leoeosseus

domingo, 29 de maio de 2011

Cincuenta e seis meses ( e dous días )



Aquí está o Leo comendo pizza e mirando os pingüíns de Madagascar, dúas das actividades que máis lle gustan. Outras son recortar números e letras escritos en papel e montar historias. Non para de falar ou cantar cancións inventadas. Ten defectos, está claro, como que é difícil de movelo dun sitio ou que hai veces que muda a súa voz para unha parva que nos desespera ou como o de hai dúas semanas que empezou a dicir unha cousa perigosa; que se aburría.

Tirando estes tres defectos estamos contentos co el como cando inventa palabras e o seu significado como " remanar : tirar con sorte ".

A ver o seguinte mesario como está coa irmanciña recén nacida !.

Etiquetas:

sábado, 21 de maio de 2011

VIII Festival de Cans

Mentres uns traballan na veigha.



Outros asisten a estreas. Blogueira incluida na escaleira.



Outros divirten e divírtense versionando " O tren " de Andrés Dobarro.




Outros mostran a súa faceta máis primitiva.




Hai famosos como Antón Reixa ou un Manolo Rivas que camiñaba lixeiro non sei cara a onde.




Tamén descubrín un chimpineiro que foi un antecesor no meu posto de traballo.




Cans é unha peregrinaxe de xente con ganas de divertirse e descubrir novas sensacións.


En definitiva: Cans non deixa indiferente e menos a un que foi aquel neno de trece anos que errou o camiño de volta nun xaneiro frío e maldurmiu nun penedo. Mentres, noutro punto do monte un can da Garda Civil buscaba sen éxito o rastro dun pixama para máis desesperación duns pais.

Etiquetas:

martes, 17 de maio de 2011

DLG 2011


Coma todos os anos pendúrase unha pancarta na fachada do centro cultural de Vilaguindastre coa imaxe do autor homenaxeado do ano.



Outros aproveitan o día para organizar outro tipo de xuntanzas.






Ou celebran festas gastronómicas anque este ano tiveron o detalle de correxiren o cartaz con respecto ao ano pasado.






En Vilaguindastre actuou o mago Cayetano Lledó que o fixo mui ben e tivo o detalle de disfrazarse de " O Raposo " e non " El Zorro ".



Da miña parte pouco aportar para este día anque quero dar a coñecer un vocabulario do concello veciño con muitas palabras propias da zona e que eu descoñecía.




Tamén poño este vídeo sobre o galego que me gustou.








Etiquetas: ,

domingo, 15 de maio de 2011

Eurovisión 2011


Collín o costume de xogar a crítico musical do pataco con Eurovisión e este ano non ía ser menos.
Houbo muita calidade e gustáronme algunhas cousas como que Francia competise cunha canción en corso ( para cando as españas farán o mesmo e competirán con outra lingua distinta do castelán ? ) ou a artista da area que facía obras mentres cantaba a representante ucraína. O Leo flipou cos irlandeses, " dous que naceron ao mesmo tempo ". Tamén me gustou que dixese " moitas gracias " Lucía Pérez cando rematou a súa canción ou que Anne Igartiburu dixese " muito obrigado " aos votantes pola canción española dende Portugal.
Ala, creo que xa cumprín co Eurovisión 2011.

Etiquetas:

sábado, 14 de maio de 2011

Traballando de noite


Esta quincena tócame traballar de noite e faise duro durmir pola mañá cos coches de propaganda electoral dando voltas cada pouco tempo.
Iso si; traballando de noite pode visitarse de día castelos coma o de Sobroso.


Tamén mercamos alí un axóuxere para a nena e fixen a foto da explicación tan fermosa.





Fixemos a primeira viaxe en tren para o Leo.





E estreamos a praia este ano para sorpresa de Leo porque aínda non estamos no verán.


Ao final traballar de noite ten as súas cousas boas !.

Etiquetas: , , ,

sábado, 7 de maio de 2011

Día de homes colgados


De súpeto saímos da crise e abrochan cartos por todas partes. Amañan estradas, xorden parques infantís e papeleiras, levantan valados caídos, descobren monumentos a canteiros, cobren baixas da Xunta, etc, etc. En paredes, farolas e columnas sorrinos rostros amables con mensaxes de " Vilaguindastre quere ", " Para que Vilaguindastre gañe ", " En Vilaguindastre hai futuro ", " A alternativa para Vilaguindastre ", " Se queres, PODES ", etc. Unhas mensaxes que non din nada e que podes intercambiar de partido político que non muda nada.


E a todo isto o Leo solta: " Hoxe é o día dos homes colgados que miran para todas partes ".

Etiquetas:

domingo, 1 de maio de 2011

Lendo no insomnio


Ultimamente ando co sono trastocado: quedo durmido cedo con Leo léndolle os contos e logo a media noite non teño sono. Dou voltas e voltas na cama e remato erguéndome para ler ou fedellar na interrede. O último libro que lin é o da foto que foi toda unha sorpresa porque xuro que eu non tiña nin a mínima idea sobre el e o autor. Podo dicir que o lin rapidamente e que é para reler con máis vagar. Ten unha estructura orixinal, inusual e atractiva para min e conta algo novo. Tamén está salpicado de frases e párrafos para suliñar e incluir na memoria e, o millor de todo; alivioume o insomnio de dúas noites.
Eu non son de recomendar libros pero este estou animado a recomendalo.

Etiquetas: