leoeosseus

xoves, 31 de xaneiro de 2008

Corunna



Xa sabes que estiven corrixindo o blogo que escribía nos EEUU e lembrei algún posteo curioso como o do 29 de setembro de 2005 onde dicía isto:

" Seguindo coa toponimia galega nos EEUU topei cun caso interesantísimo que dá para unha novela.
Resulta que topei unha Corunna en Michigan, EEUU; e consultei a páxina e descubrín que o nome desta vila púxoo un tal Andrew Mack que fundou esa vila e colleu o nome porque trouxo unhas ovellas da Coruña. A min este punto paréceme un pouco tonto e prefiro pensar que tivo un amor imposible na Coruña ou que lle encantou a cidade. A ninguén se lle ocorre bautizar unha poboación co nome da localidade de orixe dunhas ovellas por moi boas que sexan !. E o asunto non remata aí senón que o tal Andrew Mack marchou de Corunna e deu por morrer en…Corunna, Ontario, Canadá. Neste caso a cidade foi fundada co ese nome por un inglés que loitou na batalla de Elviña. E aínda hai máis: esta cidade canadiana ía ser capital do Canadá pero que non chegou a selo pola proximidade cos EEUU e o perigo que corría con iso.
Que cousas ten a historia: polo rabo dunha cereixa non chega Corunna a ser capital do Canadá !.
E por todo isto pido no meu nome que Andrew Mack sexa decrarado fillo adoptivo da Coruña; un home que por algunha razón misteriosa fundou unha vila co ese nome e que por destinos ineludibles foi morrer nunha cidade do mesmo nome ben merece ese recoñecemento.
E ti que opinas ?.
posted by acedre @ 6:25 PM 5 comments "

Etiquetas: ,

mércores, 30 de xaneiro de 2008

Parabéns



Chegar a unha idade avanzada ten o seu mérito e require de sorte. Non é tan doado. Porque a vida non é un conto de príncipes azuis senón de xente do común que está farta de traballar cando chega aos corenta, con sorte, por unha miseria e en malas condicións.
E, como exemplo, poño esta foto onde saio eu e máis uns veciños hai xa uns aniños. Todos demos chegado aos vinte. Os trinta xa non o celebramos todos e foron menos os que sopraron corenta candeas nunha torta. Accidentes, drogas e suicidio acabou con varios deles antes de poder arrolar un fillo seu no colo. Dalgúns non volvín saber e mesmo o que está detrás da cámara foi ilegalmente aos EEUU e non volveu.
En fin, que hoxe non quero dramatizar e o que si quero é darlle os meus parabéns a Paidovento e tamén a Castelao que estaría de aniversario tal día coma hoxe se seguise entre nós. E que siga a conta, Paidovento.

Etiquetas: ,

martes, 29 de xaneiro de 2008

Conservando



Estas mañás invernais veñen cheas de néboas perigosas para a condución e con humidade que penetra nos corpos. Tamén son boas para facer fotos con aire fantasmagórico e misterioso. Na foto sae unha árbore que era coma un imán para o Leo que cada vez que pasabamos por ela, el non lle soltaba ollo. A foto é do inverno pasado e hoxe esa árbore non existe que foi talada por estar morta. Esta foto conserva esa árbore para o futuro igual que eu conservo e corrixo aquel blogo que tiña nos EEUU. O blogo era o Eu e os EEUU de Acedre e agora está corrixido e ordeado cronoloxicamente en Norte Carolina. Desfrútao que o meu traballiño me levou.

Etiquetas: ,

domingo, 27 de xaneiro de 2008

Dezaséis meses


O naipelo chega hoxe aos dezaséis meses feito este mozote da foto. Muito cambiou dende esta outra foto feita no mesmo lugar... Agora é dono de oito dentes e unha moa e algún flemón enorme. Camiña mui ben e bota algunha carreiriña. Encántanlle as escaleiras e hoxe subiu os seis pisos do edificio coma un machote mentres o pai se cansaba e o Colín botaba a lingua de fóra que derreaba o pobre do can. Para baixar xa é máis difícil e hoxe levou un tombo e fastidiou un pouco un beizo. O de falar aínda non se dá soltado en case nada intelixible anque pasa muito tempo falando extraterrestre.
E así vai o Leíño.

Etiquetas:

sábado, 26 de xaneiro de 2008

Paseo por Vilaguindastre

Como fixo tan boa tarde puidemos pegar un paseo por Vilaguindastre. Para que non o coñeza pode ver na primeira foto o paseo abeirando o río. Logo retratei unha imaxe bucólica de ovellas pastando cerca do río. Logo tés a Villa Anastasia que sobrevive á tolemia construtora que invade Vilaguindastre e por último está o edificio de La Jerezana totalmente absorbido polo edificio que espetaron enriba.








Etiquetas:

venres, 25 de xaneiro de 2008

Pobre Matilda



Facendo eco do posteo de Txari podo dicir que eu de pequeno quería ser arquitecto, logo mariñeiro, máis tarde escritor e así ata o día de hoxe que vexo que son un peón industrial. Pero son feliz, teño para vivir e cubrir vicios e teño unha familia encantadora e un neno con moito futuro por diante. Quero vivir sinxelamente e non entendo como se pode vivir tan perigosamente tendo familia e unha carreira exitosa e morrer novo como o actor Heath Ledger. Sinto a súa morte sobre todo pola súa filla Matilda.

Etiquetas: ,

mércores, 23 de xaneiro de 2008

Foto denuncia



O outro día meteron un xornal gratuito no buzón de correo e tiña esta foto onde invitan a denunciar cousas que se poden mellorar. Eu vounos chinchar e mandar a foto do seu anuncio para que escriban mellor en galego e se deixen de " imáxenes ". Imaxinas escribir nun periódico en español " imájenes ", por exemplo ?.

Etiquetas: ,

luns, 21 de xaneiro de 2008

Cousas que se aprenden


Esta fin de semana saiu por fin o sol e o Leo podía tratar de agarrar nunha parede a sombra da miña man para risa dunha parella que ía en coche. Os avós de Arbo prantaron maceiras, un peladilleiro e coellas, palabra que aprendín esta fin de semana e que define as verzas pequenas. No domingo axudei a atar as pólas dun limoeiro para guialas e aprendín na miña carne que os limoeiros teñen espiñas. No alto cantarexaba co vento a trécola ou tarabela da foto para axotar a aguia que come as galiñas. E cando montamos no coche de volta cantaba a curuxa ao lonxe pero faltaba o chío de mal agoiro da ave nocturna que non coñezo e que chaman a cabra " de morrás ".
En fin, cousas que se aprenden.

Etiquetas: , ,

sábado, 19 de xaneiro de 2008

Mirilla



Hoxe están de reunión algúns blogueiros e eu non fun porque tiña que traballar. Pero non é todo malo que así evitei ir á reunión de veciños do edificio. A reunión foi no local da foto. Esta foto foi un experimento. Quería saber se sairía unha foto feita dende a mirilla e si saiu. Encántame a fotografía dixital !.

Etiquetas: , ,

xoves, 17 de xaneiro de 2008

Fruita de casa

Para comer o taco no choio sempre levo fruita. Agora estou de sorte porque estamos na época das mandarinas, os kiwis e mazás da casa que non teñen igual no sabor. As mandarinas xa as rematei e mazás quedan mui poucas. Os kiwis, que houbo poucos este inverno pola seca; quedan para outra semana máis e logo acábanse. Logo toca mercar fruita e hai que escoller entre a variedade que hai. Así, por exemplo, en troques da mandarina caseira hai varios cítricos que me semellan novos e descoñecidos. Antes só había mandarinas e clementinas pero agora hai clauselinas e clemenvillas e muitas máis !. O que podían inventar dunha vez é unha fruita con sabor caseiro e deixarse de gaitas.

Etiquetas: ,

martes, 15 de xaneiro de 2008

Pantalóns de peto



As rebaixas son boas para mercar cousas para o Leíño que medra rapidamente. E agora ten uns petos. E os petos fan a Leo un machote coma o home da foto que fotografei dunha tarxeta de propaganda de guisqui sureño ou " bourbon ". Fotografeina porque me fixo muita gracia. O home di: " Os veciños do lado antes tiñan un caniche ". E semella que o di extrañándose de onde iría a parar o raio do caniche sen imaxinar que o seu crocodrilo teña algo que ver coa desaparición do lapacricas. E logo pon embaixo: Os sureños teñen as súas propias normas.

No futuro pode que o Leo teña bigote, unha tatuaxe e tamén un crocodrilo, pero antes ten que comer muito e seguir as vacinacións.

Etiquetas: ,

domingo, 13 de xaneiro de 2008

Beherapenak-Merkealdia


Estamos nas rebaixas de cheo e por vender ata Zara escribe " Rebaixas " nos seus escaparates cando se negaba a escribir " Bo Nadal " unhas semanas atrás. Nesta ola de rebaixas ata as tendas de animais teñen rebaixas e atopamos productos curiosos como pantufas coas cores da bandeira española e co touro incluído, DVDs dos Tonechos e miles de trangalladas máis.
Éche ben difícil non caír na trampa así que ten muito olliño co que mercas.

Etiquetas:

venres, 11 de xaneiro de 2008

Alimento de cabalos


Hoxe tocoume ensacar pienso para cabalos e hai que ver como arrecende. O alimento para cabalos ten dúas características diferentes dos outros: é de sabor e cheiro dóces e non ten pó que senón os cabalos esbarrufan cando comen. O cheiriño dóce dallo a melaza e a garrofa. A melaza parece ser que a empregan tamén para facer Coca-Cola, de feito vén un camión cisterna deles a encher o depósito de melaza. No tocante á garrofa dicir que é unha especie de xudía tamén de sabor dóce que pendura dos algarrobos. Antigamente había muitos algarrobos pero van a menos estas árbores mediterráneas debido ao abandono da economía tradicional e a urbanización da costa mediterránea. Tamén descubrín que os exipcios usaban as sementes para pegar as vendas das momias e que as sementes do algarrobo servían para pesar o ouro nas balanzas ( kerat en árabe é semente de algarrobo e de aí vén a palabra quilate ). Todo isto descubrino aquí. Para que vexas que todo ten a súa historia curiosa.
Na foto saen uns ponis cun refuxio " tipical galician ".

Etiquetas: ,

mércores, 9 de xaneiro de 2008

Tirizó



Eu non acostumo atinar coa xente. Fago a miña presuposición sobre unha persoa e non atino. Poño un exemplo. Hai un compañeiro de choio cachas, guapiño que eu pensaba que era un chuleta. Pero eu estaba errado. O tal compañeiro é alegre, canta ben ( presentouse para unha Operación Triunfo e chegou a estar clasificado en Galicia ) e é un cacho de pan que rescata gatiños abandonados e déixaos durmir na súa cama. E hoxe apareceu cun ollo tapado que pode ser dun tirizó ou turubelo e din as malas linguas que os tirizós saen por ver a unha muller embarazada de forma libidinosa. Eu vou atinar desta vez e vou dicir que o tirizó do compañeiro apareceu de forma natural.

O debuxo é dun tal Leo Ríos.

Etiquetas: ,

martes, 8 de xaneiro de 2008

Perdón polo mal tempo



Remataron as festas con chuvia de agasallos por parte de Papa Noel e os Reis Magos. O Leo non apreza os xoguetes e faille máis caso a un corcho dunha botella que a un moneco. Bueno, está na idade, non ?.

O mal tempo parece que segue con nós. Pero tamén cantei a noite de Reis cancións do karaokiño en boa compaña e iso merece un castigo divino en forma de chuvia. Pido perdón.

Etiquetas: , ,

sábado, 5 de xaneiro de 2008

Os axudantes dos Reis Magos

Segue a chover neste inicio do ano 2008 e a cabalgata dos Reis seguro que se suspende en muitos lugares. Os nenos non verán chegar os Reis cos agasallos pero seguro que os ven pasar de volta outro día. A cabalgata é un espectáculo vencellado aos Reis así como é costume deixarlle auga nun caldeiro e un pouco de herba ou palla na fiestra para que beban e coman os camelos dos Reis. Eu facía iso hai ben anos e non cuestionaba nada. Deitábame e durmía para que me deixaran agasallos os Reis ata que unha noite de Reis espertei cun ruido e mirei a meu pai metendo unha bici no meu cuarto. Á mañá pregunteille a meu pai que facía el coa bici de noite e meu pai contoume toda a verdade. Contoume que os Reis tiñan présa e que deixaran a bici na porta da casa e que el meteuna no meu cuarto. Aquel día descubrín que os Reis tiñan aos pais como axudantes.
E ti: como descubriches que os pais axudan aos Reis Magos ?.

Etiquetas: ,

xoves, 3 de xaneiro de 2008

Defendamos a monarquía

Estamos co debate de sempre: que se Papa Noel, que se Reis Magos...Pero este ano os Reis Magos teñen unha xente que os apoia e ata fixeron unha canción de defensa dos Reis Magos. A xente que os apoia teñen a páxina //www.yosoydelosreyesmagos.com/ que inclúe unha canción rap.

http://www.youtube.com/watch?v=Zbwch7_5bF8

Desfrútaa.

Etiquetas: ,

martes, 1 de xaneiro de 2008

Boa entrada de ano

O ano comezou coas uvas e os brindes e a foguetada nas rúas co susto que levou o Leo. Un pouco máis tarde tocou a volta á casa cunha néboa mesta e fantasmal da que xurdiu de súpeto a caseta de cobro da autopista cunha rapaza que non sei como non morría de medo.
O día agora está chuviñento e as rúas case vacías e a chuvia vai borrando o cartel a vinte metros da casa. É un cartel curioso, que semella broma; e que trascribo aquí.
" Véndese porco da casa, criado con calacú e landras de Mosende. Pesa sobre uns 150 kilos. Precio 350 euros. Tel:627574599-699058523. Preguntar por Juan Carlos. Nota: o que compre ten que dar a proba dun anaco de lomo ".

Que o 2008 che empece co humor do tal Juan Carlos.

Etiquetas: