leoeosseus

Sunday, 29 June 2008

Polo san Pedro regha a medo



Sempre que vou a Arbo aprendo historias e palabras descoñecidas. Hoxe é san Pedro e saiu na conversa o dito " Polo san Pedro regha a medo " que significa que hai que regar con control. A bisavoa Celia empezou a falar das regas de hai máis de corenta anos. Empezaban o día de san Pedro. Existía o minuteiro, un home que levaba reloxio e controlaba os minutos de rega que lle tocaba a cada veciño. Cando chegaba o cambio de turno cun asubío pupaba e sabía o veciño que tiña que facer a tola, o desvío na levada de auga para que fose á súa veiga. E así día e noite para aproveitar o tempo e a auga. Os veciños xuntábanse a esperar e mentres falaban e contaban contos.

Bueno, historias doutros tempos.

Labels: , ,

Friday, 27 June 2008

Vinteún meses



Hoxe o Leíño acadou os vinteún meses de idade e segue sen despedirse da teta. Come ben e está tolo polo pan que é a súa sobremesa favorita. Encántanlle os " petits " e máis se son de chocolate; larpeiro que saiu. Ten bó humor e xoga muito cos coches. Tamén lle gusta ler os contos no seu idioma extraterrestre que de cada vez semella máis chinés ca outra cousa. Non di case nada: segue con " papá ", " aaga ", " aitá " ( aí está, que di cando topa algo ), " tatá " ( tractor, porque está enamorado do tractor do avóM e prefíreo a calquera veículo ), " fofó " ( flor, que dixo un par de veces ), " roró " ( río, que dixo un par de veces tamén ) e pouco máis. O resto son ruidos e dixo a señora do banco que os nenos intelixentes tardan máis en falar. E non sei se é verdade ou quere que metamos máis cartos no banco. Gústalle pasear e saudar á xente e mandar bicos polo aire coa man. Sorrille ás mulleres e aos nenos e bótalle broncas a Colín, un defecto que colleu imitándome. Segue coas rabechas cando non se lle cumpre o gusto pero é fácil de distraer.

Nada, que cada día avanza un pouco a base de imitar como cando molla un dedo para pasar unha páxina. Pero o simpático é que o molla despóis de pasar a páxina !.

Labels:

Thursday, 26 June 2008

Agarrada


Nesta foto histórica estou nunha andaina bastante inusual en min porque son pacífico anque teña os meus prontos.
A foto vén a conto porque cando hai unha situación violenta non sei como reaccionar e hoxe houbo unha agarrada no choio entre un compañeiro e o Orzowei. O Orzowei díxolle lindezas como: " vouche dar un patadón neses dentes ", " antes esperaba a que hubese unha revolución para matarte pero non vou esperar ", " burra falsa ", " voute seghir hasta o peto das ánimas ", " vou caghar nas túas cenizas ", etc, etc. E eu e uns compañeiros quedamos calados sen dicir nada.
Estas situacións non me gustan nada e supoño que o tempo suavizará os roces. Tamén eu levei unha mallada o día da foto e non gardo ningún rancor ao meu contrincante que só sei que era de Noia.

Labels:

Wednesday, 25 June 2008

Neoloxismos en galego


Hai veces que un queda calado pensando unha palabra galega para definir un concepto. Muitos obxectos novos non teñen palabra galega ou non a sei. Logo hai casos nos que aparece unha palabra nova coma " chimpín " para denominar o motocultor.
Hai uns meses aprendín a palabra " cauchos " que son como lle chaman en Arbo a esta especie de zocas plásticas da foto que desprazaron as zocas de madeira.
Outro neoloxismo que emprego eu é o " piscapisca " que é o nome humorístico dos intermitentes dos coches e que son unha curiosidade que o Leo busca en tódolos coches.
E así vai safando o idioma.

Labels:

Monday, 23 June 2008

Noite de San Xoán



Eu lembro de sempre esta noite coma unha noite especial. Lembro saltar por riba do lume. Cantar en corro arredor da fogueira. Ir buscar carros e portais para levalos a outro lado ou penduralos como o portal da foto, testemuña do san Xoán do ano pasado. Nunha ocasión estaba cunha rapaza diante da súa casa e entrou unha xente a roubar o carro do pai e o pai saiu e pegou un tiro ao aire. E noutra ocasión entramos catro amigos no cemiterio de Vilaguindastre e pillounos a patrulla da policía local e chimpamos polo muro fóra pero un amigo caiu nas mans da policía e pasou a noite no cabozo do concello. Lembro saltar por riba duns folios ardendo nun balcón dunha casa de Londres porque o compañeiro do piso, galego tamén, non quería deixar de celebrar o san Xoán...

Nada, que esta noite foi especial sempre e ogallá o siga sendo anque eu xa non participe nesas lideiras.

Labels:

Thursday, 19 June 2008

Boa sorte


Nestes días de exames quero desexar sorte a todos.

A imaxe foi tomada en Culleredo o ano pasado.

Labels:

Monday, 16 June 2008

Bern Chich



A figura da foto faime lembrar a Bern Chich. Bern Chich é un home elegante, de falar pausado e ollar clarísimo. Segue un horario espartano de madrugóns e unha dieta estricta. Percorre o seu territorio unha e outra vez e ata hai pouco facíao lendo noveliñas de vaqueiros e supoño que lle gustaría semellarse a un deles. Gustaríame darlle as terras do Baixo Lour cultivadas con uva e cenorias e abeiradas por un mar rico en mariscos e con rías estreitas que non asustasen a bandas de música que cruzan en barcaza. Gustaríame.

E de tal home non poderían saír malos fillos e tíoNan é un exemplo de xenerosidade, bó humor e sempre disposto a botar unha man. A raíña Kasege ten sorte e nós tamén.

Graciñas, tíoNan, por seres como és.

Labels:

Saturday, 14 June 2008

Os compañeiros: a orde da pedra




O outro día en Santiago topei de casualidade a recopilación dunhas tiras cómicas de Miguelanxo Prado con guión de Tino Fernández Maceiras. Saíran publicadas na Voz de Galicia nos anos 1980 e 1981. Gustáranme daquela pola calidade de debuxo e o texto co ese humor tan de aquí e non podo facer outra cousa que pór o exemplo da imaxe para darlles a publicidade que merecen. O título é: " Os compañeiros: a orde da pedra " de El patito editorial.
Para quen non o saiba, eu téñolle envexa aos bós escritores pero máis aos bós debuxantes.

Labels:

Friday, 13 June 2008

Servicios mínimos



A folga segue e son poucos os camións que se aventuran a saír. Como en todo hai clases e clases e se tés un camión ou dous de Transportes Manolo, por exemplo; a garda civil ou a policía non te acompañan. Pero se tés un feixe de camións xa tés escolta asegurada. Esta é unha proba máis de que non vivimos nunha democracia senón nunha plutocracia.

Na Torredocaminho dedicámonos a limpar, amañar e axeitar cousas. Iso si, hoxe saíron camións con pienso animal en servicio mínimo porque se non os animais morren á fame.

O pienso non é como a herba pero seguro que lles aproveita, coitados.

Labels:

Tuesday, 10 June 2008

Silencio



Silencio. Esa é a sensación que me deixa a folga de camioneiros. Paseo co Leo e a estrada está valeira coma nun domingo e a calor e o silencio dominan os sentidos. Silencio que facía falla para cazar lagartos arnais cun lazo corredizo feito dunha herbeira de avea. Agora non cazo arnais pero necesito o silencio igual para facerlles unha foto. Gústame o silencio cando rebumbia na miña cabeza.

Labels:

Friday, 6 June 2008

O " He asistido "



Coñezo un mozo fillo de galego e portuguesa que podería posuir tres idiomas pero que só corta un español rimbombante de verbos compostos e palabras técnicas que non veñen a conto. Chámolle o " He asistido " porque un día lle preguntei que tal resultara un xantar e dixo: " Ha sido la peor comida de empresa a la que he asistido ". Vaia, que el non vai ás comidas; el asiste. Pero foi máis simpático o outro día que lle dixen que o Leo durmía co cu para arriba pero con poucos meses durmía envurullado, encollido en si mesmo e o " He asistido " dixo todo gabacho: " Ah, entonces antes dormía en posición FECAL ".

Que teñas unha boa fin de semana.

Labels:

Wednesday, 4 June 2008

Folga de camioneiros


Estes días anda todo o mundo alborotado na fábrica porque os camioneiros queren facer o número maior de viaxes posibles antes da folga.
Esta situación faime lembrar o camión da foto que un día non pasou a revisión e pensaba que se ía retirar. O conto foi outro: quitáronlle a matrícula e metérono contra a súa vontade na fábrica de granito e aí segue camiñando en primeira e marcha atrás carregado con bloques inmensos castigado coma un Sísifo motorizado. Só lle queda que chegue o día que non sexa quen de andar e descansar para sempre.
Quen defende os dereitos das máquinas ?.

Labels:

Tuesday, 3 June 2008

Cotos e óqueles



O incendio de hai dous anos en Arbo deixou á vista muitos cotos que é como chaman aos penedos por estas terras. Chamoume especialmente a atención este coto que semella unha cabeza de león para min e non só para min que o Leíño en canto mirou a foto mandou un ruxido.
E, falando do monte, estes días andan veciños comprobando o estado da traída de auga que vén do alto. Un deles caiu nun óquele ou ocle. Eu descoñecía esa palabra e tiveron que explicarme que así é como chaman aos pozos que se facían antigamente no monte para buscar auga. Na actualidade están abandoados e case cubertos por terra e así o veciño tivo unha caída sen problemas.
En fin, dúas palabriñas máis rescatadas do galego falado para o galego virtual.

Labels: ,

Sunday, 1 June 2008

Agolada, vila agarimosa

Sabía eu que non ía marchar da xuntanza sen bó sabor de boca.
Fomos alá con gañas de coñecer Agolada e os blogueiros que se mostrasen e enchéusenos o corpo de datos e sensacións acumulados que son difíciles de expresar. Saímos de Vilaguindastre con visos dun día soleado pero polo camiño as nubes foron a máis e ameazaron varias veces ao longo de día pero remataron respeitando a xuntanza. Na praza do concello fomos xuntándonos blogueiros mentres nos recibían con música os rapaces da Charanga da Banda e Bicos da Balouta.





















Logo foi a sorpresa coa chegada de coches de época brillantes e preciosos para abraio de Leo e dalgún máis. Nese momento comezou o percorrido guíado polo cicerone Manolo Busto polas rúas dos pendellos onde explicaba a orixe das casas e pedras e relataba historias cun amor imposible de ocultar pola Agolada. O Leíño tivo nese momento un detalle simpático cando me sinalou e dixo " caca " todo cheo de razón. Daí chegamos ao escenario dos pendellos onde nos fomos presentando os blogueiros un por un. Houbo algúns que son verdadeiros oradores e outros que din pouco pero atinado e outros coma min que se atrapallan diante dun micrófono e que prefiren escribir a falar. No meu nerviosismo non lembrei agradecer á xente que organizou os actos do día, xente que se nota enamorada da súa terra e que reciben aos forasteiros cos brazos abertos. Volveu haber música e desta volta sentimos o son da zanfona que nunca oiramos na nosa vida. O Leo desentendeuse do protocolo e percorreu tódalas pedras arriba e abaixo seguido de Naideleo que sen ela non podería eu desfrutar de gran parte do que se escoitou e coñeceu no día enteiro. Despóis dun viño e uns pinchos seguiu algunha presentación máis e logo tocou seguir aos gaiteiros de Bicos da Balouta que nos guiaron ata o restaurante. O Leo estaba canso e durmiu co son das gaitas e botou a maior parte do xantar dormido. No xantar houbo proxeccións de imaxes de Agolada e agasallos para todos.
Ás cinco e medio recolleunos un autobús que nos levou ao Sobreiral do Arnego pasando por terras que lembraban un pouco os EEUU. O percorrido polo Sobreiral estivo moi ben aínda que o coche do Leo tivese algúns problemas de paso. Pero entre todos puido facerse sen moita novidade. Chegados a un punto falounos Marcial sobre o sobreiral e a súa problemática e os desexos que hai de que se manteña para sempre. Rematou a camiñada e volvemos en autobús para os pendellos onde cantou Maruxa de " Fuxan os ventos ". E foi despóis que fixemos nós unha despedida á francesa, ou sexa, sen despedirnos; de Agolada, a súa xente, os seus músicos e os blogueiros que compartiron o día connosco.


A todos graciñas de Leo e os seus polo día inesquecible e polo trato recibido.

Labels: ,