leoeosseus

martes, 31 de xullo de 2007

A interrede non ten que descansar



Esta imaxe fíxome gracia e póñoa aquí.

Polo día os saltóns chimpan, as herbas estalan e os paxariños abren o peteiro. Os insectos voadores dan a tabarra e a xente súa. Apetecen ensaladas e cafés con xeo. De noite cantan os grilos e se abren as fiestras.

Todo isto é o verán con calor e un motivo para abandonar o blogo aparte de vacacións e viaxes. Eu non teño vacacións e seguirei escribindo e visitando blogos e aprendendo cousas como a frase que lin: CAMBIO O DOBRE DO QUE SEI POLA METADE DO QUE ME FALTA POR SABER. Así tamén descubro fotos preciosas e actuais de Galicia e, por se fose pouco; a partir de hoxe seguirei a viaxe dunha parella arredor do mundo que me dan muita envexa. Isto da interrede é unha pasada.

Etiquetas: ,

domingo, 29 de xullo de 2007

O Leo na praia de Abra


O sábado fixo calor de verán por fin. Pola tarde o Leo refrescouse nunha bañeira na finca dos avós en Pías e contra a tardiña fomos á praia da Abra ou Patos. Había muita xente ( nós formamos parte dela queiramos ou non ) e o Leo desfrutou nunha charca de auga salgada e con golfes e outras algas por primeira vez na súa vida. Tamén lle gusta acumular area e falar só con ela.
Pola megafonía da praia anunciaban a desaparición dun neno e decateime do angustioso desa situación; tanto para o neno como para os pais. De alí a uns minutos xa avisaron de que aparecera o neno. A min de pequeno nunca me pasou iso e o único malo que me pasou foi a trichadura da pel da pilila coa petrina do pantalón. O típico: tocaba marchar e tiña o bañador mollado entón miña nai vestiume o pantalón sen calzón nin nada e pasou o que tiña que pasar. Pasei muita dor nese momento pero foi pior cando meu pai logrou desengancharme a base de darlle arriba e abaixo á petrina.
Iso, historietas da praia.

Etiquetas:

venres, 27 de xullo de 2007

Dez meses



Hoxe o Leo fai os dez meses. Na foto está todo contente cun dos seus xoguetes favoritos: a porta. Gústalle sentarse e abrir e fechar a porta cunha man mentes parlotea coa porta. Se mira a alguén polo buraco da bisagra faille máis gracia aínda. Na foto non se aprecian os ollos vermellos que gasta estes días. Empezou cun golpiño no ollo esquerdo e de tanto frotar cando ten sono, irritou os dous ollos. Onte levámolo á pediatra e púxolle unha cor laranza nos ollos para buscarlle úlceras e parecía un indio.

Do resto vai progresando. Xa non agatuma e agataña detrás dunha pelotiña ou buscando rodas ou sandalias que lle encantan. Ponse de xionllos para coller videos no moble debaixo da tele e gústalle abrir as caixas. Os dentes de arriba empezan a asomar e veñen catro seguidos e dá algunhas noites malas. En canto á comida hai días que come ben e outros que só toma teta que aínda segue a mamar.

En xeral é un neno tranquilo que fala só ou coas cousas e que aplaude cando vai á bañeira.

E iso é todo.

Etiquetas:

martes, 24 de xullo de 2007

Operación máxica


TioNan estivo de cumpreanos. Estudiou económicas así que seguro que lle gusta este xogo.
- Pensa un número do 1 ó 9.
- Multiplícao por 9.
- Suma os díxitos resultado desa multiplicación.
- Réstalle 5.
- Colle o alfabeto e colle a letra que coincida con ese número. Ex: A é 1, B é 2, C é 3, D é 4, etc.
- Pensa un país que empece por esa letra.
- Colle a segunda letra dese país e pensa un animal que empece por esa letra.
Solución nos comentarios.

Etiquetas:

domingo, 22 de xullo de 2007

Quilómetros e quilómetros


O Leo foi o xoves a Culleredo e Ana tivo que mercar unha saia que se puxo coma un pito coa chuvia. Venres á mañá tocou visita á pediatra que o Leo tiña un ollo mal supostamente por algún golpe con algún xoguete. Pola tarde fixemos fotos do Leo en papel. Á tardiña TioNan mercou El Jueves apesares da proibición que había sobre a venda da revista. A cea foi de empanada de zamburiñas. Á noite o Leo durmiu mal por mor dos dentes de arriba. O sábado o Leo estivo por Marín e Beluso con Cris e Toño e o domingo foi a Arbo. O camiño de volta foi con chuvia, por non variar.

Etiquetas: ,

mércores, 18 de xullo de 2007

O conto do mecánico e o seu xefe


O meu compañeiro carretilleiro contoume unha anécdota que vou tratar de contar aquí.
Resulta que o mecánico dunha empresa era pequeno, pequeno e o xefe era un homón que pasaba dos dous metros de altor e que era ancho de ombreiros. O tal mecánico, chamémoslle Tino, tiña que cambiar uns fluorescentes da oficina. O Tino era baixiño e non lle chegaba ó falso teito. Tratou de estarricar as pernas e pórse na punta dos pés pero apenas tocaba o teito. Nese momento pasou o xefe, chamémoslle Don José, e díxolle con ton burlento: -" Tino, hombre; estírese que no le llega ". O xefe marchou rindo e o Tino foi buscar unha escaleira desas de tres banzos. Subiuse e chegáballe por pouco ó tubo. Despois de suores e renegos logrou cambiar os fluorescentes. Cando limpaba o suor con pano aparece o xefe. Don José seguiu co conto: -" Tino; que pena no nacer unos cinco centímetros más grande. Hoy no lo pasaría tan mal ". E o xefe botou unha gargallada. Isto encheu a Tino que lle preguntou ó xefe: -" Sabe usted porque soy tan bajito ? ". O xefe dixo que non sabía. " Pues porque soy hijo de un solo padre ". Don José quedou pensando e xa lle viña o enfado á cara. Tino rematou: -" No se enfade, hombre. Usted tampoco es grande ".

Etiquetas:

luns, 16 de xullo de 2007


Hoxe foi un día rarísimo cun tempo tolo. Tanto chovía como caían lancetas de sol. Houbo un momento que facía sol e chovía e lembrei o que dixera un home da Caniza cando saía do bar da miña sogra un día coas mesmas características. Dixo: " chove e fai sol: están as bruxas a peinarse ". Esta frase encantoume. Co esta frase di que pasa un acontecemento rarísimo como unha bruxa que se peitea. Rarísimo e carregado de expresión.
Busquei esa expresión en internet e topei dúas variantes: " cando chove e fai sol anda o demo por Ferrol " e outra que se di polas Neves: " cando chove e fai sol vai casar a raposa ".
En fin, expresións que me pareceron cheas de significado e cun toque poético...se pode haber poesía na chuvia en pleno verán.

Etiquetas: ,

domingo, 15 de xullo de 2007

Novas ligazóns

Este domingo non foi un día ideal para pasear así que tiven unha sesión intensa de interrede. Uns blogueiros, por desgracia, deixaron de escribir pero en cambio descubrín outros como un arqueólogo en Neixón, la queue bleue, mueja ou un xaponés enamorado de Galicia. Tamén descubrín as fotos de Fernando Bellas que non teñen desperdicio e de exemplo está esta foto das Marías reais de Santiago, modelo das Marías que están no Paseo da Ferradura.

Etiquetas: ,

sábado, 14 de xullo de 2007

Alaghando o canastro


Onte o avoM levou un susto que volcou o tractor xusto á beira da casa de Arbo. El puido saltar a tempo e non lle pasou nada. O tractor está un pouco mal pero cunhas reparacións seguirá a súa vida útil.
Hoxe iamos de camiño a Arbo e a xente do campo recollía patacas, cortaba herba ou sulfataba viñas. Estes días son días de muito traballo nos campos. Nós non fixemos nada diso porque fomos tirar o canastro que sae na imaxe. Cando chegamos xa estaba feito anacos no chan que caiu cun par de golpes de marreta ben dados. O que si tocou facer foi carrexar os restos para fóra para facer un aparcadoiro na entrada. No sitio do canastro van colocar unha mesa para comidas familiares e van traer outro canastro que estaba abandonado noutra parroquia para colocalo nun espacio da horta.
Por outra banda, o Leo xa agataña e xa mercamos unha barreira para que non fuxa da sá de estar pola casa adiante. Agora toca vixialo ben e procurar que non toque a Colín que está mui sensible dunha pata e chía só con tocarlla.

Etiquetas: , , ,

xoves, 12 de xullo de 2007

A videira do Chumbiño e o tromentelo

Onte foi festivo en Vilaguindastre e en Arbo e aproveitamos para ir xantar alá a Arbo. Mentres case todos durmían a sesta eu dei unha volta polo baixo da casa e mirei este monte de videiras para queimar e lembrei a historia que contara " O Chumbiño " na vendima. Resulta que " O Chumbiño " tiña ó lado da casa unha videira vella que lembraba de toda a vida. Esa videira nunca fallaba e daba viño tódolos anos e viño bo. Esa videira era un amigo fiel e unha verdade coma un templo. Pero pasou o tempo e mudaron as cousas. Chegou un coche á casa e había que facerlle un sitio; e o sitio da videira era o ideal. " O Chumbiño " negábase a arrincar esa videira cumplidora e amiga. A muller teimou e alá foi el cun machado para cortala pero non puido. Só quedaba unha solución. Foi á adega e bebeu viño desa videira e bebeu máis e máis ata que estaba o suficientemente peneque como para facer ese crime. Colleu o machado e ós trompicóns, borracho e chorando cortou a videira para facer leña.
Cando contou isto pasaran ben anos pero aínda se lle humedecían os ollos contándoo.




E para non deixar mal sabor de boca deixo unha foto dun abesouro no tromentelo en Arbo. Os abesouros antes eran poucos pero como agora hai menos abellas parece que eles inzan. O tromentelo empregábase para lavar o pelo e de aí vén o dito: " Mozas de alá arriba; con que lavades o pelo ?. Lavámolo cunha pranta do monte que se chama tromentelo. "

Etiquetas: ,

domingo, 8 de xullo de 2007

Illas Cíes



Hoxe fomos de excursión ata as Illas Cíes dende Baiona. Tamén foron os avós de Arbo e os curmáns de Leo David e María. Pola mañá estaba anubado pero foi chegar ás illas e abriu o ceo. Fomos camiñando ata o faro das Illas Cíes, a tres quilómetros e medio do peirao. Non recomendo o percorrido cun coche de nenos que o camiño está bastante mal. De feito, o Leo non chegou ó faro e non puido ver muitas crías de gaivota chorona ( unha curiosidade; esa gaivota en castelán chámase gaviota reidora. Que parecidos e que distintos son ás veces os idiomas ! ). Na volta paramos na praia de Rodas e amparámonos un pouco do vento que empezou a soplar nese momento. O David, o avoM e Paideleo fomos ata o cemiterio da illa ( a foto é dende alí ) e o David creu estar nun cemiterio de piratas con tantas historias que lle contei de piratas, monxes e viquingos nas illas. Tamén puidemos ver a defensa dunha parella de gaivotas na súa zona de cría contra dous homes que paseaban pola zona. Logo os avós foron ata a outra punta da illa e o resto aproveitamos para tomar xelados e merendar luitando contra o vento. Despois atopámonos todos perto do peirao e esperamos polo barco de volta.

O Leo pasouno ben coa area e os primos e durmiu mui pouco e agora está trasnoitando.

E así foi o domingo.

Etiquetas:

xoves, 5 de xullo de 2007

O Roto


A imaxe de hoxe corresponde ó camión de " O Roto ". Nin el sabe de onde ven o seu alcume de familia de toda a vida. O camión de " O Roto " ten a típica cabina co calendario dunha moza con pouca roupa, un San Pancracio nun recanto e unha neveira enooorme conectada ó chisqueiro do camión.
A primeira vez que o mirei a el levei unha sorpresa grande pois pareceume o Rubalcaba pero con funda de traballo. Agora pasou o tempo e fomos collendo confianza. Hoxe toqueille os bíceps e díxenlle: - " Carallo, de aquí sacan o ferro para facer os barcos. Eu que pensaba que o sacaban das canteiras ". O Roto mirou para min e botouse a rir.
Din que cando un empeza de novato nun choio vale menos que a máquina de café. Por iso me gusta integrarme cos compañeiros e subir de valor... Supoño que agora xa valerei como a máquina dos bocatas.

Etiquetas: ,

luns, 2 de xullo de 2007

Por Pías e Arbo




O sábado fomos xantar a Pías co avóP e a avoaE e tamén estaban tíoNe, tíaRo e Fiz. Non estaban a tía Kasege e o tíoNan porque había un campionato de birlos. O Leo pasouno ben e arrincou herbeiras todo cheo de razón.

O domingo fomos a Arbo e, mentres o Leo durmía a súa sesta, eu buscaba abesouros entre o tromentelo pero non había. Supoño que sería por estar o día anubado. Máis tarde Ana máis eu fomos á fonte do Enxeño e ós muiños da Rocha. Logo tocou librar o canastro de millo que van alaghalo ( tiralo ). E á tardiña tocou a volta a casa co mal tempo que fai tódolos domingos deste verán.

Adeus ó canastro de cemento: pouca vida lle queda !.

Etiquetas: , ,