: facelo cunha perna ao lombo.
E nada, hoxe coma se non me chegara co lombeo tiven que cambiar unha roda pinchada do coche. Para colmo de mala sorte cando levaba a cadela ao parque apareceu a policía local e dei media volta. Non é que estivese a fumar ( o que tiña que fumar na miña vida xa o fumei ); é que non levaba máscara. Por sorte non ían por min.
A xente parece que tomou en serio a nova prohibición de fumar na rúa e terrazas que só mirei a un fumando nunha terraza. Iso si, mirei ao flautista sen máscara pola rúa pero comendo pipas.

Para mostra de lombeo poño unha foto de Gustav Hennigsen.

Etiquetas: , , ,

martes, 11 de agosto de 2020

De aquí, de aí e de alí


Eu pensaba que tiña un galego escrito máis ou menos correcto pero non é así. Esther apréndeme cousas novas todos os días co esas pílulas lingüísticas do " Dígocho eu ". O curioso é que semella que le o meu blogo ás veces porque é escribir eu algo mal e ela corríxeo despois. E así aprendín que non é en chinés, nin é " dakí " nin é " daquí " ( menos mal que nunca o escribín así ) senón " de aquí ". Pero tampouco é " dalí " que é " de alí " así que toca correxirme igualmente co " daí ".
Graciñas, Esther ! Vai o vello morrendo e vai aprendendo.

Etiquetas:

luns, 10 de agosto de 2020

Polo Toxa e arredores



Onte pegamos unha viaxiña ata a Estrada e Silleda e pasamos por sitios curiosos como Follente, Guldrigáns, Sol ou Lagartóns. Había casas novas de madeira á beira de granxas e muito bosque. Aparcamos no aparcadoiro da fervenza do río Toxa e fomos aos dous miradoiros. Primeiro fomos ao de arriba onde se aprecia o val que fai o Toxa cando se xunta co Deza. Logo fomos ao miradoiro no pe da fervenza ( onde fixen a foto de arriba ). Tiña máis auga da que contabamos despois dun mes de seca. Facía calor cando pasamos pola furgoneta das salchipapas.

 
Buscamos un sitio onde comer e fomos dar ao parque da Pedrosa en Silleda, con carballos, esquíos e esta estatua dunha parella.


Despois de tomar un café na de Maripepa cunha pizarra onde algún neno debuxou dous tractores; tiramos cara o pazo de Oca. Pagamos a entrada para visitar o xardín que non é barata ( 6 euros por persoa ) pero que pagou a pena. Estaba todo verde e a calor non era excesiva.

 
 
O xardín é grande cun estanque no medio con cisnes e gansos. Logo hai parcelas adicadas a horta ou frutais e outros son simplemente paseos.
 
 
Non faltaban os labirintos con figuras coma un san Xurxo luitando contra un dragón, supoño; un crocodrilo, unha tartaruga, etc, etc. O edificio ten viveiro, zonas para apeiros, canastro longo, lavadoiros e canles.

Foi un domingo distinto: unha visita con máscara.

Etiquetas:

sábado, 8 de agosto de 2020

Autoconfinamento



Iso semella. Saio para pasear a cadela e mercar pan. O outro paseo que fago é ao parque de aí ao lado ( que verde está na foto de abril ) para non levar o tapabocas. Iso si, fun á piscina onde estaba estipulado que non viñese xente de fóra pero vén algún familiar sempre pero coa máscara posta. E despois quedar na casiña co ventilador dalle que dalle e fedellando pola interrede adiante.
Eu chámolle autoconfinamento ou hikikomoremento.
Menos mal que mañá daremos unha voltiña.

Etiquetas:

xoves, 6 de agosto de 2020

Sempre quedan os soños



Traballando de mañá sempre durmo millor. Ata hai días que soño. Estabamos cuns amigos nunha festa na fábrica que tiñamos diante do noso piso de antes e descubrimos que no faiado había unha casa feita de cartóns e adornada con fotos. Isto era dun home sen fogar que lembraba cando casou e subiu a cabalo polas escaleiras do polígono veciño de onde viviamos antes. O mundo tiña menos cemento e a xente non usaba máscara nin escapaba unha da outra.
Pero soou o espertador e tiven que volver a este mundo de entruido obrigado.

" Se o teu día está un chisco amargo...Sacúdeo... Ás veces o azucre está no fundo ": agridóce mensaxe nun parque de bolas que vai facer cinco meses fechado.

Etiquetas: ,

martes, 4 de agosto de 2020

Arredorizando




Hoxe facía un día raro. Un día de quedar polos arredores. Xogamos na casa á Batalla de Genios e a Temple Trap, xogo que domina Xela de maneira abraiante, Á tardiña aproveitamos para apañar moras anque este ano semellan pequenas e serodias. Debe de ser que a terra non ten lentura e todo queda en cascallóns secos sen zume. Iso si, andar coa máscara todo o tempo ronca o carallo.

Etiquetas: ,

sábado, 1 de agosto de 2020

O sol cai


Baixan os días. O sol case non quenta na entrada no mediodía. O aire móvese ( o Leo di que o aire existe sempre ). AvoaE fai anos. Leo artigos de Roy Galán. Lavo roupa de faena e máscaras que sobran en barrio obreiro. Merco Lk do Louro e fotografo unha flor curiosa do xardín.



Etiquetas: , , ,