leoeosseus

martes, 25 de decembro de 2012

Ano e medio ( e máis un día )


Xela fixo o ano e medio o día de Noiteboa e sempre é unha boa data para celebrar o medio aniversario.
Xa está ben de saúde pero segue sen comer muito. Iso si, non perde a vitalidade e as ganas de fuchicar en todo. Repite bastante ben as palabras e bota parrafadas en " chino " de cando en vez. Leva mal as viaxes en coche e berra no coche. Só se tranquiliza mirando cousas no móbil.
E xa imos rematar este ano.

Etiquetas:

mércores, 19 de decembro de 2012

Prenadaleando


Como é costume na empresa houbo xantar e cesta. O xantar foi en Vilaguindastre, nun sitio pequeno pero onde se estaba ben e a comida foi boa. O discurso foi curto que a situación laboral non está para retóricas. No tocante a cesta dicir que era igualiña que a do ano pasado anque cambiaron os mantecados por bombóns.
Os nenos están ben anque pasan demasiado tempo na casa por estes temporais e acaban frenéticos. O Leo sacou boas notas e mañá vai cantar disfrazado de pastor. Xela segue feita un terremoto e repite palabras coma un loro. Está enamorada dos " tiíz " calcetíns que non paran no pé e dos "guagua " paraugas. Gústalle lavar os dentes "teniiz " e mirar contos que ela denomina " tontos " para riso de Leo.
E así estamos prenadaleando a uns días da chegada do señor de vermello.

Etiquetas: , ,

sábado, 15 de decembro de 2012

Hasta lueguín, panadizo


Nunca é tarde para aprender e así neste día chuviñento de sacar a paladas auga da fábrica tiven ocasión de aprender a palabra panadizo. Levo uns días cunha infección nun dedo arredor dunha uña e non dá pasado. Fun hoxe á médica e díxome que era un panadizo ( uñeiro ou colledizo en galego ) e que tiña que sacar o pus no enfermeiro e tomar antibiótico e antiinflamatorio e así fun logo á farmacia. Alí a dependenta de lentillas verdes despediuse de min cun " Hasta lueguín " que nunca oíra na miña vida. Por iso que sempre se aprende saíndo da casa.
Iso si, non aprendo nada cando encendo a radio e escuito falar de matanzas en colexios. Máis ben desaprendo.
Prefiro pintar sorrisos en feridas.

Etiquetas:

mércores, 12 de decembro de 2012

12-12-12


O ano pasado tocou o día especial 11-11-11 e este ano toca 12-12-12 que por aquí foi bastante normaliño. Xela desfruta coas luces e adornos nadaleiros e di " Pel " ou " Pi " para Papa Noel e confirma o que di imitando o seu famoso riso cun " o-o-oo ". Iso cando está de humor que bota muito tempo cuns choros inexplicables que amargan a calquera. En canto a Leo empeza a dar algún problema de conduta no cole e nas actividades e a orientadora nótao " disperso " e a ver que sae de aí. Aínda así fomos ao cine a mirar " El origen de los guardianes ", unha película semellante a un conto onde hai personaxes que viven da imaxinación dos nenos.
De foto deixo unha mostra do centro de Vilaguindastre adornado e mollado, como ten que ser.
Non amplíes a foto que o " extra " que sae non ten que ver coa familia.

Etiquetas: , ,

sábado, 8 de decembro de 2012

Lúa mentirosa


Traballando apréndese algo máis que a cravar puntas erguendo o martelo por riba do hombreiro. Tamén se aprende curiosidades como que a lúa é unha mentirosa. Se miras a lúa escribindo a letra "C" no ceo non quere dicir que está en crecente senón en debalo. E ao rivés, se miras unha lúa no ceo escribindo a letra "D" non está en debalo senón crecente.
A foto foi " roubada " na interrede.

Etiquetas: ,

venres, 7 de decembro de 2012

Ponte ?


Para min non foi ponte que me tocou traballar e ademáis o tempo meteorolóxico non dá para muitos paseos o resto dos días. Iso si, o Leo tivo ocasión de mandarme deberes de letras e aparte aprender a panxoliña da foto totalmente inventada por el... a min que non sei cantar  !.
Xela xa non desfrutou tanto estes días porque anda con conxuntivite, toses e febre.
En fin, tocounos unha ponte para quedar acubillados debaixo dunha.

Etiquetas:

luns, 3 de decembro de 2012

Xela a repetidora


Xela está aprendendo a falar repetindo ao seu xeito as palabras. Leo é " Oo " para ela, algo parecido a como di cando se refire a Pocoyó. Elly é " Ee ", o curmán chámao " Pi ", Mickey é " Pipi " e Pato di algo así como " Pa ' u " cun salto da letra " t " oclusivo glotal que me fai lembrar como dicía a xente da rúa en Londres o seu " t " de lettuce que soaba " lé ' is ". Tamén di " gobo " para globo e " pepé " para papel.
Na foto está no concerto de María Fumaça de onte desfrutando de cancións como" A sopa do nené " ou " O mercado ".

Etiquetas:

domingo, 2 de decembro de 2012

Pepe o toleirán


Nesta quincena pasada tiven de compañeiro a un home que é un enxurro de palabras. Non para. E fala de mil cousas e conta mil historias. A última que me contou era dun veciño que se chamaba Pepe e xa morreu hai ben anos. O tal Pepe non rexía ben da chencha e dábanlle arroutadas e a xente tíñao por perigoso. O meu compañeiro xuntábase con outros mozos e ían ver ao Pepe labrando coa xunta de bois. Eles rían porque guiaba a xunta coas ordes aprendidas no servizo militar e así dicía " ¡ Paso ligero !. ¡ Arr ! ", " ¡ Media vuelta !. ¡ Arr ! " e a xunta obedecía, que remedio lle quedaba !.
Pero o conto que me fixo máis graza foi o da toupeira. Alá foi nunha ocasión o tal Pepe onda o meu compañeiro e espetoulle: " Mira, teis a toupeira na veigha ". O compañeiro dixo: " Pepe, e que queres que lle fagha eu ? ". " Pois podes pillala pola mañán que a iso dar sete ou así ela aparece por alí "." Boh, téñoche eu ghanas de madrughar polo raio da toupeira, si se fodera ...". " Bueno pois eu arrághloche o asunto sin problema ". O compañeiro rematou a conversa sen tratar de ofender: " Pepe, fai como queiras pero de verdá que non me molesta a toupeira ". " Nada, nada, déixama a minhe ". E así quedou o conto ata que uns días despóis o Pepe falou co meu compañeiro: " Mira, xa collín a toupeira". " Si, Pepe ?. E que fixeche co ela ? ". " Pois fodina ben fodida que a enterrén viva ! ".

Etiquetas:

sábado, 1 de decembro de 2012

Diante do ordenador


Esta quincena estiven a traballar de noite e o cambio de ritmo nótase á hora de internetear. Sempre quedan asuntos atrás e non hai tempo ou ganas para pórse ao día.
Pero como non hai mal que o tempo non cure empezo posteando este mes de decembro de cinco sábados, cinco domingos e cinco luns cun aviso para peregrinos e veciños de que teñan cuidado cos ladróns perto de Vilaguindastre. Ten un pouco de retraso pero foi a miña irmá Kasege quen me descubriu este aviso hai uns días e non puiden postealo ata hoxe.

Etiquetas: ,