leoeosseus

domingo, 31 de xaneiro de 2010

Herba rapuda


Cando eu era un neno viña cos veciños a esta zona onde vivo hoxe. Agora está chea de edificios pero antes era un prado con zona de herbas rapudas como saen na foto de arriba. Viñamos todos e arrincabamos estas prantas e deixabamos o talo limpo para facer frechas con elas. Cunha punta espetada nun extremo e un arame enrolado noutro extremo de contrapeso e unha pluma xa estaba a frecha feita. O arco era unha póla de salgueiro e a corda un sedal de pescar.
Pasaron os anos e aprendín que esa pranta pioneira que nace en terras malas ou queimadas lle chaman herba rapuda por terras de Arbo e onte descubro que tamén existen por EEUU da man dun artista que retrata paisaxes urbanas colonizadas pola natureza: Ives Krief.
Deixo esta mostra pero aquí tés máis.
Nada, que me sigo abraiando do pequeno que é o mundo.



Etiquetas: , , ,

venres, 29 de xaneiro de 2010

Xubilación


Hoxe no tempo do taco do choio falamos da idea do goberno de retrasar a xubilación ata os sesenta e sete anos de idade. Logo os compañeiros empezaron a botar a culpa a Zapatero, que se axudas para inmigrantes, que se créditos bancarios, que se burbulla inmobiliaria, etc, etc. O que quedamos todos de acordo é co dito do avóM referido a pedir préstamos fóra das posibilidades reais. O dito é: " Quen compra sen ter vende sen querer ".
Na foto dun libro de francés para principiantes tamén se explica política para principiantes.

Etiquetas: ,

xoves, 28 de xaneiro de 2010

Pelengríns e ladróns


Hoxe levei a Leo ao parque da escarranchada e pasamos polo albergue de pelegríns onde había unha parella de californianos. Quixen practicar o meu inglés tarzánico e pregunteilles se necesitaban algo. Eles tiñan a porta pechada e querían abrila. Había un cartel cun número de teléfono e dixen que chamaran a ese número. Dixeron que non tiñan teléfono e preguntaron onde era o concello e alá botou o home a andar. Fun ao parque e cando cansou o Leo marchamos. Seguían os californianos esperando que chegase un municipal para abrirlles a porta. E mirei que tiñan un móvil na man. Antes dixeran que non tiñan e agora si tiñan ?. E caín da burra. Deberon pensar que eu son a raposa das vinte uñas que é como chama ao ladrón un compañeiro de traballo.
Pois nada, que teñan unha boa pelegrinaxe e que teñan unha boa lembranza de Vilaguindastre co municipal tardón e o home que lles quería roubar.

Etiquetas: , ,

mércores, 27 de xaneiro de 2010

Corenta meses


E o Leo chegou aos corenta meses ou tres anos e catro meses. Progresa en tódalas facetas tanto social como fisicamente. No cole leva uns días traballando muito e a profe está contenta. Na casa e fóra pórtase ben e vai pedindo as súas necesidades. Gústalle xogar con " plasti " e cos coxíns do sofá e cos monecos, tanto dinosaurios como monecos novos como o Grúfalo que lle regalou abuelacris. Segue tolo polos contos e agora mira na tele e fala con Dora a exploradora. No falar de cada vez mete máis español e sabe contar en inglés ata dez que aprendeu na escola.
E agora vou pór unha historia exemplo desas que inventa xogando, neste caso co Grúfalo dentro do vaso que fai de gorro e as zapatillas que fan de coche ( na foto ).

" Vou ir de visita. Ola, amigos, que tal ?...Con sus coches... Que fai o Grúfalo ahora ?. Son o señor... Que fai agora ?. Que era yo. Serías ti. Ya sé, una cousa vou facer, despóis taparme, vou facer unha cousa. Ser una un petilo, eso es una cousa. Ola, sou o señor pitito. Ui, casi me caio !. O borro ( gorro ) petito está aquí. Ya sé. Este gorro pitifón. Rum, rum. Como sou un señor do revés que feo soy. "

Etiquetas:

domingo, 24 de xaneiro de 2010

Razón e equivocación



Un posteo de Chousa da Alcandra fíxome lembrar un enredo que aprendín hai anos onde o final acaba coma o principio.



Cando un neno ten catro anos pensa que o pai sabe todo. Cando o rapaz ten doce anos pensa que o pai ás veces se equivoca. Cando ese mozo ten vinte anos di que seu pai non se enteira de nada. Cando chega aos vinteoito di que seu pai ás veces ten razón. E cando chega aos trinta e seis o neno, xa feito un home, exclama: " Canta razón tiña meu pai ! ".



Na foto está a bisavoa Celia rodeada de veciños nenos, rapaces, adultos e vellos con razón ou errados ou no camiño entre ambas posicións.

Etiquetas: , ,

venres, 22 de xaneiro de 2010

Visente


Tal día coma hoxe hai vinte e un anos Visente convidounos polo seu santo a tódolos compañeiros de traballo a pasteis e viño. Visente tiña un sorriso perenne e as pernas enquerquenadas. Os veteráns dicían que andaba así debido ao tamaño das súas partes e el non dicía que si nin que non. Os novatos eramos mui infantís ( podes imaxinarme con vinte e un anos menos ) e faciámoslle preguntas tontas ao boafé do Visente. El respondía sen abandoar o sorriso cunha resposta máis tonta que a pregunta que xa era dicir. Lembro dicirlle nunha ocasión: " - Visente, o outro día miráronte debaixo do puente de Rande. Que facías alí ? ". E el soltou sen pensalo: " - Debaixo do puente de Rande ?. Estaba a cazar coellos ! ". E eu rin coma un parvo.

Na foto da illa de San Simón que me lembra a Visente hai unha estatua algo fálica e a ponte de Rande: coto de caza de coellos.

Etiquetas:

martes, 19 de xaneiro de 2010

Eu


Hai tempo Bolboreteira mandoume facer un meme onde me teño que describir con sete caraterísticas. Podería contestar cos praceres confesables que teño ou coas cinco manías que teño ou mesmo falando dos oito países que me gustaría visitar pero non sei falar de min nin para pedir traballo. Así que deixo que opinen os comentaristas sobre min e prometo dicir se están certos ou non.
Animádevos que admito anónimos tamén !.

Etiquetas:

luns, 18 de xaneiro de 2010

San Antonio da estación


A vida ten uns ciclos e co esta data repetiuse o refrán do ano pasado.
Viñamos onte da adega o avóM máis eu e topamos con dúas veciñas; unha que non chega aos sesenta e outra xa velliña. A velliña preguntou se sabiamos o refrán de San Antonio e dixemos que si pero ela dixo que sabía outro do San Antonio da estación de Arbo onde se facían boas festas hai muito tempo ( na foto ). Ese refrán só o saben os máis vellos e ten medo que se perda. A outra veciña díxome: " - Rapás, escribe este refrán que non se perda ". E aquí o escribo para que non se perda: " San Antonio da estación, casamenteiro das vellas; casa ás novas, que mal che fixeron elas ?. "

Etiquetas: ,

domingo, 17 de xaneiro de 2010

Circo


O Leo máis un curmán foron por vez primeira a un circo e non defraudou, mesmo estivo mui ben. Miraron tigres de Bengala, unha cebra, unha llama, un bisonte, unha avestruz ( que asombrou a Leo ), uns ponis, uns porcos, un oso pardo ( para facer fotos co el e de nome Samil que naceu, seica, hai dous anos nese lugar vigués ), unhas vacas sagradas e un partido entre o Real Madrid e o Barça pero os xogadores eran cans que ían detrás dun globo. Houbo domador, pallazo, malabarista, músico, home con látego, equilibrista, antipodista ( malabarista cos pés ), unha rapaza que facía exercicios con hulahop e facía acrobacias no alto, unha parella acrobática das alturas, un "suicida " dunha corda no teito do circo e dous irmáns mui noviños que facían un número co irmán maior deitado que lanzaba e xiraba cos pés ao pequeno.

Pagou a pena ir ao circo, non tanto polos pequenos senón por min que desfrutei admirando proezas que xamais serei capaz de conseguir.

PS: esquecín falar de Noddy e as súas cabuxiñas e a sesión extra de maxia que non ofreceu o fillo duns bos amigos.
Eva, graciñas por facerme acordante do Noddy.

Etiquetas: ,

xoves, 14 de xaneiro de 2010

Liortas e poceiros


Hoxe vou destacar dous asuntos nesta miña vida sinxela. A profe Maite separou a Leo e Carlos que estaban enganchados nunha liorta pola bolsa da merenda sen consecuencias. A nai de Carlos, que foi o que iniciou todo, ofreceume que lle pegase no cu ao seu fillo. Eu, por suposto que non lle peguei e fíxenlle dicir que non ía repetir a pelexa con Leo nin con ninguén. Por fortuna todo quedou nun amago de bullying, que é como lle chaman agora ás pelexas de rapaces.

O outro asunto que destaco foi o tema que falamos no tempo do taco do choio. Resulta que na empresa hai unha fuga de auga subterránea e chamaron a un poceiro para que atine co lugar da avaría. Pois resulta que o tal home é quen de adiviñar por onde foxe a auga co sistema do péndulo. Eu sabía do sistema da galla de salgueiro, amieiro ou de vimbio que seica agarras con forza do pau e tira a punta para abaixo alá onde hai muita auga. Pero non coñecía o sistema do péndulo. Este método consiste en soster unha cadea de prata cun reloxio de pulso na punta ( non valen dixitais ). O home vai andando e cando hai auga o reloxio empeza a facer círculos. Canta máis auga, máis rapidamente xira e ata pode saber os metros de fondura que hai que cavar. Para iso piden que lle boten unhas pedriñas ou moedas na man libre que pon de cazo apoiada nas costas. Manda parar e logo conta; tantas unidades, tantos metros que hai que cavar.

Non sei. A min seméllame un pouco fantasioso pero os compañeiros teiman en que atinan e hai que crerllo. Tamén din que é famoso un tal " Bomba " que atina co sitio pero que non di os metros que hai que cavar.

Na imaxe sae un pozo dun xardín de Vigo sitiado por edificios esperando o seu turno de demolición.

Etiquetas: , , ,

mércores, 13 de xaneiro de 2010

Cantinela das primeiras letras


O Leo está a aprender a ler as primeiras letras e sabe ordear as do seu nome. Agora teremos que xogar con cada vez máis letras e que vaia millorando. Se non soubese ler cantaríanlle por todas partes " AEIOU borriquito como tú que no sabes ni la U " pero por Arbo din doutro xeito que eu descoñecía e que habería que recuperar para o galego: " AEIOU se non sabes vouche ao cu ".

Etiquetas: ,

luns, 11 de xaneiro de 2010

Primeira nevada do Leo

Onte, indo de camiño a Arbo, o ceo gris comezou a soltar farrapos de neve que se desfacían contra o coche. En Arbo xa caían folerpas con intensidade pero non callaban porque o chan estaba quente de máis. Quedamos coas ganas de xogar coa neve e tiramos para A Caniza despóis de xantar. Non demos chegado porque polo camiño topamos cun coche esnafrado fóra da estrada e collemos medo. Aparte o Leo quedara durmido. Tomamos camiño para Vilaguindastre pero xa albiscamos os altos da redonda brancos así que nos animamos a subir a Erville. A xente que vai ao mercadillo dos domingos estaba gozando da neve que cubría a zona. Así que espertamos ao Leo e saímos xogar coa neve dun camiño. Ao Leo gustoulle a cor e o ruido que fai cando a tripaba pero non chegou a collela que a notaba fría. Fixemos fotos e un moneco de neve algo abstracto para levar no coche e voltamos para o calor da casiña e un chocolate.
Hoxe Leo remataba as súas vacacións e quixo ver se aínda estaba o moneco de neve no coche. No seu sitio había un garabato de piñeiro que fixo de nariz e unhas pedriñas de xabre como mostra da marabilla case milagrosa da existencia de neve por estes lares. Quen sabe cando veremos neve outra vez por aquí !.

