
Nesta volta ao frío apetece arrimarse ao lume e escuitar historias como a que contou o avóM onte. Canto tiña uns oito anos díxolle a súa avoa: " - Colle a cabra que imos botarlla ao castrón. Temos que levala ao Demo". El abriu os ollos e preparouse para coñecer ao Demo en persoa; unha personaxe da que lle falaran na escola, na igrexa e na casa. Tiña algo de medo pero ía coa avoa así que non había perigo. Andaron uns dous quilómetros e subiron á derradeira casa da aldea á beira dunha fonte. O Demo resultou ser un home moreno, coa cara enxuita e o pelo peiteado para atrás. O avóM non perdeu detalle do que falou e dixo e de como era o casoupo coas cortellas e quedou contente de coñecer ao Demo e de perderlle o medo. O que non sabía el é que acabaría casando cunha muller desa casa e contaría esta historia nesa mesma casa.






















