leoeosseus

Sunday, 30 September 2007

O tempo " dorme "



Onte sábado por fin rematamos a operación vendima 2007. Empezou mal o asunto cando na finca do Couto topamos a " pegada " dos cabalos do monte. Había bostas e comeran bastantes uvas. Outro problema que viamos era o tempo. O ceo estaba pechado de nubes e o avóM dixo algo que nunca oíra. Algo bonito e ata poético. Dixo que o tempo dormía. E mesmo parecía de tan negro pero tranquilo e silandeiro que estaba o ceo. E tivemos sorte que o tempo durmiu ata que rematamos a vendima coas últimas uvas de treixadura. No camiño para Vilaguindastre o tempo espertou... e de que maneira !.

Labels: , ,

Thursday, 27 September 2007

Primeiro aniversario do Leo



Hoxe o Leo está de primeiro aniversario. Na foto sae o naipelo coa boca larafuzada de chocolate do seu pastel de cumpreanos. Quedou abraiado vendo a candea acesa e non sabía que tiña que soprar pero aplaudiu cando aplaudimos todos. Logo meteu os dedos na torta e colleu os monecos que a adornaban. Foi para o chan e adicouse a percorrer todo agatañando a velocidade do demo. Ponse de pé e foza con todo e encántanlle as luces e farolas da rúa e adícalles sorrisos e balbuceos. Aínda non di palabras e, como muito, sáenlle diálogos estilo pelacho. O outro día estaba Ana dicíndolle " Micky " por un debuxo no gorro e Leo dicía " iki " e Ana repetía " No: Micky " e o Leíño porfiaba " kiki " e Ana outra volta con " Micky ". O Leo fartouse e respondeu: " TETA ".

Parece mentira pero xa pasou un ano dende aquel día do necoriño, e logo un mes, e dous, e tres, e catro, e cinco, e seis, e sete, e oito, e nove, e dez, e once e así ata o día de hoxe...E que haxa máis.

E iso é todo por hoxe. Graciñas de corazón ós que felicitaron a Leo.

Labels:

Wednesday, 26 September 2007

Suba de prezos por mor do biodiesel



Na fábrica hai muito traballo estes días porque vai subir o prezo do pienso. Esta suba ten que ver coa suba do prezo das materias primas que agora se empregan para facer biodiesel. Din que o biodiesel é máis ecolóxico pero xa saíron estudos que din que non. Aparte diso seméllame triste utilizar tantas prantas para facer combustible e que queden animais e a humanidade en xeral sen comer. O futuro traerá o peche de fábricas de pienso como a da foto e tamén o de muitas panaderías. O peche das panaderías dáme mágoa porque co elas desaparecen as repartidoras de pan que deben de arrecender a pan recén feito.
En fin, o futuro dirá.

Labels:

Tuesday, 25 September 2007

Terceiro día de vendima

Onte foi o terceiro día de vendima para min e desta volta tocou o turno dos híbados que son uvas híbridas. Estas uvas resisten ben as pestes e os problemas climáticos e dan un viño dóce que non está mal de todo. Se comes a uva tés que botar a casca fóra que é mui dura. Este ano houbo menos que o ano pasado e así puidemos vendimar nun día San Benito, Correlos, Reghengo, Louriña, Suborribas, Martín Tomé, Purghadas, As Laxiñas, A Ínsua, Tumbalobos e o alto da Refontán.

Agora só queda a Treixadura ( que pon a barrigha dura ) e sae na foto de embaixo.
E como non todo vai ser vendima tamén cruzamos a ponte Manuel Fraga sobre o Miño e fomos a Melgaço, a uns catro quilómetros de Arbo. Demos unha voltiña pola vila ben cuidada de casiñas de pedra rodeadas pola muralla da foto de arriba e con vistas do val do Miño.
Desfrutamos dunhas cervexas baratas, das vistas e da diferenza dunha hora pegadiños á muralla.


Labels: , ,

Friday, 21 September 2007

Segundo día de vendima



Hoxe tocoume a segunda tanda de vendima 2007. Desta volta tocou vendimar uvas albariñas como as da foto. Estivemos en Correlos, Tumbalobos e Suborribas e apenas enchemos unhas doce caixas para a adega. As uvas estaban secas no cacho e poucas se aproveitaban. Este ano a cantidade é unha quinta parte do ano pasado que fora de récord. As videiras desta volta están case baleiras pero si que había vides novas con uvas. A primeira vez que dá uva unha videira ten que vendimala un home que se a vendima unha muller vólvese a videira aneira, ou sexa, dá uva ano si ano non. É unha cousa de vellos pero a xente aínda segue este costume supoño que por se ascaso !.

E así foi o segundo episodio. Gústame a vendima porque o campo revive con xente polas viñas que aparecen familias enteiras para axudar e coas parrafadas e os risos dos vendimadores e o traqueteo dos tractores. Tamén contribúe a paisaxe coa explosión de cores amarelas, vermellas, verdes, laranxas e castañas engrandecidas pola luz apagada do setembro de sombras longas.

Aínda quedan por vendimar as uvas de treixadura para a adega e o híbado para a casa. Pero iso será outro día.

Labels: , ,

Thursday, 20 September 2007

O conto dos rabos dos cans



Levo un tempiño traballando polas mañás e xa non saco a Colín con Leo a iso das nove da mañá. Colín adícase a cheirar por aquí e alá e o Leo observa o mundo dende o cochiño. Hai veces que se acercan outros cans a Colín e seguen sempre a mesma pauta: poñense a cheirarse o cu. O Leo vai medrar e un día empezará co esas preguntas curiosas dos nenos e quererá saber porque os cans andan a cheirar os cus dos outros. Nese momento terei que contarlle o conto que aprendín hai tempo.

Resulta que tódolos cans do mundo tiñan unha reunión mui importante nun palacio. Como ían estar apretados ordearon colgar os rabos na percha da entrada que xa se recollerían á saída. E no momento que estaban todos reunidos tranquilamente soou a alarma de que había un lume e alá fuxiron todos collendo o primeiro rabo que lles caía a xeito. Pasou o tempo e agora cando un can mira outro polo camiño acércase a verlle o rabo se é o seu que deixara pendurado. E así están na busca eterna do rabo deixado no palacio.

Bueno, o motivo é outro pero queda máis bonito se se conta en forma de conto, non é ?.

Labels: , ,

Tuesday, 18 September 2007

O camioneiro feliz



O outro día carguei o meu primeiro camión de pienso. Tiven a grandísima sorte de cargar o camión de " Ghai ", un home tranquilo e feliz que fai honra ó seu apelido. Porque " Ghai " non vén de Jaime nin Jaimito senón de Gay, un apelido galego non mui frecuente que no caso deste camioneiro concorda co primeiro significado de " gay " en inglés: alegre... Cousas da gheada e do inglés.

A foto é roubada na arañeira. Non teño fotos do tal camioneiro.

Labels: ,

Monday, 17 September 2007

Primeiro día de vendima

O sábado tocou vendimar tintas e estivemos en Correlos, Reghengo, Louriña e As Insuas. Este ano había menos uva e nos cachos a metade estaba seco. Vendimamos Gharnacha, Folla Redonda e Mencía. A Folla Redonda é un híbrido que dá un viño oscuro e daí sacan muito Barrantes. As uvas son redondas e de cor mui escura e a folla da videira dobra as puntas dunha maneira que case queda redonda. De Mencía non hai muitas videiras pero son mui vellas, gordas e retortas. Á beira das Insuas había un cabalo cun cencerro que o deixan alí de noite para que non vaia o porco bravo ó millo. Tamén deixan un can na outra punta da veiga pero o porco bravo entra todo cheo de razón. Supoño que ó ver que hai máis animais el colle confianza.
O domingo chegou a treboada e fixen a foto de arriba dende a fiestra da casa
Aparte de vendimar aprendín dunha prantiña sinxela que nace no medio das viñas e que se chama beldro e sae refrexada na foto de embaixo. Antigamente facían ensalada co ela pero non valía muito. Eu supoño que será o " bledo " e daí a frase " me importa un bledo " co valor de " non me importa nada ".
E isto foi vendima 2007 capítulo primeiro que aínda queda as brancas por vendimar.



Labels: ,

Friday, 14 September 2007

Mensaxes no centro comercial

Xa rematou o tempo de praia e hoxe estivemos nun centro comercial. O Leo alucinaba coas luces e o movemento de xente e gustoulle probar un todoterreo e un coche de carreiras.
A xente era un mostrario de vestimentas e o que máis me atrae son as mensaxes das camisetas: unha rapaza quería que a bicasen, outro rapaz daba a coñecer ó mundo que Galicia foi a campiona mundial de futbolín no ano 1997 e así máis mensaxes. Pero o que máis me gustou foi o que puña en inglés que o único que permanece é o futuro... e o noso futuro máis próximo é a vendima 2007.
Ata a próxima.
Na foto unha atracción para menores con mensaxes para maiores.

Labels:

Wednesday, 12 September 2007

Fin practicamente de verán



Levo toda a semana visitando o restaurante do " Gran Botellón " porque non vou ó supermercado xa que aproveitamos as tardes para ir á praia, a queimar os últimos cartuchos deste seudoverán. Queriamos bañarnos nove días seguidos en setembro que din que iso inmuniza a unha persoa de catarreiras e gripes por un ano pero xa non puido ser que o domingo fallamos.

E como case despedida de verán poño a foto dun gato nunha fiestra dunha casa brasonada de Vilaguindastre. Estas noites as fiestras están abertas de noite que semella que as casas queren respirar por elas. Dá un pouco de mágoa pensar que dentro de pouco hai que fechar as fiestras de noite.

Labels:

Tuesday, 11 September 2007

Restaurante " O Gran Botellón "

Hai días que non teño pan ou algo para meter no pan cando é a hora do bocadillo pola mañá. Tamén hai veces que me ergo tarde e non teño tempo para preparar o taco. Unha solución a estes imprevistos é ir a un restaurante ó que van varios compañeiros de cotío. Nese restaurante hai algúns detalles que me chaman a atención. Un é o " Gran Botellón " que vixía a entrada dende o aparcamento cunha cámara de vídeo. Outro detalle é o cadro de abaixo que me semella cheo de vida e que me fai pensar no que di o mozo á moza e no que estará cismando a que supoño que é a nai da moza.
Aparte destes detalles o restaurante ten un máis que bo prezo: unha boa tapa quente a escoller entre tres pratos, unha cervexa, un café e pan moreno a esgalla todo por 2,90 euros... Por ese prezo paga a pena que o " Gran Botellón " me vixíe !.


Labels: ,

Sunday, 9 September 2007

Festa da Virxe do Libramento

Esta imaxe corresponde á festa da Virxe do Libramento en Arbo no ano 2003. Agora cambiou porque xa non hai xuntas de bois para tirar do carro e é un tractor o que fai o traballo. Esa virxe axuda ás mulleres no momento do parto. Por esta terra hai muita tradición de santos e virxes avogosas de mil asuntos porque o pobo galego sempre pensou que Deus pode ser grande pero non pode atender todo, penso eu. Os entendidos din que é un resto do politeísmo anterior ó cristianismo que a relixión católica asimilou admitindo santos e virxes.
O caso é que esta tradición en Arbo vai a menos. Antes eran os bois os que tiraban do carro e había varios nenos con asas de anxo montados no carro. Levan catro anos sen bois e este ano só había dous nenos engalanados de anxiños e un deles tiña asas de anxo pero tamén unha viseira ( como se adiviña na dereita das fotos dos anxiños ).

Aparte do carro con anxiños vai outra virxe portada por catro ofrecidas, unha gaita, tamboril e tambor e oito danzantes que cada pouco danzan distintos bailes diante do carro e frente á virxe. Estas danzas son bonitas e orixinais.




E como non todos os adiantos tecnolóxicos han ser malos; aquí poño unha foto dun bar tirado por un tractor.



En fin, que temos unha terra chea de crenzas.

Labels: ,

Friday, 7 September 2007

Rueiro de Nigrán

A praia onde máis imos está no concello de Nigrán. Este concello tivo a iniciativa hai uns anos de sinalizar as súas rúas e camiños cuns carteis que a min me semellan bonitos. Normalmente, á beira do nome da rúa aparece un debuxo alegórico ó nome en cuestión. Daí que na " estrada pola vía " apareza un tranvía debuxado; na " rúa dos pazos " sae un pazo debuxado e no camiño adicado á avoa Carmela, unha señora centenaria, sae debuxada unha avoíña. E así máis. Pero tamén aparecen algúns que non teñen nada debuxado pero si que podería ter o debuxo. Este é o caso do camiño da foto. O " camiño do pardiñeiro " debería ter debuxada unha casa en ruinas que ese é o significado da palabra pardiñeiro.


E logo tamén está o caso da " rúa da costa da barxa " que tamén podería ter debuxado un río coas súas ribeiras sen edificacións nin muros porque barxa é unha palabra preciosa que significa terreo comunal á beira dun río. Os nosos ancestros eran intelixentes e sabían que os ríos eran de todos e que ninguén tiña dereito a impedir o acceso a eles nin o seu desfrute.

Ogallá este costume de deixar en man común as ribeiras dos ríos e as beiras do mar seguise existindo para desfrute de todos en xeral e non só duns poucos. Muitas cousas cambiarían.

Labels:

Wednesday, 5 September 2007

Folleto en seudogalego

Unha das teimas que teño é a de ler envoltorios de productos, folletos, anuncios e demáis trangallada que a maioría dos mortais, con razón, non le. E cantos máis idiomas millor. E así, por exemplo, gústanme os productos da marca branca do Eroski porque poñen todo nos catro idiomas oficiais de España. E, seguindo co tema, hai pouco chegaron novos productos para cans e gatos á miña empresa e comprobei con alegría que están escritos en español, inglés, portugués e ... oh, marabilla ! en galego, catalán e basco.
Con todo isto quero dicir que me aleda coñecer iniciativas privadas que rotulan os seus folletos nas linguas minorizadas deste país. Muitas veces esas iniciativas teñen en contra ata a opinión dalgúns membros e teñen que luitar contra prexuizos e excusas como a falla de comodidade, a careza de rotular en varios idiomas, a necesidade de correctores, etc. E estas iniciativas, contra máis dificultades, teñen o meu apoio máis reforzado aínda.
Todo este preámbulo ten que ver cun correo que recibín referente ó presidente dunha asociación que estaba abochornado pola mala calidade da tradución do seu folleto. No correo dinme que el puxo todo o seu empeño e gañas por dignificar a lingua galega pero o esforzo non obtivo o resultado desexado por el. E eu, dende este humilde blogo, quero que saiba que naquela ocasión falei do seu folleto só como unha curiosidade e sen ánimo de ofender. Eu non teño un bo galego e non son quen nin o quero ser para criticar a ninguén polo galego ou outra lingua que use. Ó contrario, por suposto que aplaudo a súa iniciativa de normalizar o galego nese sector case afogado, como explica o correo, por empresas alleas á cultura galega. Ogallá este caso non fose unha excepción e aprendesen máis empresas desta iniciativa e que o galego se normalizase.

Labels: ,

Tuesday, 4 September 2007

Barquiiillos

Esta imaxe foi tirada hai tres horas. O Leo desfrutou na area agatañando e metíase sen medo no mar. Houbo dous feitos extraños para el: que a auga que tiraba na area desaparecese de forma misteriosa e que pasase cada pouco unha señora berrando " Barquiiiiillos ". Eu lembro que antes dicían " Parisiiiiiéns y patatillas ".

Labels:

Monday, 3 September 2007

Premio concedido por mueja







A imaxe de arriba mostra unha moega ( muegha por esta zona de Galicia ) que é o que me vén á mente cada vez que visito o blogo de mueja. Pois resulta que o tal blogueiro me concedeu un premio, simbólico pero premio á fin. Os meus méritos segundo el ?: escribir historias divertidas, recordos e cousas curiosas da vida na aldea. E eu quedo contento porque aparte de xente que me le hai xente que ata pensa en min para darme un premio. Detalles coma este ou coma correos que recibo, danme azos para seguir co este blogo. Agora eu tería que darlle o premio a outros sete blogos que me gusten, asunto este que me pon nun estado de indecisión mui frecuente en min e que recuso a facer.


Labels: ,

Sunday, 2 September 2007

Bechos de Arbo



Cando imos a Arbo sempre aprendo cousas novas e palabras novas.
Estamos a fins de verán e os bechos voadores andan rabiosos e incordiantes. Todos coñecemos as moscas que son as típicas de sempre pero non é o único becho voador. Hai unha especie un pouco máis grande, de testa máis vermella e con catro raias ó longo do corpo. En Arbo chámanlle vareixa. Aparte diso hoxe unha especie de vespa traboulle nunha perna á avoaM e o bisavó Ricardo falou dun favo enorme que topara nunha casa que semellaba unha lampada. Busquei na interrede en imaxes esa palabra favo e saltáronme ós ollos imaxes en portugués e italiano. Favo resulta ser unha reliquia latina. Outra reliquia como cando a bisavoa Celia di que algo lle noce cando lle lastima.
E como estaba coa cazata de bechos tamén topei o percevexo que fede se o tripas. O tal percevexo non o daba topado e non sabía como dar con el. Matinei un pouco e escribín percevejo e logo nezara viridula e voilá.
E creo que xa falei abondo destes "amigos".

Labels: , ,