Etiquetas: ,

domingo, 10 de xaneiro de 2010

Chapapote e neve




Estes días de neve ( por outras zonas pero non por Vilaguindastre ) fixéronme lembrar a neve de hai xusto sete anos. Era un dez de xaneiro de 2003 e a costa galega aínda tiña chapapote do Prestige. A asociación de graniteiros de Vilaguindastre fletou NOVE autobuses cheos de traballadores para irmos limpar chapapote en Carnota. Saímos ás sete da mañá pero no camiño tivemos que parar durante dúas horas pola neve e xeo que había na estrada e saímos xogar coa neve. Chegamos á unha da tarde e fomos sen comer nada a limpar para aproveitar a marea baixa. Traballamos duro ( dixéronnos uns bombeiros vontarios chegados dende Sevilla que xa levaban unha semana limpando ) e conseguimos arrincar coas mans máis de vinte toneladas de chapapote. O pago polo noso traballo foi un bocata, un iogur, unha mazá e unha botella de auga. Pode parecer pouco pero a satisfacción de facer algo positivo pola nosa costa, iso é o que realmente importa.
Chapapote nunca máis !.

Etiquetas: , , ,

xoves, 7 de xaneiro de 2010

O " Bebopurrela "


Cando vou a Arbo paso por este camión de gaseosas abandonado e non podo evitar pensar no camioneiro " Bebopurrela ". Este rapaz traballaba para a Torredocaminho e un día ata falei dun accidente que tivera. Pero diso xa choveu un pouco e a el tamén lle chegou a famosa crise e agora está cun camionciño repartindo bebidas para bares e de aí que o lembre eu cando miro este camión. O " Bebopurrela " caiume sempre ben porque é de mente positiva e leda e ten un sorriso imposible de borrar. Os accidentes e as crises non poden co el. Conserva a simpatía e conta historietas e " paridas " con humor. Sempre canta e dálle un xeito pero o máis simpático é que inventa letras e de aí que eu lle chame " Bebopurrela ".
E agora vou resolver o misterio da nomeada que lle puxen ligando a canción que el cantaba e titulaba " Bebo purrela ".

Xente así nunca está de máis !.

Etiquetas: ,

luns, 4 de xaneiro de 2010

Inocencia


O Leo ten unha curmá que ten unha teoría acerca dos Reis Magos. Ela di que os Reis Magos son os pais. Cando lle preguntan os seus pais cando conseguen os agasallos ela responde que a víspera de Reis pola noite a cidade toda ponse en movemento como por maxia: abren todos os comercios e saen todos os pais a mercar os regalos mentres os nenos dormen.
Bendita inocencia !.
Na foto ( collida pola interrede adiante ) os Reis Magos tratan de cortar a corda pola que sube Papa Noel ao balcón.

Etiquetas: ,

domingo, 3 de xaneiro de 2010

Terra das Xans


Sempre aprendo cousas novas en Arbo e a penúltima é a antiga existencia das Xans que, antes da chegada do alumeado público aos cruces de camiños, estaban encargadas de facer desaparecer a xente da vista dun. Así lles pasou á avoaM. e á bisavoa Celia hai muitos anos cando se cruzaron cun veciño de nomeada " Pato bravo " que se lles desapareceu diante do camiño como levado polas Xans.
Consultei iso das Xans e explícao mui ben Eladio Rodríguez no seu dicionario onde di que son como unha procesión da Santa Compaña pero feita con vivos.

Na foto sae a Veigha de Campos: terra das Xans.

Etiquetas: , ,

sábado, 2 de xaneiro de 2010

Trinta e nove meses ( e seis días )

E pasou o mesario do Leo e despisteime. O Leo celebrou o fin de ano comendo uvas de lata especiais para nenos pero sen rematar a ducia e entrou no ano cun ataque nocturno sorpresa dun mosquito ou araña que o deixou cunha orella e unha pálpebra inchadas que semellaba un trasno.
E así vai co seu falar castrapeño en voz alta comezado todo cuns " Ei ! " esaxerado e inventando historias. No comer é mui seu e sabe máis de merenda e sobremesas que de comida. Pide ( case sempre ) para facer as súas necesidades e millora as súas relacións cos demáis ( anque no primeiro está tímido ).

Etiquetas: