leoeosseus

venres, 30 de xullo de 2010

Cachinar ?


O portal do garaxe comunal estaba aberto e había este cartel. Como leo todo o que me poñen diante lino e descubrín unha palabra que non coñecía: " cachinar ". Polo contexto pode tirarse o significado pero preguntei no traballo a compañeiros e só un de Redondela sabía o que significa.
Para ti que significa ?. Unha pista: non significa " publicar en Internet ".

Etiquetas:

mércores, 28 de xullo de 2010

Corenta e seis meses ( e un día )


Aí o está, cando desfrutaba da acampada. Agora está nunha etapa de indecisión para pedir as súas necesidades e tamén hai que darlle de comer muitas veces. Iso si, os xeados éntranlle sen problemas.
Parece que recuperou o seu galego anque con muita xente fala o seu castelán.
Ten un amigo invisible que se chama Jónistan e méteo en muitas conversas; o mesmo que mete outras palabras inventadas coma poti e poloto.
Empeza a ter criterio musical e descubriu que eu non sei cantar e a nai si ( verdades máis que evidentes para quen nos coñeza un chisco ). Só espero que el teña o oído musical da nai e non o do pai.
E vai indo cos seus momentos negativos e os seus momentos divertidos que,por fortuna, son máis.

Etiquetas:

luns, 26 de xullo de 2010

De camping








Estivemos de cámping esta fin de semana por terras do Grove. No cámping estivemos ben e tiñamos uns veciños asturianos que nos ofrecían de todo: "martillu", "silles", microondas, etc. A tenda aguantou ben o aire das noites pero tardamos máis de dous minutos en montala e aínda máis en desmontala. Temos que aprender no vídeo. O Leo pasouno ben coas lanternas e os monecos e entrando e saíndo da tenda. Na praia estabamos ben andando polas rochas ou buscando pedras de area pero a auga cortaba do fría que estaba.
Creo que temos que repetir !.

Etiquetas:

xoves, 22 de xullo de 2010

Atención ao público


O outro día fun pasar a ITV a un coche e pasouna sen maior problema ( o Fiat 1100 da foto non a pasaría e, de feito, desapareceu do sitio ).
Pero o que quería contar é o do servicio de atención ao público por teléfono. Nesta ocasión a cita collina por internet pero noutra ocasión chamei por teléfono. A voz enlatada deume a opción a escoller entre castellano e galego e collín galego por probar. Soou unha voz real feminina saudando en galego, eu respondín e logo empezou ela a preguntar matrícula, teléfono de contacto, propietario do veículo, etc; todito en castelán !. Eu respondía en galego e ela repetía os datos en castelán. Así ata o final que se despediu en galego outra vez e colgou coma se tal cousa.
Menos mal que pedín o servizo en galego !.

Etiquetas:

domingo, 18 de xullo de 2010

Exhibición aérea

Como hai xente para todo xúntanse milleiros de persoas para ver facer acrobacias a uns avións co ruido que fan e o evidente perigo que pode haber. Eu prefiro ver avións quietiños das Aerolíneas Rebordáns porque como di o eslogan: " Somos os que somos " ou mesmo coa asa caída " Os que somos, somos " e eu son o que son.

Etiquetas:

sábado, 17 de xullo de 2010

Récord


Non semella ser a época idónea para falar do traballo pero non quero deixar pasar o meu récord
de tempo traballando nunha empresa porque xa levo máis de tres anos e tres meses na Torredocaminho.
No meu tempo de blogueiro xa estiven traballando nunha empresa de cosméticos, noutra de pedra artificial, unha de granito e esta de agora que espero que me dure porque a crise ataca a todo.
Na foto sae un cartel da empresa que é esaxerado porque todos nos levamos máis ou menos ben.

Etiquetas:

domingo, 11 de xullo de 2010

Ruido de festa

O ruido de festa que vén da rúa ( coches, cornetas, berros e foguetes ) faime supor que a selección española gañou o partido. Ninguén dubida o apoio que tivo a selección española por todas partes e a min resultoume cando menos curioso o apoio de Gadis ou de Cadelín, unha marca de roupa para cans que sacou á venda camisetas da selección española.
Aldabra e Raposo: eu aproveitei o inicio do partido para volver de Arbo a Vilaguindastre por unha zona baleira de xente que semellaba que caíra unha bomba de gas letal. Logo ceei un chisco e púxenme a mirar Bob Esponxa e aínda me entrou a sonequeira. Linlle contos de Pacopeco Pequeneiro e o poliño repetido a Leo na cama e agora estou dándolle ao teclado mentres segue o ruido de festa.

Etiquetas:

sábado, 10 de xullo de 2010

E sigo sen fútbol


A formidable treboada da outra noite obrigoume a manexar a carretilla do choio a toda velocidade para rescatar sacos de papel e pallets da chuvia que entraba na fábrica. Toda a chuvia que non cabía fóra entrou na fábrica ... e non era pouca. Pero esta treboada agasalloume coa palabra " cacarola " referida ás pedras da sarabia. Foi pronunciada por un compañeiro de traballo que botou muitos anos no estranxeiro e que de cando en vez regala palabras rescatadas do falar de hai máis de trinta anos.
No xoves fun á presentación do libro " O secreto de Marco Polo " e se chego a ser a muller de Francisco Castro sospeitaría de Ledicia Costas que gabou con fervor ao escritor que fixo o que quixo porque dicía que era a presentación do seu libro. O escritor quixo escribir sobre Marco Polo porque non lle chistou que ninguén crese a Marco Polo cando voltou á súa patria despóis de botar máis de vinte anos fóra. Agora tócame a min coñecer ese secreto.
E o venres o Leo coñeceu a Pablo Díaz, o cantante de Tic Tac e a Marc Taeger, o ilustrador do libro CD que lle pintou un crocodilo enamorado.
E mañá seguro que hai opcións ao partido.

Etiquetas: , , , ,

xoves, 8 de xullo de 2010

Non todo é fútbol


Mentres milleiros de persoas non perdían detalle dun partido de fútbol televisado, uns poucos escuitabamos música, deixabamonos levar a outras terras e tempos coa leitura de Marcos Calveiro e seguiamos as mans debuxando de Ramón Trigo.
Porque non todo é fútbol.

Etiquetas: ,

luns, 5 de xullo de 2010

Seudocastelos


Hoxe facía, e aínda fai, unha calor de inferno; así que fomos á praia da foto que ten un seudocastelo e todo.
Nós non temos cartos para mercar ese seudocastelo pero aínda nos dá para tomar uns mexillóns, unhas luras e un revolto de grelos con gambas á beira do mar e parecer uns señoritos.
Por certo, iso dos seudocastelos gusta muito que topei un castelo Exin de tamaño natural pola interrede adiante que ben merece unha ollada así como o resto das fotos de Eladio.

Etiquetas: ,

venres, 2 de xullo de 2010

Persoas coma libros


A biblioteca de Vilaguindastre fai unha exposición de fotos co lema " O pracer de ler " e hai verdadeiras marabillas. Este asunto fíxome lembrar a homenaxe que lle fan no concello veciño aos represaliados da guerra civil. Como ves na foto, hai unha estatua dunha muller cun libro aberto nas mans e un feixe de libros apillados cos nomes dos represaliados no canto do libro.
Pareceume unha fermosa homenaxe; a vida dunha persoa tratada coma un libro que temos que conservar e ler.
Que non se amplíe esta biblioteca !.

Etiquetas: