O sábado estivemos por Santiago e fomos de visita ao Museo do Pobo Galego onde Leo quería montar nos barcos " piratas ", preguntou polas vacas dos carros, subiu tódolos chanzos da escaleira de caracol e colleulle medo aos disfraces do entruido. Visitamos o veciño Museo de Arte Contemporánea e a expositora Dora García incluiunos nun texto de
Instant Narrative: " Entran un padre y un niño. El padre lleva un neceser y una cazadora oscura. El niño se precipita por la primera puerta a la derecha pero vuelve con el padre. Ven los libros para robar y dudan...El padre sube al niño a los hombros: eso siempre mola ".
Hoxe domingo xa tocou a vida máis pragmática coa matanza dos porcos arriscando 300 euros de multa por cada porco. Foi matalos e chamuscalos con fentos e colmeiras de centeo cunha pedra na boca. Logo houbo que arrincarlles os cascos e lavalos coa Karcher ( un apoio moderno sempre vai ben ). Despóis do almorzo pendurámolos cun ferro enganchado nas vides dos xamóns. Logo fun ao monte por leña de carballo para afumar os chourizos. Topamos con burras de monte, un chaparrón de película e dous cazadores.
Despóis do xantar tocou partir o porco. Semella maxia que coñezan todo o porco e que teñan nome para todo: courachos, ventrechas, carroleira, solombo, papelas, etc, etc. O matachín partía, outros salgaban con salmoura ( mistura de cebola e sal ) e outros picaban para chourizo e chouriza. Eu puxen o mandilón de muller e piquei como puiden. Logo picaron a carne na máquina e fixeron a zorza con viño treixadura, pementón dóce e picante, algo de cebola e algo de sal. Amasaron a mistura nos municos e tapáronse con trapos para que non entre a bareixa. Recollemos e outro día se remexe a zorza e se enchen on chourizos.( mañá non que é fieles defuntos, seica ).
De cea houbo o zarrabullo ( fígado, castañas e pasta de cotobelos ) e arroz con carroleira.
Agora creo que merezo un descanso.
Etiquetas: arbo II, curiosidades V, etnografia III, lingua IV, natureza III, viaxes I