leoeosseus

Saturday, 28 February 2009

Sorteo do viño


Metín os vinte números co seu nome correspondente nun calacú de halloween e foi a man inocente do Leo a que sacou o papel co número 18 que corresponde ao Raposo.

Agora teño que percorrer blogos a ver se me tocou algo xa que fixen os deberes e teño reflexionado o meu voto para mañá.


E aquí deixo o vídeo do sorteo.


video

Labels:

Friday, 27 February 2009

Vintenove meses


Vintenove meses xa son os que leva o Leo entre nós. Recuperou quilos dende que estivo malo o mes pasado e progresou bastante no falar. Fala só e canta muitas cancións no seu idioma e ata sabe algunha en inglés. Esta semana estivo cos curmáns e parece que espabilou en tódolos sentidos porque anda mui activo e non dorme a sesta e proba comidas imitando aos curmáns. Tamén ten momentos mimosos e ciumentos e non quere saber nada da gardería estando os curmáns na casa.
Mañá o Leo será o encargado de ver a quen lle corresponde o viño de Arbo do meme do traste galego.

Labels:

Thursday, 26 February 2009

O Leo aprendendo


O outro día sorprendeume o Leo contando ata cinco nun libriño para aprender a contar. Pareceume un feito case máxico porque paréceme aínda cedo para iso. Non sei.
O que é verdade é que é curioso e quere saber os nomes de todo o que mira e unha das súas novas afeccións son os contos dos pitufos e aí estou eu inventando nomes de pitufos. Iso si, espero que non aprenda a escribir con Gargamel porque escribe nun frasco " bava " de sapo.

Labels: ,

Tuesday, 24 February 2009

Polo camiño vello



Hoxe pola mañá traballei como de costume. No momento do taco estabamos a falar e eu ía falar e estaba comendo e houben de afogar que foi a comida polo lado que non é. Eu sempre dixen nese caso que vai " pola gorxa pequena " e teño oído " pola gorxa do aire ". O que nunca oín foi o de ir " polo camiño vello " como dixo un home de Tui.

Labels:

Monday, 23 February 2009

Cimos e verghas


Non todo vai ser festa e tocou axudar a espodar vimbias para atar as viñas en Arbo. As viñas necesitan duns axudantes vexetais para expandirse e a xente ten que cuidar vimbieiros e canais ( mato de canas ). Os vimbieiros dan vimbias que se espodan en verghas, cimos e rastoballo. As verghas son as máis gordas, logo veñen os cimos e o rastoballo que é o que non vale para atar. Axudei a espodar ata que se foi o sol e non só espodei vimbias senón que tamén houbo salgueiros que valen para atar e que son máis brandiños para cortar.
O día estivo soleado e as sirinas, que cantan como os canarios, voaban entre as viñas.

Labels: , , ,

Sunday, 22 February 2009

Sábado de entruido


Onte fomos disfrazados de familia india para admiración dalgúns e abraio dos que pensaban que eramos familia numerosa. O Leo desfrutou coma un indio e cortámoslle a cabeleira a un neno disfrazado de vaqueiro.

Labels:

Thursday, 19 February 2009

Xiana e o castelo regadeira


O amigo paidovento descubriume unha personaxe de cómic chamada Xiana. Debuxouna Norberto Fernández para a revista Golfiño e vivía nas nubes nun mundo fantástico.
Case sería ideal para a nosa Xiana se non fose porque os debuxos non son mui idóneos para nenos.

Labels: ,

Tuesday, 17 February 2009

Lazo



Hai anos que aprendín nunha obra de Constantino García a palabra " lazo " que significa " capa de xeo " e que procede do latín " ( g )lacium ", que semella tamén orixe do nome de Laza.
O que de verdade non sei é de onde virá o lazo que din por Arbo cando se refiren a esas manchas de cores brillantes que ten a superficie do café ou o viño ( - Este café ten lazo, ou; - Este viño ten lazo ).
En fin, unha dúbida linguística máis que teño.

Labels:

Monday, 16 February 2009

Conservando


A foto esta ten uns aniños e foi feita por unha estranxeira en Arbo. Gústame polo enfoque que ten e o colorido ( gaña se a amplías clicando nela ) e serve de testemuña do cambio dos tempos porque esta viña hoxe non existe e o feixe de veigas adicadas a millo coas súas medas agora están adicadas a viño.
Eu creo que un blogo é unha ferramenta ideal para conservar fotos e textos en forma de diario que co tempo gañan valor.
E por iso hoxe quero conservar as anécdotas do Leo " bautizando " pedriñas no xardín da avoaM, o riso que botamos cando queriamos gravalo cantando " Cumpleaños feliz " ao avóM e soltou a canción de " Caracol, col, col ", a ledicia que levou probando o disfraz de indio cos curmáns e o falar " extraterrestre " cando colle o teléfono.

Labels: , ,

Saturday, 14 February 2009

Corazón roto



A miña primeira lembranza del vén en forma de dous irmáns pequenos xogando coa area dunha obra no primeiro día que cheguei a Vilaguindastre. Máis tarde viñeron loitas infantís que remataban cos seus choros de non gañador. Ou tamén a súa perreira queimada polo matamoscas-soplete roubado na fábrica. Non pasou de sexto especial na EXB e quedou prendado da beleza no agromar dunha colexiala veciña. Sacou non sei de que contos a idea de pedila en casamento, loitou contra a súa timidez, colleu un ramo de flores e petou na porta da rapaza. A sorprendida nai da rapaza asumiu con seriedade o amor xuvenil pero delegou a resposta na filla. Esta riu cruelmente o atrevemento do rapaz enmeigado e así o sentenciou ao desvivir dun corazón roto. Comezou a caída por malos camiños e delincuencia e con dezaoito anos xa saiu no apartado periodístico dos presuntos coa idade trabucada pola de oitenta e un anos.
Pasaron os anos e agora camiña rindo só ou coa cabeza gacha, combina cores de roupa que non casan, pide cartos á xente e búscame o día do noso cumpreanos para que o convide.
E así safa hoxe a súa vida morta emocionalmente.
Por iso eu penso que hoxe non tiña que ser só o día dos enamorados senón tamén dos que teñen o corazón roto.
Vaia este posteo por eles.

Labels:

Thursday, 12 February 2009

Un pouco de relax

Despóis de varios posteos sobre temas escabrosos escribo unhas curiosidades topadas pola rede adiante coa súa foto correspondente para relaxarmos o corpo.

1. É imposible lamberes o teu propio cóbado.
2. Os crocodilos non conseguen sacar a lingua fóra.
3. Os camaróns teñen o corazón na cabeza.
4. Foi efectuado un estudo a 200.000 avestruces durante 80 anos, e non houbo ningunha delas que tivese tentado enterrar a cabeza na area.
5. É fisicamente imposible para os porcos ollaren para o ceo ( ceo directamente por cima das súas cabezas ).
6. Máis do 50% das persoas no mundo nunca fixeron ou recibiron unha chamada de teléfono.
7. Os cabalos non conseguen vomitar.
8. Os elefantes son os únicos mamíferos incapaces de saltaren sobre as súas patas.
9. Se espirras con demasiada forza podes partir unha costela. Se sostés un espirro, podes rebentar unha vea do pescozo ou da cabeza e morrer e se mantiveses os ollos abertos á forza, poderían saltar das súas órbitas.
10. Os ratos reprodúcense tan depresa que unha parella de ratos poderá ter máis dun millón de descendentes no espazo de 18 meses.
11. O uso de cascos de música durante 1 hora aumenta o número de bacterias no ouvido en cerca de 700 veces.
12. Se o goberno norteamericano afirma non ter ningún tipo de coñecemento da existencia de extraterrestres, por que no Código das Regulacións Federais Americanas no Título 14, sección 1211, engadida en xullo de 1969, está expresamente proibido e penado por Lei que calquera cidadán norteamericano teña calquera tipo de contacto con extraterrestres ou cos seus veículos de transporte ?.
13. O cuac dos patos non fai eco. E ninguén sabe o porque.
14. O 23% dos problemas coas fotocopiadoras en todo o mundo, son provocados por persoas que se sentan enriba delas para fotocopiaren as súas partes.
15. A maioría dos surimis ou palitos de cangrexo teñen escamas de peixe na súa composición.
16. Así como as impresións dixitais de cada persoa son únicas, tamén as impresións da lingua son un rasgo de identificación único.
17. Máis do 75% das persoas que leron este posteo tentaron lamber o seu propio cóbado.

Labels: ,

Wednesday, 11 February 2009

FieSStaSS



A min xa me cheiraba a chamusco...

Labels:

Monday, 9 February 2009

O río ten pelos


Na foto saen barcas do río Miño na beira portuguesa un día tranquilo de verán.
Estes días de temporal dan muito para falar do tempo e así conta historias un compañeiro de cando ía ao río sendo novo. Fala de pescar taíñas ( como lle chama ás carpas ) ou lampreas e remata relatando historias de naufraxios e desaparecidos no río e como aínda non se recuperou o corpo dun sobriño que leva máis de dous anos desaparecido. Cando finaliza o seu relato hai un silencio espeso e incómodo no que todos tratamos de imaxinar o que pode pasar pola mente da familia. O silencio queda roto cando outro compañeiro finaliza a conversa cun: " O río ten pelos ", frase curta e rotunda para dicir que o río sabe dos seus desaparecidos.

Labels: , ,

Sunday, 8 February 2009

Primeira foto de Xiana


Xa temos as primeiras fotos de Xiana onde non sae mui favorecida. Nesta foto sae a cabeza pero noutra mirábanse as súas partes e non é cousa de expoñelas ao público pero confirma o sexo da nena. Xiana vai mui ben e botaba a lingua á cámara. De tamaño está dentro da normalidade anque ten as pernas máis longas do normal.
Todo está ben para ela e a nai que iso é o importante. Toca seguir esperando e que non haxa imprevistos.

Labels:

Saturday, 7 February 2009

" Chime para pinar "


Mostreille o disfraz para Leo e dixo: " É bolito. Ah, un chime. ", sinalando o gancho para penduralo no almario. Eu díxenlle: " É para pindurar." e o Leo retruca: " Ah, chime para pinar."

Labels:

Wednesday, 4 February 2009

Rir é barato


O outro día merquei uns libriños a un precio de saldo na librería de Vilaguindastre para reforzar o futuro dos meus fillos e tamén para a miña satisfación. Rin cunha historia que conta Siro López no seu libro " Sorrir en Frades " que trascribo tal como está escrita.
" Tódalas trolas de Manolo eran divertidas, pero a min ningunha me gustou tanto como a do esquimó.
- Navegabamos varios meses en augas xeladas do Polo Norte, en misión científica secreta para o goberno do Canadá. Alí fíxenme amigo dun esquimó e tanto lle falei de Frades, que quixo vir comigo , así que subiu ó barco e, como estaba afeito ó frío, metino no conxelador. O malo foi que cando lle fun levar algo de comer, atopeino morto.
- Home, claro !- diciamos nós- A quen se lle ocorre metelo no conxelador ?.
- Pero estaba en porrancho !- atallábanos Manolo- Morreu de calor !. "
Foto fusilada da ilustración feita por Siro López onde se retratan a Manolo e os rapaces.

Labels:

Tuesday, 3 February 2009

Meme do traste galego


O outro día fun convidado polo amigo da Chousa da Alcandra a facer o meme do traste. En que consiste o tal meme ?. Mui sinxelo. Un trasteador é unha persoa que proba un produto típico da súa zona e que pensa que máis xente debería coñecer ese produto. E hai maneira máis bonita e práctica que dalo a coñecer que en forma de agasallo a alguén por medio do blogo ?. Eu penso que non. Así que eu tiña que ofrecer algo da miña zona e pensei no pan que ten sona pero non o vexo mui ideal para mandalo por correo así que vou sortear viño da terra case adoptiva de Arbo. O viño da adega As Laxas gústame e recibiu algún premio e ata hai compañías aéreas norteamericanas que o teñen na súa carta de viños !. Ademáis está feito con uvas da zona e muitos vendimadores da zona entregan as súas uvas albariñas para facelo e o avóM é un deles.
Así que se queres ter opción a recibilo na casiña totalmente de balde tés que comentar neste posteo e o día vinteoito de febreiro realizarei o sorteo para mandar o viño por correo ao gañador.
No blogo de LM podes ver unha lista das cousas que se sortean coa súa ligazón correspondente ao blogo sorteador.
E agora toca embarcar a tres blogueiros. A ver, a ver. Xa sei: Nébeda, Torreira e aquamlatam.
Na foto saen os veículos carregados de uva albariña na entrada da adega na vendima do farturento ano 2006.

Labels: ,

Monday, 2 February 2009

A Relva


Na parroquia onde vivo hai un barrio que se chama A Relva. Nos cartaces poñen Relba que non sei de onde o quitaron. Un veciño máis novo ca min díxome que unha relva para el é un prado segado e en portugués relva vén ser grass en inglés ou césped en castelán.
Isto todo vén a conto por un medio debate que había nalgúns blogos sobre endónimos e exónimos.
Nada. Lideiras miñas.

Labels: ,

Sunday, 1 February 2009

Labirinto


A lavandeira coxa vive no seu cárcere inmenso de pedra, cemento e cristal e come as pupias e farangullas dos bocatas dos nenos. Paséase perto do bar " O Finikito " onde son xenerosos ata provocar o abraio dun pai de tres fillos. Tópase o bar no primeiro andar nunha das infinitas voltas que dá o labirinto. Botas, roupa, contos Disney, cueiros, de xantar, de beber e de sobremesa e máis cousas pódense adquirir aquí. Iso si, reloxios postos no trinque NON que se desfai a obra de arte de corazóns valentinescos. Tamén neste lugar fai frío pero pódese durmir unha sesta ou mesmo montar nun elefante rosa e repetir a experiencia. A fauna humana complétase con bandas de música, militantes pola paz e contra a fame do mundo, vendedores da verdade política que din que o nacionalismo é unha relixión para practicar na casa, algún actor da televisión e un violinista vello na entrada. Para isto e máis dá un centro comercial.
Aviso importante: non tires fotos como a de arriba que está proibido.

Labels: