leoeosseus

domingo, 31 de outubro de 2010

Meigas fóra


Nesta noite de " medo " non hai como o vello esconxuro dun " Meigas fóra ! " botado a tempo. De exemplo vale esta empresa de transporte de Vilaguindastre que leva ese lema por bandeira para evitar a crise e non lle vai mal se vemos a flotiña que tén que non colle nunha foto.
Outro esconxuro famoso é o da queimada que aprendín hoxe que hai xente en Arbo que a fai dentro dun coco, calacú ou cabaza; despóis de baleiralo, está claro.
Seméllame unha boa mistura de Halloween - Samaín que lle acae ben a estes tempos de evolución.

Etiquetas:

venres, 29 de outubro de 2010

O poder dos soños


Esta quincena tócame traballar de noite e non teño muito tempo para postear. É como di un compañeiro: " Traballar de noite inda o vou levando. O que non vai tan ben é durmir de día." A min pásame algo parecido e durmo mal e por anacos e o pior son os pesadelos. O outro día espertei porque me regalaba un familiar unha máquina para levantar pedras, ou sexa, para traballar duro. E hoxe espertei porque estaba subindo por unha escaleira de caracol dentro dun faro e había un " simpático " que cuspía pipas e, cando lle botei a bronca, quería pisarme a cabeza cando baixaba. Foi este un soño ideal para coller medo a esas escaleiras e eses espazos pechados.
Para ilustrar o posteo poño esta imaxe dunha rapaza que si ten problemas cos seus soños.

Etiquetas:

mércores, 27 de outubro de 2010

Corenta e nove meses


E segue pasando o tempo e o pequerrecho cambia. Despóis dunha tempada caprichosa chegou a esta onde está cariñoso e está obedecendo e portándose ben. Agora perdeu o medo ao comedor do cole gracias a Maite, a súa profe; e vai contento á piscina cos compañeiros. Está cunha etapa enamorado dos números e conta todo para adiante, para atrás, pon dedos para contar, para sumar, etc.
O outro día dixo que faltaba algo da cociña cando ía para o cole. Eu díxenlle que era a bolsa da merenda e el dixo: " Non, fáltame un bico teu ".
Espero que dure esta etapa !.

Etiquetas:

sábado, 23 de outubro de 2010

Postenésimo dono


O pub do que falei hai tempo volveu mudar de inquilinos e estes pintárono con muito colorido. Quen non quedou conforme foi o anterior arrendado que protesta cunha pintada. En fin, nada de extrañar sabendo de que van.
Que todo quede aí !.

Postdata: engado dúas fotografías do pub en cuestión para mostrar o tamaño e o graffiti na súa totalidade.

Etiquetas:

venres, 22 de outubro de 2010

Vir a peixeira


Coas orellas abertas sempre aprende un. O outro día sentín nun hospital a un vello falar: " Aínda non vén a peixeira por min ". Nunca antes oíra esta expresión tan curiosa para referirse á morte.
Coñecíala ti ?.
A foto está collida da interrede e retrata unha peixeira en Nazaré.

Etiquetas:

luns, 18 de outubro de 2010

Descubertas varias


Neste domingo soleado puidemos visitar a Papa Noel que aos poucos vai gañando mobilidade para os tempos que se lle aveciñan.


Alí perto descubro unha meda marca Skoda: simply clever.


Este domingo dá para unha visita ao zoo onde descubro un inglés que asusta aos monecos e todo.


Tamén descubro que o becho que ten aparecido pola miña fábrica ten nome e ten uns familiares un chisco especiais.


E non podo pechar este posteo sen a fotografía dos animais que máis gustaron ao Leo.

Etiquetas: ,

sábado, 16 de outubro de 2010

Unha de arbañiles


Na miña cazata de fotos curiosas non deixei atrás esta pintada de " arBAÑLES FILLOS DE PUTAS ". Tráioa aquí por curiosidade, por querer saber cal será o motivo para escribir isto. Será polos piropos que soltan ?. Lendo na interrede topei uns piropos bestias, bestias que ben merecen esa pintada pero como no medio do esterco podes topar flores aquí deixo algún:
- Dime como te chamas e pídote por Reis !.
- Iso é andar e o resto é estropear o chan.
- Como avanza a ciencia que conseguiron que os bombóns andasen.

Etiquetas:

venres, 15 de outubro de 2010

Recollidos



Os días son máis curtos e a noite vén fría. Un xa non ten ganas de andar fóra da casa e as rúas quedan para xente con ganas de festa e de pintar bandeiras galegas tan curiosas como estas.
Encántame o lema final que é tan contundente e transparente: " Que el ritmo no pare, me cajo en dios ".

Etiquetas:

martes, 12 de outubro de 2010

Outonizar


Outonizar significa apañar as primeiras trece castañas, pirixel para casa e un coco ou calacú ou cabaza para decorar.
Outonizar tamén significa comer as penúltimas uvas do ano.


Outonizar quere dicir separar a bisavoa Celia o millo bo do podre neste ano non mui bo para o millo porque o verán foi seco.



Outonizar é pasear e fotografar oito tornarratos ou mós e varios pés de canastro amoreados e esquecidos para que debatan os arqueólogos do futuro sobre este misterio.



Neste paseo tópanse saltóns e unha barbatesa ou teresiña e muitos pericos de cabalo e unha fita de " Los Chunguitos " semisoterrada no camiño que fai pensar en como pasa o tempo e que poucos coches levan hoxendía música de cassette.

Etiquetas: , , , , ,

luns, 11 de outubro de 2010

Catrilíngüe


Nun dos talleres que visitou o coche que non encendía ( que por fin acende e que o demo sexa xordo ), topei esta beleza de cartel catrilíngüe que roza a perfección no seu inglés do pataco ou de manual de electrodoméstico fabricado en Asia.
Tampouco é de extrañar a calidade da lingua se o asina Feijoo & Cía que xa daban trazas no 98 do plurilingüismo que defenden na actualidade ( anque apeando o pobre do idioma portugués ).

Etiquetas: ,

sábado, 9 de outubro de 2010

Para pasar o tempo


Nestes días de descanso ata se pode aprender a bailar Axé Brasil, baile que eu descoñecía ata o de agora. Bueno, eu apuntaríame a todo o que organizan aquí menos a un curso de ortografía: esas " exhiviciones " non me acaban de convencer.

Etiquetas:

venres, 8 de outubro de 2010

Casa das latas de Vilaguindastre


Pois si, no traxecto dunha farmacia a unha panadería da miña parroquia topei esta mostra de reciclado: unha nova casa das latas. Onte o día estaba de chuvia e tampouco a foto abarca toda a propiedade que queda fóra outra lancha que está á dereita. Tés que ampliar a foto dando dobre click para ver detalles curiosos.
Esta casa non é tan rimbombante como a outra pero ti dálle tempo que hai un par de anos apenas tiña algo.
En fin; imaxinación ao poder !.

Etiquetas: , ,

mércores, 6 de outubro de 2010

Ledicia


Rematou setembro coas festas en Vilaguindastre e comezou outubro de mala maneira cunha tormenta impresionante, un coche que non encende, a tele que semella que por fin colle emisoras, internet que vai e vén, o frigorífico que acumula xeo, etc.
Pola contra houbo cousas boas como recibir un libriño e un debuxo agasallos dun blogueiro, uns zapatóns novos, algunha sorpresa e o avistamento de cousas curiosas que teño que fotografar.

Etiquetas: ,