leoeosseus

Friday, 30 November 2007

Español de telenovelas


Onte tomei o bocata por primeira vez no bar enfrente da Torredocaminho. Cando entrei estaba a camareira soa e arrimada á estufa de leña e mirando a tele. Ergueuse, saudeina e pregunteille de que había bocadillos. Ela recitou con acento estranxeiro unha lista pequena e eu escollín. Despóis de comer o bocata pregunteille de onde era e díxome que romanesa e que levaba dous meses aquí. Díxenlle que falaba español ben para levar só dous meses aquí e díxome que o aprendeu vendo telenovelas. Díxomo cunha candidez enorme e cun sorriso dunha rapaza optimista que mira o futuro sen medo. Desexeille sorte. Ela sorriu outra vez e dixo " grasias ".
Alédome de que estea aquí: este país necesita xente así.

Labels: ,

Wednesday, 28 November 2007

Big bag



No traballo hai unhas sacas enormes de mil quilos. Chámanlles " big bag " en vez de chamarlles sacas grandes. Non sei porque teñen o nome en inglés se a xente descoñece o significado nin sabe como pronuncialo. Óese " bicbac " por aquí, " biobá " por alá, " bijbaj " por acolá e ata eu digo " bimbán " de broma.
No inglés teñen un problema parecido coas palabras foráneas e así un barrio de Londres chámase " elephant and castle " ( na foto ) en honor a unha muller que era " la infanta de Castilla ". Pero eu ademáis coñecín persoalmente un caso parecido cando facía sanduiches en Londres no " Pret a Manger ". Un ingrediente dos bocatas veganos era a alfalfa que viña de España. Os ingleses na súa vida sentiran falar de tal ingrediente e etiquetaban os paquetes escribindo " alfa alfa "...Supoño que así parecería un ingrediente máis nutritivo.
En fin...

Labels: ,

Tuesday, 27 November 2007

Catorce meses



O Leo fixo hoxe os catorce meses. Camiña agarrando unha man dun adulto ou agarrado a un dedo e exprémeos con forza. Aínda ten medo a soltarse a andar só pero calquera día sóltase. Iso si, agataña máis rápido ca un adulto e gústalle explorar. No falar segue sen dicir palabras aparte de " mamamama " e " papapapa " e non sempre. Dorme bastante ben en xeral e tamén come ben e aínda toma teta. Xoga co pan e chucha as patacas fritidas pero hai que darllo que el non os colle para comer. Ten oito dentes e bastante forza e xenio e encomódase se lle din que non a algo que quere facer ou tocar. Gústalle xogar e falar só e encántalle prender a televisión. Tamén baila movendo o cu con cancións. No baño protesta cando lle botan auga pola cabeza e hai veces que é unha pelexa poder mudarlle o cueiro.

Vamos, que o Leo segue indo para adiante ó seu ritmo.

Labels:

Monday, 26 November 2007

As crónicas de Gáidil



 
Este ano as pupieiriñas estiveron lixeiras e o Leo máis eu recibimos dous agasallos dos que deixan pegada. Un era un fermoso libro de Kalandraka coa historia dun osiño que vai para cama despois de cear e bañarse. E o outro é o libro de rol " As crónicas de Gáidil ". Co que non contaba eu é que na páxina 61 aparecen Acedre e o seu fillo " O León " como habitantes de Grania. Este detalle produciume un arrepío e fíxome soltar algunha bagulla de ledicia: non tódolos días un pasa a ser inmortal ó convertirse en personaxe dunha obra escrita !.


Muitas gracias Breogán e Jan: sabedes chegar ó corazón.

Labels:

Sunday, 25 November 2007

Tartaravoa Mercedes



Hai días que hai sorpresas e onte foi un deses días. Puiden facer esta copia dixital da tartaravoa Mercedes que fixo esta foto co seu fillo maior para mandarlla ó seu home Pepe que estaba na Arxentina no ano 1912. Esta é a foto máis antiga que temos da familia e publícoa para pedir o fin da violencia entre homes e mulleres. Ó fin e cabo todos somos metade home e metade muller, nonsí ?.

Labels:

Thursday, 22 November 2007

O Cocheno



Esta chalana da foto non quere dicir que extrañe o verán que si o extraño. Resulta que esta chalana é de " O Cocheno ": un velliño que está durmindo ou descansando debaixo da sombrilla na praia de Abra. Espera que suba a marea para puxar a chalana ata a auga e nunca lle faltan vontarios para puxala entre a xente que toma o sol. Chámanlle cocheno porque ten o reloxio na man dereita e usa a man esquerda para todo. Cocheno vén a dicir zurdán, esquerdeiro, manecho ou home que usa máis a man esquerda que a dereita. E lembrei a este home mirando ó Leíño puxando un coche de xoguete coa esquerda e pintando nos papeis cun lapis na man esquerda. Aínda é cedo pero pode ser que o Leo saia cocheno... O tempo xa o dirá.

Labels: ,

Wednesday, 21 November 2007

Manolo " das cabras "



Pois si, as chivas espirran e moven a cola a unha velocidade tola. Quen pode saber muito das cabras é Manolo " das cabras ". Ía levar un rabaño delas a pastar e cando estaba libre de traballos xuntábase cos rapaces. Sempre soltaba a cantinela de " Cu, cu...tapa o cu. Cu, cu...tápao tu ". Pero aparte diso tiña dúas cualidades que o facían un superhome ós ollos dos rapaces inxenuos que eramos. Unha era que tiraba as pedras a unha velocidade que as facía zoar polo aire e outra era que era quen de meter a lingua polas ventas do nariz. Agora pasaron os anos e ata eu son capaz de lograr tales proezas. Quen sabe se eu tamén chegarei a ser unha especie de ídolo para algún rapaz incauto...

Labels: ,

Monday, 19 November 2007

Espirran as cabras



Parece mentira que ata hai ben pouco facía sol e bo tempo. Xa non facía calor pero había un soliño que convidaba a pasear. Hoxe empezou a chuvia desexada por muitos pero co ela veñen as catarreiras, toses e espirros. Por certo, por aquí cando unha persoa espirra dicimos: " Espirran as cabras, cheiran os castróns " ou " Espirran as cabras, ventan nortada ". Non sei a orixe destas frases humorísticas pero semella que as cabras valen para todo xa que no traballo chámanlle " pericas " ás carretillas e " pericas " son ... cabras.
En fin: a mal tempo boa cabra , digooo, boa cara.

Labels: , ,

Saturday, 17 November 2007

Magosto e pincha

Aproveitamos este novembro seco de máis para ir ó monte e asar chourizos e castañas en boa compaña. E despóis da sobremesa houbo unha partida de pincha, nome polo que se coñece a billarda por esta zona. Este xogo ten varios nomes como cachiza pola zona de Tomiño, escanícula en Redondela, lipe en Marín, etc, etc. Só faltou no magosto enfarruscar a cara coas cinsas da fogueira. Quedará para o ano que vén...

Labels: ,

Thursday, 15 November 2007

Cruzándonos no camiño


Hai veces que cando vou xantar me cruzo no camiño cunha rapaza que conduce un coche coa pegatina de " Naipelo a bordo " en catalán. Saudámonos coa man pero a próxima vez vou dar un paso adiante e mandarlle un bico polo aire. Por riquiña.

Labels: ,

Tuesday, 13 November 2007

Obelix no choio


No choio hai un camioneiro que semella ser Obelix. É grande e forte e gasta bigote. Aguanta o frío e levanta os sacos cun suspiro. Gústalle falar e fai comparacións simpáticas como chamarlle gharroucha ó camión ( gharroucha é unha especie de guindastre de obra para levantar pedras ). O tal home non caiu de pequeno dentro dunha marmita de poción máxica senón que deixou de fumar e de ser un asubío con bigote pasou a ser un Obelix que aguanta o frío destes días.
Mañá voltarei velo e imaxinarei que estou nunha aldea gala, os romanos seguirán estando tolos e eu seguirei sendo amigo de Obelix... Por sorte para min.

Labels: ,

Sunday, 11 November 2007

San Martiño

" Polo San Martiño, mata o porco e proba o viño ". Non se matou o porco pero si se probou o viño e está bo, bastante bo. Tamén comín castañas cocidas con néboda e están máis ricas ca con fiuncho. E tamén comín castañas asadas.
Vamos, que case só faltou botar a bailar o pión para ter o San Martiño completo.

Labels:

Wednesday, 7 November 2007

Papapapapapa



O Leo xa leva algúns días dicindo " mamamama " cando mira a Ana pero hoxe sorprendeume cando entrei pola porta da casa e agatañou cara a min dicindo " papapapapapa ".

Non sei que dicir. Gustoume.

Labels:

Tuesday, 6 November 2007

San Cucao



Sempre aparecen misterios que non son doados de aclarar como esta escaleira nun penedo de Arbo que non se sabe de onde vén e a onde vai.

Outros misterios teñen explicación. Só hai que buscarlla. Como o misterio dos camións asturianos de San Cucao. Eu pensaba: San Cucao, San Cucao, quen é San Cucao ?. Pois parei a averigualo e souben que era san Cucufate pero en asturianu. En catalán ten un nome bastante coñecido: san Cugat. Pero en galego ten un nome que nin soa a galego: Covade ou Cobad. E non estou inventando nada que sae na wikipedia. O que pasou ese home foi muitas torturas pero saía ben delas e ó final tiveron que cortarlle o gañote. Este santo é bo para topar cousas perdidas.

Labels:

Monday, 5 November 2007

Uito



Uito é como lle chaman ó oito pola zona de Arbo e vén a conto porque queren que fale sobre oito cousas tres blogueiros: Oko, Pau e Rosa Enríquez. E haberá que lles facer caso porque senón chegan a ser oito os blogueiros que me invitan a facer o meme.

Eu non sabía de que oito cousas podía falar e matinando, matinando; podo falar dos oito países que me gustaría visitar e polo que. Podería falar de oito odios, oito quereres, oito animais, oito libros ou oito blogos pero hoxe decidinme por oito países.

De sempre me gustaron os mapas e a xeografía e cando me regalaron o atlas da foto durmía co el debaixo da almofada. Gustábame e gústame viaxar coa imaxinación e un mapa para min é un mundo para descubrir. Medrei e foron mudando os meus gustos e fun coñecendo algo do mundo que me rodea pero aínda quedan oito países que me gustaría visitar.

1 . Australia: sempre me chamou a atención pola súa fauna e os aborixes australianos. Tamén porque son parte das nosas antípodas.

2 . Rusia: a súa grandeza e diversidade de paisaxes e xentes é un imán para min. Facer a rota transiberiana non ten prezo.

3 . Xapón: é un país relativamente pequeno pero cheo de personalidade e os xaponeses que coñecín son mui agradables. Ata hai xente como masashi: un xaponés con alma galega !.

4 .O Cono Sur: xa sei que non é un país pero Arxentina e Chile serían imprescindibles para visitar e disfrutar. A illa Chiloé téñoa idealizada coma unha irmá de Galicia.

5 .Canadá: outro país grande que quixera percorrer nas súas grandes extensións despoboadas.

6 .Grecia: este pode considerarse o país máis asequible pola proximidade. O que me chama deste país é o seu mar e a súa historia que é a precursora de gran parte da nosa cultura.

7 .Brasil: outro país grande con paisaxes irrepetibles que fan del un mundo variado e vivo.

8 .Costa Rica: temos unha amiga que fala del marabillas e cun falar que é de conto. O que di e o que sei do país ( que non ten exército ) fan del un paraíso para o meu entender.

Xa sei que hai máis países e que quedan atrás pero a escolla é difícil e algúns tiñan que quedar relegados.

E pásolle o relevo a paidovento, Manolo Busto, a Mr. Tichborne, Nébeda, Peke, Mer, la abuela Cris e Vanessa de Santiso.

Xa sabedes: hai que escribir de oito cousas, as que queirades; e logo embarcar a oito " vítimas " para que falen sobre outras oito.

PD: Tamén a Rifenha me embarcaba no meme.

PD 2: E xurxocimadevila atacaba.

Labels: ,

Saturday, 3 November 2007

Os calacús mandan



Hoxe os rapaces tallaron calacús. As sementes foron para unha bulsa e quedaron para ser prantadas alá por abril e así os calacús nacen no próximo outono. Catro mulleres levaron o rei Calacú ata o concello nunha padiola e viñeron de volta coa música dunha charanga. Tamén houbo castañas e viño e a organización pensa facer un concurso de espantallos no mes de maio que sería o primeiro de Galicia.
En fin, que isto segue adiante.

Labels: ,

Friday, 2 November 2007

Lembranza da aldea



Onte visitei terras da miña infancia nas vacacións. Tras esa porta durmía eu co meu irmán nunha cama cun colchón de lá que se afundía. O chan de madeira renxía por nada e o aire e ruidos corrían polo teito e o tellado. O sol entraba polo cristal de mañá e o bruar das vacas e o ornear do burro daban os bos días. Fóra estaba a zofaina para lavar a cara polas mañás e embaixo estaba a corte das vacas onde se " obraba " ( facer as necesidades ) e logo iamos á cociña a almorzar leite recén munxido.

Con poucas cousas e aire limpo eramos felices e pasabamos o tempo. Agora imaxinar en repetir isto mete preguiza e reparo pero de pequeno era unha aventura que quedou marcada a ferro para sempre.

Labels: , ,