Cando arderon as fragas do Eume parei a matinar no que se está perdendo co paso do tempo e decidín visitar Vivenzo antes de que desapareza o que fai diferente a esta aldea.
Vivenzo está no final dunha estrada que vai cara á montaña en Melón, Ourense. A entrada é en Quins onde hai bos exemplos de construcións típicas. Logo hai que pasar por Negrelle onde tamén hai un campo de canastros rectangulares comúns. Despóis de seis quilómetros dunha estrada sinuosa e con carteis anunciando caza permanente chego a Vivenzo.
Onde está a marquesina da entrada deixo o coche e tiro pola ruela central. A aldeíña está chea de cans de caza amistosos coas visitas e con muitas botellas de auga penduradas ao lado das portas para que non mexen alí os cans. Ao chegar arriba tiro pola dereita e chego ao campo dos cabaceiros. Este ano comprobei que os cabaceiros redondos son cada vez menos e están máis deteriorados. Só un deles tiña millo.
Estes cabaceiros son curiosos para min porque son baixos, a base sostida por tres pés é unha pedra redonda coma un tornarratos grande. Logo hai un armazón de catro madeiras que sosteñen o propio cabaceiro. As paredes son de xesta e o teito de palla centea. Os veciños intentaron restaurar os cabaceiros hai anos pero a palla que tiña que vir de Lugo nunca apareceu.
Aparte dos cabaceiros hai outra curiosidade como é a existencia dun camiño con varios galpóns para carros e algúns destes galpóns chegan a ter ata dous carros e muitos eixos e rodas soltas. Estes son os galpóns de sempre porque na entrada da aldea os veciños fixeron uns galpóns modernos que xa son garaxes para coches e tractores.
Tamén na entrada hai un cruceiro cunha imaxe de san Bernabé e unha mesa de pedra onde di misa o cura ao aire libre para os doce ou trece veciños que quedan.
E isto é Vivenzo; unha aldea con xente con ganas de falar e que é un exemplo aínda vivo da Galicia rural de hai trinta anos.
Etiquetas: etnografia V