Lembro a primeira vez que saín de Galicia. Non, non me refiro a ir a Portugal que xa tiña ido moitas veces e cruzado a ponte internacional de Tui con cartóns de leite ao lombo porque había un cupo de leite por coche pero os peóns podían levar o que quixeran. Entón miña nai traía leite no coche e esperaba por min a que cruzase a ponte e a alfándega con máis leite. Non, non me refería a Portugal. Refírome a España. Foi na viaxe de fin de curso de octavo de EXB e fomos á costa mediterránea. Lembro as boas temperaturas e unha auga morna coma caldo esperando por unha culler. Tamén lembro pasalo ben e comer galletas de gratis que nos dera unha rapaza que traballaba no supermercado do cámping e que era galega coma nós. O que si non nos chistaba eran uns rapaces que se metían con nós polo acento galego e que dicían " Gallegos, gallegos, gallinas, gallinas " sen vir a conto. O profesor que ía con nós dicía: " Non lles fagades caso "; e os rapaces seguían e seguían. E chegou a víspera da nosa marcha e estabamos todos na terraza do restaurante. E os rapaces teimaban coa parvoeira e nós aturándoos e o profesor: " Tranquilos ". E chegou a hora da queimada, ritual de despedida de festa que non debe faltar. E os nenos rindo mentres o profesor botaba os ingredientes e o profesor tranquilo. Chegou o momento de prender lume e xa os nenos calaron. Entón recitamos o conxuro e os nenos xa empezaban a inquedarse. Pasou o tempo e o profesor meteu o dedo na queimada que tiña no cullerón. Os nenos quedaron abraiados coa boca aberta cando viron aquel dedo ardendo co ese lume azul lixeiro. Logo soprou e chupou o dedo e deunos a probar aos seus alumnos que repetimos a operación coa naturalidade de quen fixo iso moitas veces. Logo o profesor ofreceulles queimada ardendo para que probasen co dedo eses rapaces e eles refusaron facelo. O profesor mirou para min e chiscoume un ollo. Empezamos a beber e os rapaces marcharon. Eu alcancei a oír algo de que os galegos eran uns bruxos. Naquel preciso momento decateime de que me identificaba coa miña xente galega, xente capaz de meter un dedo no lume e non queimarse.
Este texto e foto foron a miña aportación para o Proxecto Identidade, un libro con fotos, debuxos, poesías e textos de varios blogueiros e que me tocou de premio nun sorteo feito por Besbe, unha dos argallantes do Proxecto.
Graciñas, Besbe.
Etiquetas: interrede II