leoeosseus

sábado, 30 de maio de 2020

Un San Fernando distinto


Neste ano o San Fernando ( cando van as moscas ao gando ) foi o menos infantil dende hai muitísimos anos. Outros anos había monicreques en Redondela ou, polo menos, parques infantís para xogar pero neste ano non. Os parques ao aire libre están clausurados coma os parques de bolas.
Aparte o Cornoviros desfixo empregos e deixou a muita xente sen capacidade para pagar un alugueiro mesmo nun bairro coma o da foto.
A ver como saímos desta.

Etiquetas:

xoves, 28 de maio de 2020

Calor de Rossby


Volvemos estar confinados, si. Esta calor producida polas ondas atmosféricas de Rossby é o que teñen. Pola noite no choio non baixa de trinta grados e se me arrimo ao penso son cincuenta grados. E a calor esaxerada cos cascos para o ruido e a máscara que un compañeiro se puxo insistente niso dende que tivo a sogra con febre. Por certo, a empresa reparte máscaras e un botiño de hidroalcol para a familia dos empregados.
Polo día fixo unha calor que aplatanaba e non me puiden deitar a durmir a sesta. Agora estase anubando o ceo e vou aproveitar para pasear a cadela e a ver se me deito antes de ir traballar pola noite.
Iso si, o paseo vai ser curto e non chegarei onde estaba esta flor da foto.

Etiquetas: , ,

mércores, 27 de maio de 2020

Entre todos


Estamos nun tempo que precisamos os uns dos outros. Podemos cooperar tirando as cousas onde nos indican. Na foto non lle fan caso ao cartaz que xa se nota que escribiron a correr e, supoño, con mal xenio co ese " retitarán ".
Polo centro de Vilaguindastre había animación hoxe e ata había unha parella nova tocando unha guitarra e cantando e facíano en galego para o meu abraio. Por suposto que soltei a ghaliña e contribuín a que sigan animando as rúas con música. Nunha óptica próxima estaba o de Protección Civil retirando unha becha que estaba no comercio. Non sei que pasa estes días que en Vigo retiraron nove serpes.
E no Eroski cando fun pagar preguntáronme se quería dar cartos para o Banco de Alimentos e dixen que si. Lembroume a aqueles tempos en EEUU que preguntaban se querías doar e a xente dicía: " Not today ".

O dito, hai que axudarse entre todos que o asunto pinta bastos.

Etiquetas: , ,

martes, 26 de maio de 2020

Vacacións atípicas


Van rematando as miñas vacacións que este ano foron ben atípicas polo que todos sabemos. Foron as máis caseiras de todas e só un día fun a máis de trinta quilómetros, a Arbo. Foron vacacións con tempo para ler, para fozar pola interrede adiante ou para observar a natureza que temos á beira. Houbo de todo e tanto morreu xente das letras galegas coma Franco Grande ou Mörling, un sueco enamorado das illas Ons e as súas dornas. Na natureza apareceron os cirrios no ceo ventando un verán anormal para os seres humanos.
Tamén estes días houbo protestas en ciudades de xente disconforme co xeito de tratar a pandemia dende o goberno.
Eu non protesto que me dá que sería pior se houbese outro goberno e quedo coa boa xente que fixo o que debía e o que puido para axudar aos demais.
Poño de exemplo a foto dun cartaz colocado nun recinto cultural que o ten bastante mal para remontar o Escornaviros.

Etiquetas: , ,

luns, 25 de maio de 2020

Fase 2 ou desfasados ?


Xa non sei que se fai ou se deixa de facer nesta fase, neste concello e a que hora. Descubrín que abriron esta fin de semana os bares e semella que abren xa case todos.


Onte fun mercar pan e as terrazas estaban cheas. Tiña toda a lóxica: era a hora do vermú e o día era de verán.
Á tarde fun lavar o coche a unha gasolineira. Levaba máis de dous meses sen lavalo e tiña verdello nalgunhas partes. Así tardei hora e media. Pola estrada pasaron grupos de motoristas e unha parella nova rindo nunha bicicleta. El pedaleaba e ela estaba no guiador. Tamén había unha caravana estranxeira aparcada e sei que este ano vai ser o ano delas.


E hoxe xa semellaba un día totalmente normal con tráfico por todas partes e todo aberto. Fun a unha tenda dos chineses que inda non mudaron o trinque que seguían coas trapalladas do entruido. Ía mercar luvas pero subíronlle o prezo máis do triple así que queden co elas. Si que merquei máscaras que están máis baratas que na farmacia.


Tanta normalidade mirei que ata ía un medio sospeitoso cun televisor pola rúa preguntando á xente se o podían levar en coche.

Benvidos ao desfase !!.

Etiquetas: ,

domingo, 24 de maio de 2020

Centésimo sétimo mes


Estamos a un mes de facer o noveno aniversario da xoubiña. Ela tira para adiante comendo pouco e lidando muito. Polas mañás dorme bastante, logo almorza e mira a clase na tele ou fai deberes. As tardes téñenas libres así que xoga cos aparellos ou con Leo ou coa cadela. Ben, ten algunhas clases pola tarde por vídeoconferencia: inglés, guitarra e piano. Á tardiña pola fresca damos unha volta coa bici e para a casiña.
Ao primeiro tiña medo a saír da casa e quería máscara. Agora xa sai tranquila. Ten medo aos bechos e ás enfermidades e onte mirando un documental de Xapón tiña medo das radiacións e os maremotos. Tampouco lle gustou a vida que levan en Tokyo que traballan muito, teñen que alugar un amigo ou mercar un robot e non son felices.

E así vai: formando esa personalidade forte que ten cun corazón grande e amante dos mecos.

Etiquetas:

sábado, 23 de maio de 2020

Ledicia



Hai xente leda que cos anos non perde a ollada infantil e arma barcos con monecos para dar cor. Cor necesaria nestes tempos que vivimos. Como precisamos de estar cos amigos ou coa familia e gozar de praceres sinxelos como beber, comer e leriar.

Etiquetas: ,

xoves, 21 de maio de 2020

Máscaras e gasolineiras


Hoxe empezaba a obriga de usar máscaras e fun mercar dez á farmacia. Valen a 0.96 € cada unha e son eficaces catro horas así que calcula ti o desembulso que será se o fas ben. Creo que muitos, inclúome eu, van rematar levando máscaras defectuosas.
E falando de máscaras, hai que ver a variedade que hai e como a coloca cada persoa. Xa teño visto de todo: levada coma un bulso, coma un gorro, dependurada nunha orella, polo queixo abaixo, tapando só a boca e incluso tapando só o narís !. Só falta o modelo con buraco para fumar un cigarro ( mentolado xa non pode ser que está prohibido ) ou para meter unha palliña para beber.
Xa hai cafeterías preparándose para abrir pero de momento non nos convencen e estase millor tomando unha boa cervexa artesá na terraza da casa. Abriu hai días unha tenda de roupa de chineses pero inda non mirei o primeiro cliente dentro. Agardo que sexa pasaxeiro e non se marxine esa xente.
E hoxe tivemos a noticia de que van facer unha gasolineira na zona arborada do medio da foto onde hai un motel abandonado, un feixe de gatos e a parella de Plasticosos que viven alí non sei se como gardiáns ou de okupas.
Dentro do malo, non van facer edificios que nos taparían a vista e duraría unha eternidade a obra e ata a gasolineira é algo práctico. Home, eu prefería que montasen un parque ou unha herboristería pero non che van por aí os tiros.


Etiquetas: ,

martes, 19 de maio de 2020

Evoluindo ?


Fixen un debuxo da evolución do ser humano e semella que o futuro inmediato pasa por levar máscara, pantalla e luvas e, de seguir así, chegaremos a levar escafandra. Se non; ao tempo. Iso se non arrebenta o mundo antes por algún tolo dos que mandan hoxe ou outro que veña atrás.
A normalidade non dá chegado: os nenos na casa, os negocios a media marcha e a liberdade así así. Menos mal que parece ir remitindo a peste esta. Por fortuna existe a telecomunicación e tanto unha profesora do cole de Xela dá unha clase do planeta Terra pola televisión educativa coma Xela aprende guitarra ou un amigo de hai máis de vinte anos recoñéceme por este blogo.

Cara onde nos levará a evolución ? Para adiante ou para atrás ?.

Etiquetas: ,

luns, 18 de maio de 2020

O futuro que vén


Agora xa temos horario libre para saír da casa anque muita xente xa ía por libre. Co bo tempo sai a xente e os pintores poden traballar millor. Quen non o ten claro son uns amigos que teñen un ximnasio e non saben como van volver ou se van ter que botar o pecho. Terán que facer coma os da cafetaría da foto que hai que mandar por whatsapp o pedido.
Non sabemos o futuro que vén.

Etiquetas: ,

domingo, 17 de maio de 2020

Carvalho do DLG 2020


Este ano o día das letras galegas está adicado a Ricardo Carvalho Calero. Tardaron en adicarllo seica porque era partidario do reintegracionismo, a idea de que o galego entra dentro das linguas lusas e que temos que escribilo como en portugués anque sigamos falando galego.
Eu lin estes días " Xente da Barreira " e teño o " Gramática elemental del gallego común " que me aprendeu muito cando empecei a escribir en galego hai un feixe de anos.
E hoxe pouco podo aportar ao galego. Menos mal que por fin visitamos a familia de Arbo e aprendín a frase " delgada coma unha espadela " que dixo avóM da cadela. O outro día lendo aprendín " axirío " que significa sentido común alá por Betanzos.
E " axirío " é o que precisamos estes días cando se dan liberdades e non están mui claros os límites.

Ós poucos tratamos de retornar á cotiandade de hai máis de dous meses e así hoxe xa mirei bastantes motoristas aproveitando o bo tempo, as pombas por fin poden arrimarse á xente das terrazas abertas ( poucas aínda ) e os contedores de lixo xa teñen a tampa baixada

Etiquetas: , ,

sábado, 16 de maio de 2020

Reencontro


Estes días pasados foron de traballo frenético. O xoves tocou cavar o xardín todo e onte tocou carrexar o céspede en tepes e colocalo no sitio. Foron dous días duros.
Hoxe tivemos recompensa: xantamos coa AvoaE e con TíoNan e Kasege. Botabamos en falta falar en directo e tranquilamente. O Leo non estaba mui conforme coa visita polo probable contaxio e comeu apartado pero logo ben que saiu co amigo T. e quedou contente.
O asunto vai indo polo rego.
Na foto o viño que chimpamos que vén dunhas viñas espectaculares con acceso con barca.

Etiquetas: , , ,

mércores, 13 de maio de 2020

Fin dos aplausos


Pois si, empezamos nós coa veciña de enfrente cos aplausos e hoxe eramos os únicos. Tampouco se escuita música nos edificios veciños e é lóxico. Agora hai movemento de xente e muitos empezaron a traballar.
Agora queda gardar distancias e usar máscaras e pregar que non pase nada.
Este cartaz referido aos ciclistas ben pode referirse ás normas que hai que seguir de aquí en diante.

Etiquetas:

martes, 12 de maio de 2020

Continúa estado alarma


Xa mudou a mensaxe nos paneis e agora pon " Continúa estado alarma " onde antes puña " Prohibidas viaxes non xustificadas " pero xa está todo relaxado.
Aquí e acolá hai xente e hai colas para entrar en tendas de xardinería ( iso si, prácticamente toda a xente con máscara ) e comercios. O tráfico circula máis denso e hai menos xente facendo deporte e máis tomando algo en terrazas.
Xela por fin puido xogar cos amiguiños de clase e ao primeiro gardaban a distancia e estaban con máscara e pantalla pero durou pouco que son nenos.
No aplauso somos menos e iso que aínda morre xente do Escornaviros anque cada vez menos.
Semella que as historias das tendas desabastecidas, das multas, das patrullas policiais e do silencio nas rúas desertas foi todo o mal soño pero sabemos que non.
Agora esperemos que non se repita.

Etiquetas:

luns, 11 de maio de 2020

Non aprendemos


Ogallá estea errado pero o Becho vai facer de nós un pandeiro. Abren as terrazas e os comercios e as rúas semellan unha feira e a estrada para casa a romaría da Franqueira. Xa hai xente de todas as idades xuntos e falando entre eles e a xuventude xa se xunta en parques pechados a vivir a vida.
É o que digo eu, como estea solto o Cornoviros desta fai unha desfeita.
Non aprendemos como non aprendeu bo gusto o propietario desta casa descuberta no paseo de onte.



Etiquetas: ,

domingo, 10 de maio de 2020

Toca despexar dúbidas


Mañé é o gran día. Xa a xente poderá xuntarse con familiares ou amigos sen problemas. Tamén abrirán comercios e terrazas de bares. Pero cantos deles abrirán e con que condicións ?. Á mañá fun mercar o pan e botei un ollo aos cartaces que teñen nas portas os locais e uns non teñen e outros especifican que van abrir pero que a xente entre de un en un e con luvas e máscara. Así que mañá saberemos quen abre e quen non aguantou este peche de case dous meses.

Na foto sai unha terraza que non ía nada mal antes co Escornaviros pero que mañá non sei se abrirá. Hoxe ( na hora de paseo dos nenos ) non tiña pinta de prepararse para a reapertura. Supoño que abrirán cando permitan entrar o aforo total de clientela.

Iso si, o domingo que vén non haberá tanta xente a pasear. A xente xa poderá ir a algunha terraza e de visita a outras casas.

Etiquetas:

sábado, 9 de maio de 2020

Incongruencias


Paseniño vanse esborranchando as mensaxes de fiestras e balcóns ou directamente desaparecen. Ás oito cada vez menos xente aplaude. Porque nada é inmutable e todo segue o seu camiño. E así o luns entramos na fase 1 que permite encher o coche coa xente da casa, visitas a familiares e amigos cun tope de 10 persoas e abertura de comercios pequenos e terrazas de bares á metade do aforo entre outras liberdades.
E así entramos nas incongruencias: só se pode pasear a determinadas horas pola túa localidade pero podes coller o coche e ir dentro da provincia a onde queiras e o tempo que queiras. Aparte na visita hai que manter a distancia de seguridade e as medidas hixiénicas. Como que todos temos unha mesa de vinte metros para sentarnos afastados os uns dos outros e comeremos coa máscara posta.
Ben, quen sabe o que sairá de aquí.

E na casiña todo ben. Hoxe choveu bastante e ninguén me mirou con envexa cando paseei á cadela. Cos nenos hai conversas e aprendemos detalliños como de onde vén a palabra abacate, por que Bugs Bunny ten ese nome ( Como vai a cousa, meu ? ) e que pinta ten un wonbat.
E seguirei fedellando pola interrede e despois a ler " Xente da Barreira " do homenaxeado deste ano polas letras galegas.

Etiquetas: , ,

venres, 8 de maio de 2020

Miudezas


Nesta etapa tan especial calquera cousiña faise notar. Saín do traballo e a " terraza " do Pradera tiña dous consumidores.


Fóra da casa sentín un rebumbio e o motivo era unha lavandeira que alimentaba dous pitiños. Estiven bastante preto para facerlles fotos e non fuxían. Quedaban estáticos.


A nai ou pai vixiaba dende o castiñeiro.

Os que non vixían son os " cabismóbil " invención miña para referirse á persoa que está a ollar o móbil e non se enteira do que acontece á redonda.
E falando de palabras, seica a palabra " perrera " non existe en ningún dicionario, nin galego, nin español, nin portugués.
Explícao aquí Esther Estévez no seu " Dígocho eu " dende o feche no seu domicilio.
E, falando de pelo, a xente vaino cortando coma Leo que foi hoxe.

Miudezas que aledan un chisco. Como saber que as parroquias de menos de 5000 habitantes teñen  liberdade de paseo. Non é o noso caso pero si dos avós.

Un pasiño máis cara a liberdade.

Etiquetas: , ,

xoves, 7 de maio de 2020

Futuro cambiante



Todo cambia a un ritmo pausado ou de súpito e así vai mudar este mundo ( de feito xa mudou ) para ben ou para mal.
Hai cousas que non mudan e hoxe tocoume o corte de pelo co mesmo perruqueiro dende hai anos. Entrei cos máscara posta pero díxome que eu quitaba a máscara e el puña a súa que era plástica como de película pero de cor branca. Falamos disto e daquilo e está convencido que isto do Cornovirus vén dunha bióloga chinesa que xa creou máis virus como o das vacas tolas e o da peste porcina. Eu non dixen nin que si nin que non. Quen sabe a verdade ?. So sei que esta situación vai ser complicada para todos e os que hoxe están ben económicamente non o estarán tan ben no futuro que isto ten efecto dominó.
Con tal motivo visitei a avoaE que quere convidar a todos a xantar.
Isto inda non sabemos cando será.

Etiquetas:

mércores, 6 de maio de 2020

Case saturado


Xa empezo a estar cheo do Conaviros e a sobreinformación. Parece unha moda dos informativos com a dos cans que atacan xente, as vespas velutinas, as procesionarias que liquidan os piñeiros ( unha trampa na foto de hoxe ) ou os bicudos das palmeiras. Ou, lembra, a nena Greta Thunberg que resulta que cría ter o Escornavirus tamén, non sei se por volver á palestra ou de verdade.
O que si semella que empeza a renormalizarse a situación con menos mortos cada día que pasa e máis xente paseando e cun aire de liberdade que anima a todo o mundo. Mesmo eu paseo a cadela sen mirar o reloxio e con paseos máis longos e non teño medo de parar e facer unha ou dúas fotos.
Xa falta pouco para visitar os avós con tranquilidade.

Etiquetas:

martes, 5 de maio de 2020

Tempo de arcos de tronos


Sain os arcos do trono que indican unha zona con chuvia e outra con sol e así está o asunto. Mentres empezan a pendurar carteis de " Se vende ", " Se alquila " ou " Se traspasa " e xente queda sen emprego e sen recursos por unha banda. Pola outra banda a xente pasea, os coches circulan máis, miranse obreiros da construción, van rematando sesións vermú en rúas e a xente empeza a cortar o pelo.
Non sei que sairá daquí pero xa non hai marcha atrás.
Hai que lembrar que non é culpa do goberno senón do virus.



Etiquetas:

luns, 4 de maio de 2020

Renormalizarse


"  Desescalada " ?. Non. Renormalización por etapas. Este mes de maio sería o dos traballadores, da nai, da Eurovisión, das Letras Galegas de Carballo Calero ( tanto lle tardaron que ao final saiu mal ) ou do Festival de Cans; pero non. Mudáronse datas ou directamente cancelaron actividades. Pero hai algún veciño que non se resigna a pendurar o can representativo do festival anque este ano puxéronlle unha máscara que faga distinto o can neste ano tan atípico.
E a xente pasea ou " goza " da música balconil do aplauso das oito e eu aproveito as oito e media para mercar co supermercado case baleiro.
"  Nova normalidade ", que lle chaman.

Etiquetas:

domingo, 3 de maio de 2020

Distancia grande




A tres quilómetros a voo de paxaro, a días de camiñada de grilo e formiga, con varias patrullas policiais polo medio, debaixo do voo do helicóptero policial surcando un día anormal de lume, con algún virus polo medio...ou non.
A esa distancia grande está a muller que me deu a vida. Por estas circunstancias tan especiais está soa pero sabe que non esquecida.
Vai un bico polo aire neste día e que poidamos abrazarnos pronto.

Etiquetas: ,

sábado, 2 de maio de 2020

Non baixes a garda


Hoxe baixei mercar e Vilaguindastre semellaba unha feira da xente que alí había. Era a hora que permitían saír aos maiores e coincidía co momento que aproveita a xente para mercar e así había colas en todos os supermercados, panaderías, carnicerías e estancos. Pensei que era case un día normal e arrisqueime por non facer cola e iso que xa mirara un jeep militar á mañanciña e tirei para un supermercado que está a seis quilómetros da miña vivenda.
Alí tiven o segundo aviso: fóra había un garda civil noviño pero tiven sorte que estaba de leria e debía de ter confianza coa xente do supermercado que quedaron para tomar un vermú alí mañá !.
Ben, merquei o que precisaba e inda topei un compañeiro do choio que vive por alí dende o confinamento. Cando retornaba un condutor deume luces así que peguei media volta e fun por outro camiño por se ascaso. E este era o terceiro aviso.
Xa no centro cando enfiaba camiño a casa había na rotóndola de Mos varias patrullas da Garda Civil. Tiven sorte e deixáronme seguir anque aí xa non tería problema. Cuarto aviso.
E xa chegando mirei uns chalecos verdes e pensei que era o quinto aviso pero non. Eran vontarios que ían casa por casa repartindo máscaras como así fixeron máis tarde na nosa casa.
En fin, non baixes a garda que aínda non rematou o control de movementos...e o Cornoviros segue por aí.

Etiquetas:

venres, 1 de maio de 2020

Comeza Maioviros


E agora comeza maio e cando non poalla chove ou sorprendentemente deixa de chover. E hoxe suponse que é o día do traballador pero poucos quedan e prohíben manifestacións anque sexan caravanas dun condutor en cada coche. Noutras ciudades fanas estáticas, con seis persoas erguidas e gardando a distancia de seguridade ou noutra cidade fan unha caravana cun número xa limitado de participantes.
E eu que navego pola arañeira e topo cancións de Xoana, unha veciña que tamén está presa, de momento, e que curiosamente falaba hai meses dun virus pero da canción.
E agora estamos coa película " Naceu unha estrela ".
Toca pasear a cadela neste último día de feche e que a Garda Civil patrulle onde sexa necesaria.

Etiquetas: ,