leoeosseus

Wednesday, 30 April 2008

Río Louro



Na imaxe está o Leo observando o río Louro ao seu paso por Vilaguindastre. Non se sabe a orixe do nome do río e pode vir dun sinónimo de pedra ou da cor das augas. Eu aventuro outra opción; ao millor o nome significa río revolto que é o que significa río louro para xentes da Limia baixa. Xentes que conservan algunha delicia da lingua como a forma ningures que había muitísimo tempo que non a escuitaba en boca da xente do pobo.

Labels: ,

Tuesday, 29 April 2008

Que me pique un pollo





Hoxe mostro o premio que recibín por partida dobre. Por unha banda foi paidovento quen me deu este premio e por outra banda chegoume da man de d'Agolada. Non sei exactamente que se premia pero é un premio simpático e é benvido.


Non acostumo a premiar a ninguén en concreto e seguirei co este costume. Pero podes considerarte premiado por lerme e comentarme que é unha das razóns pola que escribo.

Labels: ,

Sunday, 27 April 2008

Dezanove meses


Hoxe o naipelo fai os dezanove meses. Anda lixeiro e curiosea en caixóns e portas e gústalle arrastrar roupa pola casa adiante e ordear os zapatos en orde e logo metelos en sitios distintos. Segue medrando e ampliando horizontes. Xoga con coches e follexa libros e catálogos e ponse feliz con Pocoyó e Blas. Na rúa sinala a tódolos coches, motos e camións que ve. Segue probando de todo á hora de comer e vai collendo garfos e vasos pero emporcándose todo. Na cuestión da fala segue nas mesmas e non solta palabra. Iso si, fala extraterrestre el só cando xoga. Gústanlle os rapaces e está " enamorado " dos curmáns. Cos adultos descoñecidos vólvese tímido pero con tempo afaise a eles... E así vai.

Labels:

Saturday, 26 April 2008

O negociante



Esta casa de Vilaguindastre éche ben curiosa e non pola antea parabólica ou a videira de máis de seis metros de alto, non ho. Esta foto reflexa a parte posterior daquela tenda que retratei hai algún tempo. Seica o dono é un negociante que aforra en todo e traballa con ese camionciño que é unha reliquia. E aforrando e gañando e co que herdou pois hoxendía ten un bó anaco de Vilaguindastre.
Eu coñecinlle as dúas fillas e cunha coincidín no autobús que nos levaba ao CUVI. Un día falei co ela e díxome, co seu castelán con forte acento inglés, que eu tiña un cutis bonito.
Bueno, pasou o tempo e non sabía nada dela así que preguntei ao señor Google e díxome que hoxe exerce de profesora de economía. E supoño que será boa se sae ao pai porque como esteticista... como que non lle miraba eu muito futuro.

Labels: ,

Wednesday, 23 April 2008

Día do libro 2008



Hoxe Ana deume unha alegría porque me regalou un libro. Aniña ten deses detalles sorpresa que fan dela que sexa marabillosa.

E para celebrar o día do libro poño unha foto que fixen pola imaxe que me chocou e que ogallá estivese máis extendida. Na foto saen un grupo de cinco amigas ben noviñas que mercaron cadanseu libro no aeroporto e que se poñen a lelo mentres agardan polo avión.

Labels:

Tuesday, 22 April 2008

Meme de Enjut@ Mejut@


A Caperuzita encargoume un meme e vou facelo.

Voz en off> Cantas horas ao día de media pasas conectad@ a Internet?Enjut@> Eu calculo unhas dúas horas nos días laborables e máis nos festivos.

Voz en off> Cantas contas de correo tes?Enjut@> Dúas.

Voz en off> De cantas redes sociais es?Enjut@> Ningunha.

Voz en off> Que che gusta máis para te expresar: o blog, o wiki, flickr ou twiter?Enjut@> Eu emprego o blogo. Usei o flickr hai anos e estou tentado de abrir un fotolog. Pero creo que o blogo é o millor para min.

Voz en off>Cantas blogueiros coñeces persoalmente?Enjut@> Pois tería que facer contas porque coñezo algúns por unha xuntanza en Santiago hai case dous anos. Logo está Veloso e algún veciño. Aparte coñezo unha familia de mulleres blogueiras alá por Marín. Espero coñecer máis na xuntanza de Agolada o 31 de maio.

Voz en off> Cantas blogueiros les habitualmente?Enjut@> Eu procuro ler as ligazóns do meu blogo e algún blogo máis que apareza nos comentarios ou noutras ligazóns.
Non sei a quen mandarlle facer este meme así que quen queira que o faga.

Labels: ,

Monday, 21 April 2008

Pinocho


O outro día falei da Pinoucha que eu imaxinaba fea e cun nariz longo, supoño que polo parecido co nome de Pinocho. E falando do tal regalámoslle o libro publicado por Kalandraka a un curmán do Leo. Eu merqueino polos debuxos marabillosos que ten. Pero a historia mételle medo ao curmán do Leo polas desventuras que pasa Pinocho. Entroume a curiosidade e eu lino tamén ( a verdade é que nunca lera a historia ) e a historia de Pinocho é ben triste e non me extraña que o rapaz teña pesadelos. Nótase que foi escrito noutros tempos e non é unha historia para nenos de hoxe.
Que se lle vai facer ?; un non vai atinar sempre cos agasallos.

Labels: ,

Friday, 18 April 2008

A Pinoucha



Non sei polo que pero este tempo de chuvia faime lembrar tempos pasados e lembrei a historia da Pinoucha. No colexio corría o rumor entre os rapaces de que había unha muller que quería secuestrar nenos. Cando tocaba o pito do fin do recreo corriamos para clase e " facer a gata " ou faltar a clase para pasear era mui perigoso. Nunca cheguei a saber se existía esa muller e dicían que lle morreran dous fillos sendo pequenos e que toleara e que quería ter nenos na casa e por iso ía polo colexio buscando nenos que estivesen sós.

Hai uns días enteireime de que existe unha lenda parecida e supoño que terei que mandar a miña versión a Galicia encantada.

Labels:

Wednesday, 16 April 2008

Glamour



A orixe dunha palabra ou a súa etimoloxía segue uns camiños ben curiosos e, ás veces, simpáticos. Así o outro día descubrín a orixe da palabra glamour. Da verba grega grammata que significa letra saiu a verba inglesa grammar que é o estudo das palabras. Para a xente do vulgo a xente que dominaba a escrita era unha minoría que tiña como uns poderes máxicos. Pasaron os séculos e a pronuncia da palabra cambiou influida polo inglés de Escocia e pasou de grammar a glamour e tamén o significado foi modificándose ata chegar ao actual glamour que sería algo así como encanto especial dunha minoría privilexiada ... e que hoxe, curiosamente, non se caracteriza polo bó dominio da palabra e da gramática !.

Na foto poño un exemplo de antiglamour nun cartaz de Vilaguindastre con ese " combirte " tan rechamante.

Labels:

Monday, 14 April 2008

O arco do trono e as reghateiras de Abril


Esta fin de semana houbo chuvias intermitentes con momentos de sol. Isto en Arbo chámanlle reghateiras de Abril. Tamén houbo momentos nos que saiu o arco do trono, nome con que se conoce o arco da vella. Eu quería fotografalo pero non o dei pillado. A ver se no futuro cazo un arco do trono.

A foto que poño é da interrede.

Labels: ,

Thursday, 10 April 2008

Monte Castelo


Teño falado en varias ocasións de Vilaguindastre pero nunca falei do monte Castelo. Este monte érguese dominante sobre Vilaguindastre e, como di o nome, en tempos tivo un castelo nos penedos que os Irmandiños conseguiron derrubar. Hoxe perdeu o valor como punto defensivo e adquiriu o valor de pancarta xigante. Hai trinta anos tiña unha pintada que dicía: " SOLO CRISTO SALVA " e que durou un feixe de anos. Corría o rumor de que a escribiu un xitano como promesa que fixera a Cristo se salvaba á súa muller dunha enfermidade grave. Nese tempo tamén había unha pintada máis pequena que puña: " TE QUIERO ". Estas dúas pintadas xa desapareceron lavadas polo tempo. Cando foi o do Prestige apareceu un " NUNCA MAIS " do que o tempo borrou parte. E agora loce un " DISELO " inmenso do que a orixe é un misterio.
Unha cousa teño clara, quen escribiu iso fíxoo por amor, amor a unha persoa ou a unha terra, non sei; pero sei que é por amor.
Se clicas na imaxe podes ampliar a foto e ler a mensaxe.

Labels: ,

Wednesday, 9 April 2008

Un ano en Torredocaminho


Hoxe fago un ano traballando na Torredocaminho facendo alimentos animais e, mirando o que chove, alédome do cambio de traballo que fixen naquel día. Non só era malo traballar no exterior coa chuvia senón os riscos de accidente que corría un.
Alédome de que esta foto pertenza ao pasado.

Labels:

Tuesday, 8 April 2008

Ruinas nas Gándaras





Estes días de chuvia tiran por baixo muitas flores como as glicinias que saen na imaxe de arriba.


O edificio coas glicinias é unha ruina antes de inaugurarse porque ía ser un centro de interpretación das gándaras do río Louro que son un humedal que malamente sobrevive entre as industrias de Vilaguindastre.


Non sei por que razón a obra non seguiu adiante e podes ver o interior do edificio abandonado na foto de embaixo onde sae o Colín " visitando " a instalación o ano pasado, cando tirei estas fotos.


Unha cousa é certa: mágoa de cartos tirados.


Labels: , ,

Monday, 7 April 2008

Cambio climático



O tempo está tolo: onte fixo un día de praia e hoxe choveu a rabiar.

Na foto está a portada do número de marzo da revista Retranca que me fixo muita gracia. Espero que o cambio climático quede só no papel e non se faga realidade.

Labels: ,

Friday, 4 April 2008

Alberto Vázquez Figueroa

No verán de 2001 aproveitaba muitas das horas de calor despóis de xantar para ler nas escaleiras desta casa de Acedre. Daquelas a casa estaba abandonada e sen restaurar e eu lía sen molestias novelas de Alberto Vázquez Figueroa, un escritor que foi un ídolo para min muito tempo.
E onte ( bastante tarde, por certo ) enteireime de que deixa descarregar gratis a súa última novela e dá unha razón que me encantou: " En canto ao feito de ofrecelo gratuitamente en Internet teño claro que quen o descarregue na rede nunca mercaría a miña novela, ou sexa, prefiro que me lea gratis a que non me lea.
Tal vez a próxima vez se decida a mercar un libro anque non sexa meu. "

Labels: , ,

Thursday, 3 April 2008

Dominios



No traballo temos outro mecánico pero que se caracteriza polo dominio da palabra e así para dicir que ninguén é perfecto di: " o que non cae, esbara " e prodiga refráns no momento oportuno e así falando dun home coxo que é mala persoa soltou aquilo de: " de home coxo e can rabelo fíate coma do demo ".

Outro dominio que ten é o da navalla porque prona a fruita con mestría. Supoño que será unha destreza da xente con máis idade.

E de proba deixo a foto tirada en Acedre duns xugos e arados tallados a man por un velliño.

Labels: , ,

Wednesday, 2 April 2008

Día mundial de concienciación sobre o autismo



Hoxe é o día mundial do autismo e quero saudar especialmente a mamiago, fada branca e abueloscrisytoño ( a quen lle roubei a foto ).

Vai por elas e as súas familias.

Labels: