leoeosseus

domingo, 30 de decembro de 2007

Sinterklaas



Pois si. Este ano descubrín que Santa Claus ou Papa Noel nun principio viña de España. Si. Incrible pero certo. Explícome. En Holanda existe Sinterklaas que é San Nicolás e vén de España nun barco de vapor acompañado dun cabalo branco e un axudante negro chamado Pedriño O Negro que é o encarregado de baixar pola cheminea para deixar os agasallos ou meter nun saco o neno que se portou mal.

Descubrín isto gracias á Rifenha e pódelo comprobar aquí.

E logo hai outros que falan de trineos que voan...

Etiquetas: ,

venres, 28 de decembro de 2007

Ghali-ghali

Hai varios tipos distintos de inocente e un tipo é o do típico home solitario que vive en malas condicións e que acostuma ser pobre, ignorante e carregar coa mala sorte toda a súa vida ata a morte.
Un exemplo pode ser o Ghali-ghali ou señor Benito. O home vivía nunha casa vella acompañado do seu sobriño. Estivera na guerra civil e contaba que os mouros do exército de Franco atacaban berrando Ghali-ghali e de aí tirámoslle a alcumada. Tiña unha vaca que daba pena e que alimentaba nas cunetas da estrada acompañada de catro ovellas e un par de años. Chamaba lulues aos cans pequenos dos pisos. Tiña unha boina suxa encasquetada ata as cellas e unhas barbas de demo. Foi safando malamente a vida dura e morreu vello.
Pior sorte tivo o sobriño que seguiu vivindo na casa cuidando dos animais e sufrindo ameazas e malleiras dun noivo dunha sobriña. A xente non lle facía caso por borrachuzas ata que o noivo da sobriña se ultrapasou coa malleira e acabou matándoo dentro do bocoi onde durmía porque tiña medo de durmir na cama.
Estes son dous inocentes que tiven por veciños. Non poseo ningunha foto deles pero esta foto de Massengill de Four Oaks en Carolina do Norte lémbrame ao Ghali-ghali.
Vaia este textiño como xeito de homenaxe a estas dúas persoas e que a vida sexa máis levadeira para tódolos inocentes do mundo.

Etiquetas: ,

xoves, 27 de decembro de 2007

Quince meses

O Leo fixo hoxe os quince meses. Camiña solto sen grandes problemas pero aínda non fala. Segue cos seus oito dentes pero ten moas a punto de sairen coas enxivas inflamadas. Antes, cando lle nacían as moas ao bebé as nais púñanse de luito da dor que sentían os nenos. O Leo hai veces que mete as mans a fondo na boca e muitas veces non come ou dorme mal e precisa que o " aghalimen ", como din por Arbo; que o collan no colo ben apretadiño contra o corpo. Xoga ó coito ( como lle chamaba eu de pequeno a xogar ao " escondite " ) pero non sabe e achántase no mesmo lugar sempre. Tamén gusta de imitar á xente e unha imitación que nos fai gracia é a de falar polo móvil. O Leo colle o móvil de calquera xeito e arrímao á orella e fala no seu idioma extraterrestre, como di o seu curmán D. No vídeo pódese ver a imitación.

E iso é todo. Estes días ando liado e case non podo postear.

E finalizo cunha nota de carácter social e unha das razóns polas que non me gusta o fútbol; hoxe " desfrutamos " en Vigo da afección galega de fútbol ocupando a rúa e queimando contedores de lixo.

Ata a próxima.

Etiquetas: , ,

luns, 24 de decembro de 2007

Boas festas



Na casa do Leíño non caiu a lotaría pero se estivemos vivindo sen eses cartos ata o de agora, poderemos seguir sen eles outro ano, non si ?.

Boas festas.

Etiquetas:

xoves, 20 de decembro de 2007

Historia de Balbino



Balbino tivo moitos irmáns; algúns maiores e outros máis pequenos e non todos chegaron aos dez anos. El era vivo e tiña un don especial cos animais que semellaba que lle facían caso. Medrou con dificultades no medio dun ambiente pobre pero conservando unha forma de ser leda e unha forza de vontade enorme. Falaba moito e era botado para adiante. Cando chegou o momento da guerra civil creu os cantos de serea que falaban de patria, orgullo e orde. Non tiña dezaoito anos, mentiu na idade e meteuse vontario. Non destacaba especialmente pero ía dos primeiros aos sitios máis perigosos e así foi coa División Azul a terras rusas, a terras inimigas en mans de demos. Nese momento mandou esta foto para tranquilizar á familia dicindo que estaba na cruzada especial para redimir os comunistas. Non lle foi ben nin a el nin ao seu exército e o inverno, as distancias, as traicións foron calamidades que foron liquidando ós poucos ou ós moitos a División Azul. El caeu enfermo e deixárono atrás dándoo case por morto. Houbo un ataque do inimigo e el matou a un rapaz coma el pero do outro exército. Era el ou o outro e salvouse el. Víase moi mal e mudou o seu uniforme polo do inimigo por seguridade e para ter calor e caeu inconsciente. Cando espertou estaba rodeado de xente de rasgos asiáticos como lembraba nun dos poucos libros que viu diante. Falaban extraño pero amigable e levárono nun trineo tirado por renos. Acollérono no seu poboado de tendas de peles e botou unha tempada repóndose das enfermidades e das feridas de guerra. Aprendía rapidamente o idioma dos Nenets que o acolleron e recuperou a vida e as súas forzas. Coa chegada da primavera tocou mudar de lugar e seguiu co esa xente acolledora e sinxela. Balbino era forte e foi adiante. Aprendía rapidamente os costumes do pobo que o acolleu e a súa forma de vida que xiraba ó redor da caza, da pesca e cría de renos. A vida bulía e xurdiu o amor entre Balbino e Enej Ja que casaron seguindo os ritos Nenets. Balbino e a súa xente viviron felices uns anos pero chegaron compañías petrolíferas e madereiras ao paraíso Nenet. A súa xente foi discriminada na súa propia terra e tiveron que marchar. Cruzaron a Siberia en dirección leste durante un longo periodo de tempo loitando contra os pobos cos que se cruzaban e pasando calamidades. Cando chegaron ao mar decidiron deter o seu camiño porque toparon unha terra parecida á súa con xentes que os acolleron: os Even. Balbino empezaba a facerse vello pero era un mestre domando renos e construindo trineos. Ata que un día chegou un vello vestido de vermello que necesitaba un chófer para trineos experimentado...Pero isto xa é outra historia.

Etiquetas: ,

mércores, 19 de decembro de 2007

O zapeo do Leo


Cando lle apagamos a tele ao Leo vai el e volve prendela dándolle nos botóns e así cambia de canais. Onte fíxoo e atinou coa escolla para o meu gusto. Primeiro puxo a segunda onde falaban do nivel lector en España que é o último país da comunidade europea e extrañábanse de que os países do leste leran máis. Logo o Leo deulle ao botón e saiu Antena 3 onde falaban da Fala, unha variedade linguística do galego-portugués que se fala en Extremadura e que ten total vixencia na actualidade. Nas imaxes estaban nenos cantando unha panxoliña na escola e logo nenas xogando ás palmas cunha cantinela na súa lingua. Non sei: gustoume esa xente que consideran que a súa Fala non se debe perder e están orgullosos dela. Muitos galegos deberiamos seguir este exemplo non vaia ser que dentro de mil anos eles sigan coa súa fala e en Galicia xa non exista o galego.

Etiquetas: , ,

luns, 17 de decembro de 2007

Dúas boas cousas

Cos blogos un pode falar do que queira e tamén dar a coñecer iniciativas concretas. Hoxe é o día establecido para falar varios blogos do caso de Flavia, unha moza que leva muitos anos en coma por un defecto no sistema de succión da piscina. Se queres saber máis do caso podes consultar o blogo escrito pola nai de Flavia.
Tamén hoxe quero dar a coñecer a iniciativa dunha amiga que quere facer un blogo colectivo de xente relacionada co autismo. Se alguén quere axudar xa sabe onde dirixirse.
E iso é todo por hoxe, que non é pouco.

Etiquetas:

domingo, 16 de decembro de 2007

Reis magos VS Papa Noel



Non sei se é impresión miña ou non pero semella que este ano hai menos Papa Noeles agabeando polas fachadas das casas e ata hai en troques algúns Reis Magos coma os da foto. No centro comercial os comercios desexan Merry Christmas e a megafonía pon panxoliñas andaluzas e anglosaxonas e un mínimo de panxoliñas galegas. Nunha xoguetería de urxencias oín unha conversa entre unha señora e unha nena.

Señora: - A quen pediches os regalos, a Papa Noel ou aos Reis Magos ?.

Nena: - Aos Reis Magos, claro.

S.: - E por que ?.

N.: - Porque teñen máis cartos.

S.: - E por que teñen máis cartos ?.

N.: - Pois porque son reis.

Sabedoría infantil.

Etiquetas: ,

sábado, 15 de decembro de 2007

Vídeo duns primeiros pasos

O prometido é débeda e aquí poño un vídeo do Leo camiñando cun pequeno tombo sen consecuencias que levou ao final. Cousa lóxica cando un só leva oito días de experiencia nisto de camiñar sen axuda.

Pasa boa fin de semana anque sexa tan fría neste hemisferio.

Etiquetas:

xoves, 13 de decembro de 2007

Paquete de Nadal



Hoxe recibín o paquete de Nadal que dan na empresa. Aparte dos productos viña cunha nota onde explica a orixe dos paquetes de Nadal. Eu non sabía a historia e gustoume iso de empezar un ano novo con dóces.

Etiquetas: ,

martes, 11 de decembro de 2007

Gamberradas

Esta noite pasada levei un susto mentres paseaba a Colín. Oín un estoupido enorme que pensei que era unha canteira cercana pero extrañoume que fose de noite. Hoxe xa saiu na televisión dicindo que o da noite pasada foi unha gamberrada de tres rapaces. Pois vaia gamberrada !. Eu creo que foi unha animalada. Para min gamberrada pode ser escribir nas paredes e portas anque se escribes o da foto ata ten gracia.






PS: acabo de oír un petardazo agora mesmo, ás once e nove minutos da noite do día once de decembro. Sairá mañá nas novas ?.

Etiquetas:

luns, 10 de decembro de 2007

Xoguetes

Estes días ferve a televisión con propaganda de xoguetes: dende os máis sinxelos ata outros que son case inimaxinables. Un exemplo poden ser os peluches. Antes os peluches eran sinxelos e representacións de animais típicos coma cans, gatos, osos, coelliños e pouco máis; pero agora diversificouse a oferta de tal maneira que hai polbos e ornitorrincos. Eu pensaba que o ornitorrinco era un parrulo porque se apretas fai "cua, cua" pero é un ornitorrinco porque ten catro patas en vez de dúas patas e dúas ás. Iso si, os xoguetes semellan ser case todos da mesma marca: " más de 30 euros ". Menos mal que os pais non son os que mercan os xoguetes...

Etiquetas:

domingo, 9 de decembro de 2007

Matanza


O día seis foi o día da matanza. Aquí vou tratar de relatar como se fai así que se es sensible deixa de ler aquí.
Para sacar o porco do cortello amárraselle unha corda cunha lazada polo fuciño aproveitando un momento que abra a boca. Entre varios homes puxan ao animal fóra agarrándoo polas orellas un e outros puxándoo polos costados. Cando está arrimado ao banco da matanza levántase o porco polas patas ata o banco onde se amarra con cordas. Cando o porco está tranquilo e ben suxeito o matachín crávalle o coitelo na gorxa mentres unha muller recolle o sangue cun balde e remexe o sangue para que non calle. A agonía dura pouco e logo toca baixalo ao chan enriba duns paus. Pónselle unha pedra na boca para que non a peche e toca chamuscarlle o pelo. Préndeselle lume a fentos secos que se distribúen polo corpo do animal. Logo fanse fachucos de colmo para chamuscar o pelo entre as patas e outras zonas onde non chegou o lume dos fentos. As cinsas apártanse cun fachuco feito de carrascos. Este momento é o ideal para soltar as uñas das extremidades. Logo toca lavalo que aquí facemos cunha hidrolimpadora pero que se facía antes cun cepillo e auga. Despóis dáselle un corte na cacheira dende a orella ata a boca. Cando escorre a auga toca colgalo cabeza abaixo. Ábrese pola metade e sácasenlle as tripas para lavar e tódalas vísceras. Déixase pendurado con loureiro para que non veña a vareixa. Ten que estar unhas horas para enfriar a carne.
No xantar cómese sangue fritido con mollo e azucre. Fálase da matanza e outros temas.
Pola tarde toca o despece. Primeiro córtase a cacheira e pártese en dúas metades. Cóllese un costado do porco cunha pata dianteira. Córtase a hombreira e asérrase a man aparte. Exprémese o lacón para que solte todo o sangue que se limpa cun pano. Do costado sae o raxo e os filetes. Tamén de aí sae a carne para facer chourizos. O resto do costado que é touciño e pel coa metade das costelas apártase para salgar. Así faise co outro costado. Logo tócalle o turno ao carrelo todo que é a columna vertebral. A carroleira, que son as vértebras do pescozo, queda para a noite para guisar con arroz. Despóis tócalle o turno aos xamóns que tamén hai que expremerlles o sangue e apartalos para salgar. O rabo queda tamén para salgar.
Mentres as mulleres pican a carne para facer chourizos o matachín despeza e outros homes salgan os xamóns, a cacheira, os lacóns, os ósos de soá, os touciños e o rabo. Para salgar úsase salmoira que é sal mollado con cebola de frotar a carne. Os pedazos de carne póñense na salgadeira ou maseira separados e cubertos por salmoira.
A carne dos chourizos mistúrase con sal, pemento dóce e pemento picante. A cebola e o allo quedan para o día seguinte cando se lle dá outra volta á zorza. Aínda se lle dá máis voltas dous días máis antes de embutilos na tripa.
E xa non sei máis. Se queres saber máis aquí deixo esta ligazón e esta.

Etiquetas: , ,

venres, 7 de decembro de 2007

O Leo xa camiña !

Onte fomos a Arbo que tocou a matanza dos porcos que practicamente foi igual que a do ano pasado e ía facer un posteo co ela. Pero o que foi importante foron os primeiros pasos sen axuda do Leo pola casa de Arbo. Houbo un momento que se soltou das mans de Ana e botou a andar cos brazos en alto, mirando para as mans e abraiado de que ninguén o agarrase. Botou unhas andadas pola cociña e polo corredor con ida e volta. Había muitos espectadores e a festa foi grande. Aledámonos de que o Leo por fin se soltase. Agora toca andar atrás del máis atentos que antes.

Para celebralo poño un vídeo do Leo bailando cunha postal musical; de momento non teño vídeo do Leo camiñando.

Etiquetas:

martes, 4 de decembro de 2007

Descubrindo muiños

Onte dispoñía dun par de horas e decidín ir buscar zarrotas que foi o nome que aprendín para un tipo de cogomelos que xa comía o meu bisavó cando ía ás feiras de gando e botaba camiñando varios días e tiña que comer do que topaba polo camiño.
Bueno, que fun buscar zarrotas a un par de sitios que teño xa controlados e que non había nin a primeira. Así que ía dar volta co coche e mirei un cartel de muiños e parei. Víanse dous dende a estrada pero logo había máis nunha paraxe de postal de outono. Logo descubrín outro cartel e desta volta contei ata nove muiños aproveitando un regato costento. Todos estes muiños están restaurados pero non os traballa ninguén. Están a morrer como morren os fentos a medida que se aproxima o inverno. Lei de vida.

Etiquetas: ,

luns, 3 de decembro de 2007

Lotaría de Nadal



O outro día estivemos falando da lotaría e os seus premios e a ilusión que trae consigo. Eu non xogo a nada de quinielas, nin ONCE, nin lotarías, nin primitivas, nin bonoloto, nin nada. A única excepción que fago é cando é a lotaría do Nadal. Entón si que merco participacións sen muita confianza en que toque porque sei que vou morrer pobre de cartos. Hai xente que se pon triste se non lle toca un premio pero eu penso que o premio máis grande que podemos ter é o de que nos sobren cartos para mercar lotaría... O resto sobra.

Etiquetas: