leoeosseus

luns, 31 de agosto de 2009

Abur agosto



E rematou agosto e puiden fotografar ao señor que baña os porcos. Tamén ollei de lonxe uns arroaces pescando, oín a verba " embigho " na lingua coloquial, descubrín que lle chaman truel e trueiro ao que chamamos ganapán e mincha ao caramuxo, probei un calzzone de marisco e souben de temperaturas de máis de trinta grados. O malo foi que tocaba recoller e que o Leo anda solto de ventre e con febre.
En fin, abur agosto.

Etiquetas: , ,

venres, 28 de agosto de 2009

Case fin de verán


Os días son máis curtos, os pantalóns empezan a ser longos e nas noitiñas fai falla algo con mangas longas. Hai xente estudando para setembro ( unha das cousas boas de facerse maior é evitar a tensión dos exames e máis os de setembro ).
Por todo isto e máis nótase que está rematando este verán.
Eu son un sortudo e esta fin de semana vou onde a familia para desfrutar dos penúltimos días de praia.
Sorte para os dos exames de setembro !.

Etiquetas: ,

xoves, 27 de agosto de 2009

Trinta e cinco meses



O Leo chega hoxe aos trinta e cinco meses de vida e nas fotos podes ver os cortes de pelo que tivo este último mes. Primeiro tíñao longo e saiu sorrindo ao pai e logo teno curto e mostra o sorriso que lle adica á nai.
Agora mesmo está desfrutando das vacacións a 170 quilómetros de min e a esa distancia estivo case todo este mes. Eu teño que traballar e sentir o silencio da vivenda e conformarme con estas imaxes do meu pequeno.
E a vida segue !.

Etiquetas:

mércores, 26 de agosto de 2009

Terragrafías









Terragrafías é unha fermosa mistura entre terra e fotografía onde se mostra o traballo da xente coa terra e acompáñase dalgún texto pequeno.
Fusilei algunhas das fotos que están en exhición no centro cultural do Porriño ata fin de mes para os que non poidan visitalo.

Etiquetas: ,

martes, 25 de agosto de 2009

Buscando traballo


Tranquilidade que non é o meu caso ( e que o demo sexa xordo ).
Nesta época de crise hai que expremer os miolos para buscar choio e na imaxe ( descuberta pola raíña Kasege ) este home ofrécese para facer na casa o que o home da casa non fai.
Pareceume unha iniciativa simpática e curiosa e aquí a deixo por se alguén a necesita.

Etiquetas:

luns, 24 de agosto de 2009

Máis crónicas


Estando nun lugar agradable sempre se agradecen visitas de bós amigos como as que recibimos o sábado. Chegaron varias parellas coa descendencia e saiu redondo todo: a viaxe ( a pesares de TomToms e familia ), o xantar con viño albariño da casa e croques, o día praieiro con sol, partidas de fútbol-praia, pedaleos na pedaleta arco da vella, exploracións de rochas e de augas un chisco máis frías que as das Burgas e conversas, risos e pancenteo.
Mágoa de que non durase !.

Etiquetas:

luns, 17 de agosto de 2009

Crónicas praieiras


Por esas terras do noroeste pode acontecer de todo. Un visón baixou polas rochas, nadou na auga salgada cinco metros, entrou nunha furna e apañou un cangrexo. A xente que o viamos estabamos abraiados e fomos bautizándoo a medida que avanzaba: gato, rata, ardilla, donosiña, hurón, comadreja, visón e incluso bisonte !. Foi mágoa non ter a cámara a tiro.
Á noite houbo festa e o Leo non o pasou mui ben nas atraccións. Tamén houbo tirada de fogos artificiais impresionante con música e todo. O Leo, ao primeiro tiña medo, pero logo case durmía e todo admirando o lucerío.
Tamén houbo buracos na area, paseo en pedaleta, busca e aprendizaxe de mexillóns, caramuxos, lapas e arneiróns; cafés con xeo, xeados e cervexas.
Ata pillei a uns veciños de toalla contando unha anécdota sobre un alcalde da zona que leva muitos anos gobernando pero que mete bastante a pata á hora de falar.
Estaba o tal alcalde dando un mítin e dixo: " Estos años hemos picheado muchos caminos ". Un secretario intentou correxilo: " Asfaltado, señor alcalde, asfaltado ". E o alcalde pronto remendou: " Bueno, si le he faltado a alguien que me perdone ".

Etiquetas: , ,

xoves, 13 de agosto de 2009

Roteiro de Carracido

Hoxe pegoume unha arroutada e fun de mañá facer o roteiro de pedras e auga en Carracido, unha parroquia de Vilaguindastre. Son uns catro quilómetros en círculo e pasas por unha zona onde semella que estivo un xigante caprichoso xogando con penedos e ciscándoos entre construccións, labradíos, regatos, camiños e bosques de loureiros, piñeiros, carballos, castiñeiros, acacias e eucaliptos.










Case non me crucei con ninguén pero si algúns cans e un cabalo que me ollaba curioso dende unha xanela da corte.


Mirei penedos enormes e outros que semella que van caír en calquera momento.






Pasei por viñas abandonadas onde medran castiñeiros agora.

Tamén había un muiño abandonado co rodicio ou reducio ( como lle chamamos por esta zona ) esperando que alguén o leve para adornar unha finca, un chalet ou un bar.




Topei amoroteiros ou érbedos que me fixeron lembrar a palabra " morojo " roubada do galego falado para a Real Academia Española.






E aproveitei e acerqueime ao monumento de Mos feito con pezas dun muiño cun panel explicando que " mós " é como se lle chama pola zona ás moas do muiño e aos tornarratos.




Adico este posteo con muito cariño a unha leitora fiel do blogo e que é desta zona e sei que lle vai gustar.

Etiquetas: , , ,

mércores, 12 de agosto de 2009

Mirando o ceo


Hoxe anda Google e outros medios falando da chuvia de estrelas desta noite pero non creo que me anime a vela porque é ás tres da mañá.
Isto de mirar o ceo fíxome lembrar o detector meteorolóxico que topei unha vez nos EEUU. Era unha corda pendurada coa seguinte explicación:
- Corda movéndose...ventoso
- Corda quieta...calmo
- Corda húmida...chuvioso
- Corda seca...soleado
- Corda branca...nevado
- Corda invisible...néboa
- Corda ida...furacán
Se observas as bágoas de san Lourenzo, faimo saber.

Etiquetas:

martes, 11 de agosto de 2009

A Costa da Morte: que bellesa !

Esta fin de semana foi de facer quilómetros pola Costa da Morte para mostrarlla a dúas amigas de Costa Rica.

Muxía e o III Mercado das rutas do mar.





Camariñas coas súas palilleiras e outras artesanías e festa de aniversario dunha conserveira.



Os virandelos do cabo Vilán co seu zunido.



O propio e maxestuoso cabo Vilán.


O cemiterio dos ingleses e a enseada do Trece coa duna xigante do monte Branco e o vento omnipresente.



O museo de Man en Camelle co solpor e frío.



A vista dende un restaurante de Fisterra cun lentísimo xantar.


O castelo de Vimianzo co eco das palilleiras no interior.



E tamén foron tortillas e viños albariños, " tamburinas " e " lancetas ", cancións do Leo e muitas " habladeras ". En definitiva, unha fin de semana para lembrar.

Etiquetas:

xoves, 6 de agosto de 2009

Traballiños



Castelao dicía que o pobre ten un can para ter en quen mandar e agora os galegos temos negros para ter en quen mandar. E aí os están, a pleno sol, facendo o que outros non queren facer.

No futuro, cando estea por ese parque, lembrarei a eses negros e viranme á memoria as calores e cheiros africanos que nunca sentín e as cores rechamantes faranme lembrar a arte decorativa Ndebele.

Quen sabe se eses traballadores non estaban pensando na súa terriña cando creaban esas formas de cores ?.

Etiquetas: ,

mércores, 5 de agosto de 2009

Pintada reivindicativa


Eu acostumo fixarme nas pintadas porque pode ser que apareza algo curioso ou simpático entre tanto borranchón sen xeito. Descubrín esta nunha parede dunha igrexa que di: " Na minha cama nom manda ninguén ". Fíxome graza a pesar de afear a parede. Agora habería que ver a cara do cura cada vez que pasa por diante.

Etiquetas:

martes, 4 de agosto de 2009

Conectándome


Levo tempo sen escribir e sen conectarme porque estou vivindo a realidade do verán ( se se lle pode chamar así a esta sucesión de días de chuvia, anubados e frescos ). Pasei unhas minivacacións por terras fisterrás onde a xente é amable e saúda, hai innúmeros gatos, cómese ben e hai homes que lavan os porcos con mangueiras.
Ao final ten razón o reloxio de sol feito polo avóP: Só conto as horas felices ( tradución libre ).

Etiquetas: ,